As vendas de cordeiro e cabrito baixo mínimos ás portas da tempada alta

O mercado da carne de cordeiro e cabrito contabiliza escasas vendas, pese a iniciativas como Mercaproximidade. Os produtores reclaman unha maior implicación da distribución para canalizar a carne que se vendía na restauración

As vendas de cordeiro e cabrito baixo mínimos ás portas da tempada alta

Os intentos por buscar unha vía de comercialización para a produción das ganderías de ovino e caprino galegas están a ser insuficientes para dar saída ós animais. A preocupación dos gandeiros vai en aumento logo de perder as vendas da Semana Santa e ás portas xa da tempada alta para esta carne, que se concentra, en boa medida, nos meses verán.

Coa hostalería paralizada e a baixada da demanda nas carnicerías, as vendas están sendo escasas e as iniciativas como Mercaproximidade, a canle alternativa activada pola Consellería de Medio Rural, tampouco parecen estar a abrir unha vía activa de comercialización para esta carne. Poucas distribuidoras se comprometeron, polo momento ou están abertas a comercializar, esta carne galega.

Poucas distribuidoras se comprometeron, polo momento, para comercializar esta carne

Aínda que se materializaron algunhas vendas nas semanas pasadas, o volume é escaso para dar saída á produción actual. Os gandeiros temen que a situación se agrave nos próximos meses, cando se espera que a maior parte das ganderías conten cunha importante cantidade de animais para vender e todo parece indicar que a apertura da restauración se demorará.

As primeiras vendas

O groso da produción neste sector vincúlase tanto ós meses de verán como ás festas de Nadal, xa que en Galicia, segue sendo unha carne moi ligada ó ocio e ás celebracións. Porén, aínda que a tempada de maior demanda estea a piques de comezar, xa ó longo da primavera moitas ganderías van contando con lotes de animais para vender en datas como a Semana Santa ou as festividades deses meses. Así, o peche da restauración e a prohibición de celebracións e reunións, motivadas pola crise do coronavirus, provocou que moitas ganderías non puidesen comercializar os animais que tiñan previsto vender nesa tempada.

A situación dalgunhas ganderías que contaban xa con años e cabritos aliviouse minimamente con vendas que se realizaron a finais de abril por distintas canles, a través dos que se adquiriron preto de 300 cordeiros e cabritos. Por un lado, a través da canle Mercaproximidade e coa compra directa a produtores por parte da distribuidora Vegalsa-Eroski, os produtores déronlle saída a cordeiros que tiñan preparados para a venda.

As principais vendas nas primeiras semanas foron de Vegalsa e por parte de Medio Rural para entidades sociais e hospitais

Outra das vías para comercializar esta carne foi a través da compra que realizou a Xunta para doar a distintas entidades sociais e hospitais ou centros asistenciais. En total, segundo informaron dende a Consellería de Medio Rural, mercáronse 2.028 quilos de cordeiro e 970 quilos de cabrito, case 3 toneladas de produto que xa se entregaron ou continúan a repartir entre os centros.

Á marxe destas vendas, apenas se comercializaron años ou cabritos. O sector acusa tanto o peche da restauración como a diminución de demanda por parte das carnicerías ou de particulares, que son outro dos principais compradores.

Escasa resposta da distribución

Polo momento, a resposta da distribución está a ser escasa e son poucas as firmas que están a mercar cordeiro ou cabrito galego. A cadea Vegalsa, dos supermercados Eroski, é unha das que mantén a compra de carne de cordeiro ós gandeiros galegos, un mercado no que xa operaba, posto que o ano pasado adquiriu uns 3.500 cordeiros galegos para distribuír nas súas carnicerías. “Agora mesmo só está comprando Vegalsa, non hai ninguén máis que o estea facendo”, explica Santiago López, gandeiro e un dos maiores tratantes de ovino e caprino de Galicia, que se encarga de subministrar habitualmente cordeiro á cadea Vegalsa.

Esta mesma semana a cadea Vegalsa tiña pendente a compra duns 100 cordeiros, logo de case 3 semanas baixo mínimos. “Por agora non chegamos a ter a compra paralizada, tódalas semanas estamos realizando compra, sempre dependendo da oferta”, explican dende o departamento de Compras da cadea Vegalsa.

Vegalsa estima adquirir este ano arredor de 3.000 cordeiros galegos, cifras semellantes ás do 2019

As previsións da cadea son de seguir adquirindo entre 70 e 80 cordeiros á semana nas ganderías galegas, situándose en cifras semellantes ás que manexaron en tempadas anteriores. O exercicio pasado adquiriron en orixe uns 31.500 quilos de carne de cordeiro. “Polo momento a cadea está mercando mantendo un ritmo semellante ó do ano pasado”, indica o tratante. Porén, a distribuidora tampouco está a mercar cabrito, posto que tras varios intentos de comercialización desta carne non conseguiu abrir mercado para ela.

No caso da distribuidora Vegalsa a maior parte das compras continúa facéndoas directamente ós gandeiros galegos, sen grandes grupos intermediarios, como acontece noutros sectores ou cadeas. Mentres, estes días a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica) atópase en negociacións con outras distribuidoras como Covirán e Froiz para activar as vendas nas súas carnicerías. Outras cadeas como Gadisa, que reivindican o seu compromiso cos provedores locais e participan da iniciativa Mercaproximidade, polo momento rexeitaron facilitar datos concretos sobre a carne de año e cabrito galega que comercializan.

Hai gandeiros que nos próximos meses terán 500 animais para vender

“Polo momento está todo moi parado e nas ganderías comeza a haber xa gando que nos próximos días estará listo para a venda”, concreta Diego Fernández, presidente de Ovica. Para o mes de xuño moitas das ganderías contarán xa cunha importante produción de animais. “Hai gandeiros que nos próximos meses terán 500 animais para vender”, afirma Santiago López.

Os produtores temen que a paralización do mercado traia cuantiosas perdas para as ganderías. “Os cordeiros e os cabritos é unha carne que unha vez se pasa o seu tempo óptimo para a venda comeza a caer o prezo ou non atopas comprador”, apunta o tratante.

O prezo tamén se está resentindo coa baixada da demanda e sitúase nos 50 euros para os cordeiros de 10 quilos en canal cando a comezos de ano o prezo era case 1 euro máis por quilo do que se pagaba nos primeiros meses do 2019.

Esperanzas postas no comercio local

Á marxe das grandes ganderías, que é o perfil maioritario dos 180 asociados de Ovica, con preto de 25.000 cabezas de gando, Galicia conta cun importante número de pequenos produtores que comercializan os seus animais de xeito directo a carniceiros, que tamén viron reducidas as súas vendas. “Hai moitos gandeiros que venden ós carniceiros que non están tendo quen lle merque nestes momentos”, concreta Santiago López.

As propias características deste sector, que contabiliza case 20.000 explotacións en Galicia, a meirande parte de pequeno tamaño, son un dos inconvenientes que se lle presentan para a comercialización. Cadeas como Vegalsa recoñecen que “a dispersión dos gandeiros, a pouca estabilidade dos nacementos ou que as reses non estean listas para o sacrificio son as maiores dificultades que estamos atopando nestes momentos”, indican no departamento de Compras.

Precisamente, ante as perspectivas de que a recuperación da actividade da restauración aínda se demore, dende o sector agardan que o cliente directo sexa quen active as vendas coas compras tanto nas carnicerías locais coma nos supermercados para consumir nos fogares. “Se se van permitindo as xuntanzas agardamos que tamén se vaian activando algo as vendas”, comenta Diego Fernández.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información