
Nave de recría de SAT O Palomar
SAT O Palomar, unha gandería de leite con 320 vacas en produción, ubicada no concello de Láncara, ten neste momento excedente de recría e pon á venda un lote de xovencas próximas ao parto.
Os animais teñen neste momento 23 meses de idade e parirán no mes de agosto. Son todas xatas A2A2 preñadas con seme sexado e contan cun alto nivel xenético, pois son fillas de touros como Doc, Luster e Doctor. Posúen ademais todas un pedigrí con dúas xeracións BB ou MB.
A explotación da que proceden forma parte dunha ADSG, o que garante uns protocolos sanitarios axeitados do gando en todo o proceso de recría, polo que se trata dunha boa oportunidade de adquirir animais que contribúan á mellora xenética do rabaño da gandería que as reciba.
As persoas interesadas poden contactar con Odón no teléfono 629066778.
Un momento no que é difícil conseguir xovencas
Os bos prezos que están a acadar neste momento as vacas de desvelle e o encarecemento dos custos de produción para a alimentación do gando están a facer que moitas ganderías de leite estean a dar saída dos establos ás vacas máis vellas reemprazándoas con recría.
Isto está a facer que a oferta de xovencas no mercado sexa escasa e os prezos se teñan incrementado notablemente. Do mesmo xeito, países que tradicionalmente exportaban animais de primeiro parto, como é o caso de Francia e Holanda, reduciron moito a súa cabana, polo que non está a ser doado neste momento conseguir recría. Esta situación está a supoñer un problema naquelas ganderías que optan por non criar e basean a súa estratexia en mercar os animais para o reemprazo.