Os incendios son cada vez máis grandes e máis destrutivos. O maior perigo que sufrimos nas aldeas en caso de lume sucede nas evacuacións e nos desprazamentos. As nosas casas habitadas e lugares son moito máis seguros que estradas estreitas cheas de fume e combustíbel. Que debemos facer en caso de que haxa lume?
O que cómpre ter claro é a realidade: quen coñece os lugares? Os ventos predominantes? As zonas máis seguras? As veciñas das aldeas son, sen dúbida, as persoas máis coñecedoras dos riscos e as mellores formas de atallalas. Máis con todo, moitas das veces as ansias de axudar unido ao descoñecemento lévanos a facer cousas que non deberiamos, provocando situacións de risco innecesarias que poden acabar moi mal. Por iso, non nos queda outra que organizarnos ou barbarie. Xa están tardando as asociacións parroquiais, comunidades de montes, etc, en poñer en práctica principios básicos para combater o lume.
Algunhas das actuacións que cómpre que teñamos en conta son:
• Se decidiches botar unha man, tes que mudar a roupa.
A pesar de que esteamos a 30 graos ou máis, non se pode acudir a un incendios en sandalias e camiseta. Colle as botas, protexe o corpo enteiro. Tamén é recomendábel levar gafas de protección, luvas de coiro e algo para protexer a cara. Toda a auga que poidas e unha mochila pequena.
1. Cubre todo o corpo con roupa de algodón. Manga larga e pantalón longo.
2. Leva calzado forte e resistente.
3. Protexe a cabeza con gorra ou similar
4, Protexe as vías respiratorias: Máscaras ou trapos húmidos.
5, Protexe os ollos: gafas de protección.
6. Guantes de traballo.
7. Beber auga abundante.
Material que podería ter o Concello para repartir entre a veciñanza, se se dese o caso:
1. Gafas de protección
2. Guantes de traballo
3. Máscaras (mínimo FP2)
4. Batelumes
“O maior perigo que sufrimos nas aldeas en caso de lume sucede nas evacuacións e nos desprazamentos”
• Lugar de encontro: a igrexa parroquial é bo lugar.
Nun incendio grande non van funcionar os móbiles, as campás poden ser unha boa forma de volver a comunicarnos.
• Alguén ten que tomar nota das persoas que saen ao monte axudar.
Lembra: nunca vaias só ou soa, sempre en grupos; tamén poderiamos, en función das capacidades da xente, repartir as tarefas. É boa idea poñer distintivos coa nosa función (os petos de emerxencia dos coches son perfectos).
• Ter o coñecemento e contacto de todas as cisternas que temos na parroquia, son unha axuda perfecta para cargar as motobombas.
• As persoas moi coñecedoras dos lugares poden acompañar no camión e guiar polos montes.
• Ter coñecemento de veciños e veciñas con maquinaria, xeradores eléctricos, bombas hidráulicas, tractores con rozadoiras, motoserristas, etc.
• Grupos asignados aos brigadistas. Cómpre que lles leven e movan as mangueiras e que estean pendentes de que non salte o lume.
Se conseguimos facer isto, moitos teremos avanzado…comezamos?

Galego









Control OJD