Venancio Salcines, nomeado presidente do comité de marca de Pino de Galicia

A Fundación Arume decantouse polo economista pola súa traxectoria profesional, que combina o ámbito empresarial e académico

Venancio Salcines, nomeado presidente do comité de marca de Pino de Galicia

Venancio Salcines. / Imaxe: Arquivo UDC.

O selo Pino de Galicia, que está a impulsar a Fundación Arume, vén de elixir como presidente do seu comité de marca a Venancio Salcines, un economista cunha dilatada traxectoria como empresario e no ámbito académico. Salcines é actualmente director xeral do Centro de Estudos Superiores de Galicia e presidente de EF Business School.

Tralo nomeamento, Salcines amosouse agradecido pola distinción e comprometeuse a traballar por esta selo, que nace co reto de xerar valor a través da innovación na cadea do piñeiro, unha especie que -destaca-, é fonte de riqueza ambiental, pero tamén social e económica para Galicia.

O obxectivo último da certificación Pino de Galicia, que se está a poñer en marcha, é garantir a orixe, a trazabilidade e a calidade da madeira de piñeiro procedente dos montes galegos. De feito, detrás da marca Pino de Galicia encóntrase representada toda a cadea de valor da madeira: propietarios forestais, viveiros, empresas de servizos, industrias de transformación da madeira.

Pino de Galicia está promovida pola Fundación Arume e apoiada pola Axencia Galega da Industria Forestal XERA.

Sobre a Fundación Arume
A Fundación Arume é unha entidade impulsada desde o sector forestal de Galicia para fomentar a plantación de Piñeiro nos montes e apoiar a innovación e investigación no ámbito da madeira de coníferas. É unha fundación declarada de interese forestal e de interese galego desde o 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información