A venda de sidra galega medra un 36% en 2017 impulsada por “Sidra Maeloc”

Publicidade
A venda de sidra galega medra un 36% en 2017 impulsada por “Sidra Maeloc”

Descarga de mazás de sidra en Custom Drinks

As vendas de sidra galega bateron este ano un novo récord grazas ao pulo de Custom Drinks, a sidrería pertencente ao grupo de Estrella Galicia, e cuxa marca máis coñecida é “Sidra Maeloc”.

Así, no que vai de ano as vendas da sidrería de Chantada medraron un 36% respecto ao mesmo período de 2016. Así o adiantou este mércores o xestor de proxectos de I+D+i de Hijos de Rivera Inversiones Corporativas SL., José Luís Olmeda, durante a xornada sobre “Coidados culturais nas maceiras de sidra: aclareo de froitos”, organizada pola Oficina Agraria Comarcal de Cambre e que se celebrou no concello de Abegodo.

“Para 2019 queremos pasar dos 5 millóns de quilos de mazá procesados”

Cumtom Drinks está a ser o motor da recuperación da mazá de sidra galega, fomentando plantacións profesionais e asesorando aos produtores desde o punto de vista técnico, á vez que lles ofrece garantía de recollida da colleita con contratos estables a varios anos.

E é que a evolución da mazá de sidra procesada para elaborar “Sidra Maeloc” foi exponencial nos últimos anos. “En 2016 procesamos na nosa planta de Chantada 1,8 millóns de quilos de mazá de Galicia, este 2017 pechámolo con 4,2 millóns de quilos, batendo unha marca histórica, e para 2019 queremos pasar dos 5 millóns de quilos”, asegurou José Luís Olmedo.

Para iso, Custom Drinks ten previsto seguir ampliando a capacidade da súa sidrería con 10 novos depósitos e unha nova prensa que axilizará o proceso de descarga.

O maior potencial de crecemento está na produción de mazá de sidra ecolóxica

“Queremos dicirlle aos produtores de Galicia que nos fai falta mazá de sidra porque as vendas están a acompañar. É un sector con futuro e necesitamos fruticultores que se profesionalicen, con plantacións dimensionadas e realizadas con criterios profesionais”, destacou José Luís Olmedo.

Custom Drinks elabora neste momento 9 tipos de sidra: 6 en convencional e 3 en ecolóxico, un sector no que ven maiores posibilidades de crecemento e que xa representa o 37% da súa produción. A sidrería galega achégase así ás principais industrias do sector, liderado en España por sidrerías de Asturias, e en segundo lugar de Navarra e do País Vasco.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información