A mellor becerra xenómica de España de menos de 18 meses, Baixo Jetset Silly, da gandería Baixo Holstein de Sarria, foi vendida esta mañá na II Poxa de Gando Frisón de Élite de Curtis por 10.300 euros á gandería Pena Guisande SC, do concello lucense de O Páramo.
A poxa dos 21 animais procedentes de 8 das mellores ganderías por cualificación xenética de Galicia superou as expectativas tanto en asistencia, con gandeiros procedentes de fóra de Galicia, como en cotizacións. Todos os animais foron vendidos con prezos que oscilaron entre os 1.300 euros e os 10.300 euros.
Esta foi a cantidade que acadou Baixo Jetset Silly, número un de España en becerras xenómicas de menos de 18 meses na clasificación de Conafe do pasado mes de xaneiro, con 4.781 puntos GICO. Ademais de ser produtora de leite A2A2, esta xovenca leva consigo dous contratos de embrións e un de macho con Xenética Fontao. Esta foi a poxa máis disputada, xa que o prezo de saída foron 2.500 euros.
Tras ela, o segundo mellor prezo foi para outra becerra de Gandería Baixo Holstein. Trátase de Baixo Clever Silvy ET, número 12 de España en GICO, que acadou os 4.300 euros. O terceiro posto foi para unha becerra: Cundins Hue Apllicacable FIV ET, que foi mercada por 3.800 euros.
Esta II Poxa de Gando Frisón de Élite foi organizada pola empresa galega Embriomarket S.L e polo Concello de Curtis co obxectivo de dar saída comercial á alta xenética que se está a acadar nas ganderías de vacún de leite de Galicia.
Resultados da poxa:
INDENTIFICACIÓN | PREZO SAÍDA | PREZO FINAL |
CUNDINS CANDY ROYAL ET | 1800 | 2800 |
CAMPA STAR SPECI FIV 2 ROJA ET | 1800 | 2800 |
XERCAS CAV ANIMO TIGER RED | 1000 | 1500 |
DG HERO ATHLETA | 2300 | 2300 |
CAMPA SHARPE MITZI FIV ET | 1800 | 3200 |
GRILO SANRECAM LUKE ET | 1300 | 1300 |
SAN RIAN NUTELLA GRADE | 1800 | 3000 |
XERCAS CAV SANDA QUIXOTE | 1800 | 2100 |
BAIXO BRADNICK ATLEE | 2100 | 2800 |
TEIXEIRO MODES MODOGLI FIV ET | 1800 | 1800 |
BAIXO JETSET SILLY | 2500 | 10300 |
CUNDINS ANELIS SOLOMON FIV ET | 1800 | 2300 |
SAN RIAN LOMANA BANDARES | 1800 | 2400 |
CUNDINS EMBER SUPERTORO | 1800 | 2000 |
BAIXO SID MARISA | 2500 | 3100 |
SAN RIAN SEMI MODESTY | 1800 | 1800 |
BAIXO CLEVER SYLVY ET | 2500 | 4300 |
CUNDINS CRIS JARA BYWAY ET | 1800 | 1800 |
CAMPA MASCALESE MEGATESA | 2100 | 2600 |
SAN RIAN SELINA BREKAN | 1800 | 2600 |
CUNDINS HUE APPLICABLE FIV ET | 2500 | 3800 |