Véndese silo de millo da última colleita

A cooperativa Forxabar precisa baleirar un dos silos do seu centro de alimentación de Mazaricos, en previsión dun adiantamento este ano da colleita. A forraxe dispoñible para vender son unhas 3.000 toneladas

Instalacións de ensilado do centro de alimentación de Forxabar en San Cosme (Mazaricos)

Instalacións de ensilado do centro de alimentación de Forxabar en San Cosme (Mazaricos)

A cooperativa de gandeiros da comarca do Xallas e a Barcala pon á venda a forraxe dun dos seus silos de millo do centro de alimentación en conxunto que posúe en Mazaricos. En concreto, sería un volume dunhas 3.000 toneladas de silo de millo do ano 2024, recollido en boas condicións e que está sen abrir.

O centro de ensilaxe que Forxabar ten na parroquia de San Cosme dá servizo a 8 explotacións leiteiras da zona, que optaron por compartir servizos de maquinaria, recría e alimentación do gando. Unha das premisas na que os técnicos da cooperativa poñen énfase e na boa calidade das forraxes, no caso do millo recollido con corte alto.

A venda destas 3.000 toneladas de silo de millo de boa calidade representan unha excelente oportunidade para explotacións que poidan estar acabando xa a estas alturas as reservas de forraxe do ano pasado. Moitas granxas quedaron escasas de millo na última campaña, na que o temporal Kirk tumbou fincas enteiras e dificultou moito a recollida e ensilaxe da colleita.

Forxabar recolleu o ano pasado 850 hectáreas de millo, que foron ensiladas en boas condicións

Este ano, sen embargo, prevese un adiantamento da colleita, sobre todo do millo que foi labrado máis cedo, debido a que as temperaturas medias elevadas que se deron en todo o mes de xuño axudaron a que a planta medrara e se desenvolvera, completando o seu ciclo antes, polo que, malia que a sementeira se retrasou nalgunhas zonas de Galicia, as colleitadoras comezarán a traballar xa a principios do mes de setembro.

Pero aínda que a colleita de millo deste ano se prevé boa, son tamén moitas as granxas que prefiren traballar sempre con stock de forraxe, xa que non se recomenda abrir o novo silo que se faga este outono de maneira inmediata, até pasaren cando menos un par de meses, debido a que deste xeito gaña en dixestibilidade e aproveitamento do amidón. 

As explotacións que estean interesadas en mercar o silo de millo que Forxabar pon á venda poden contactar con Luis Castro, responsable das instalacións no teléfono 679 518 176

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información