A vespa velutina chegou a Italia case ao mesmo tempo que a Galicia e a praga estendeuse tamén con rapidez por todo o territorio, o que levou aos apicultores italianos a ter que facerlle fronte cos distintos métodos ao seu alcance.
Desde entón, Fabrizio Zagni, apicultor e técnico da asociación ApiLiguria púxose a traballar en colaboración co Centro de Investigación en Agricultura e Medio Ambiente (CREA) de Boloña para desenvolver un sistema que permitise o envío automático de troianos desde os colmenares.
O funcionamento deste dispositivo, denominado Method-Z, que está patentado e agarda por diversas autorizacións para a súa comercialización, foi explicado no Simposio Internacional sobre Velutina celebrado a comezos de novembro en Chantada, onde os seus creadores expuxeron os resultados da súa efectividade, con datos de distintos estudios realizados en apiarios do norte de Italia. Este evento estivo organizado pola Asociación Galega de Apicultura (AGA) e foi financiado pola Área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Non hai outro caso semellante de colaboración entre comunidade científica e asociacións apícolas en ningún outro país de Europa afectado por velutina
Fronte ás desavinzas importantes entre os apicultores e a comunidade científica que se dán noutros lugares, como en Francia, o interesante no caso italiano é a sinerxía entre os investigadores e as asociación apícolas
Dificultades para a detección e destrución dos niños
No ano 2013 atopáronse na rexión italiana de Liguria, pegada á costa azul francesa, os tres primeiros niños de velutina. Foron destruídos, pero ao ano seguinte, no 2014, apareceron xa máis de 100 niños, un crecemento exponencial que se mantivo até a actualidade, tanto que “a poboación está xa tan familiarizada cos niños que os asume con naturalidade e xa non dá avisos da súa existencia”, explica Frabrizio.
O Goberno rexional pon 50.000 euros ao ano para eliminalos, mediante o a utilización de pértegas con permetrina en pó, unha substancia química insecticida autorizada en Italia para este uso, e “cando se rematan os cartos xa non se retiran máis niños”, conta.
Destruíndo os niños que se ven non se logra frear a praga; son só o 30% dos existentes na realidade
“En Italia non hai cartos para saúde pública, para os hospitais; está claro que as Administracións non van destinar inxentes cantidades de diñeiro a este outro problema. Os apicultores estamos sos nisto”, asegura.
Pero ademais, “Liguria é unha rexión inaccesible, polo que sería imposible poder matar todos os niños incluso téndoos localizados”, engade. Os niños avistados e destruídos por este son só o 30% dos existentes na realidade, calcula. “Por iso agora entendemos por que destruíndo os niños que se ven non se logra frear a praga”, insiste.
Estación automática de troianos
Fabrizio comezou xa no 2013 a contemplar a posibilidade de enviar ás propias velutinas con insecticida para que destruíran o seu propio niño. “Só as vespas saben na realidade onde están todos os niños; por iso facer troianos é o método máis eficaz para loitar contra a velutina”, asegura.
“O medo estaba en usar velenos no medio natural”, admite, polo que xunto cun amigo comezou a traballar nun dispositivo automático que fose 100% selectivo cos insectos capturados e que contase con dosificación precisa e controlada do insecticida empregado.
A caixa témola e está funcionando, pero non temos un produto autorizado para facer troianos legalmente
Dispoñen xa dun prototipo en funcionamento que foi probado baixo unha licenza de investigación e que precisa obter unha autorización comercial para a súa venda. Tamén que a formulación do veleno con excipientes que usan, que encargan a unha empresa química, conte cos preceptivos rexistros.“A caixa témola e está funcionando, pero non temos un produto autorizado para facer troianos legalmente, só está autorizado para investigación”, relata.
Non hai risco de sobrecontaminación porque cada niño recibe a cantidade xusta de veleno necesaria para que morra
Defende que non existe risco de contaminación por usar doses máis elevadas das necesarias para matar os niños posto que “cada un recibe a cantidade xusta e necesaria de veleno para que ese niño morra, porque cando recibe a cantidade suficiente todos os individuos adultos morren no interior do niño, comezando pola raíña, polo que non hai xa máis vespas portadoras de veleno”, razoa.
Fabrizio avoga por “traballar xuntos nunha solución segura en colaboración con institucións e investigadores”, tanto no desenvolvemento dun sistema automatizado de envío de vespas troianas e tamén no desenvolvemento dun novo principio activo, por exemplo a partir de fungos entomopatóxenos, e pide á Administración que asuma a súa obriga de combater a praga.
A solución ten que levala a cabo a Administración; os apicultores non deben apandar coa carga de loitar contra a praga porque é un problema de todos
“É imposible que os apicultores profesionais fagan ese traballo tedioso e que leva moito tempo que enviar troianos un a un feitos á man. Temos unha estación automatizada para o control remoto dos niños que traballa soa e que se pode ir movendo e cambiando de ubicación para ir limpando toda a área. Podemos tratar e mandar moitísimas velutinas nunha hora”, asegura.
Diferenzas entre os distintos principios activos
O Ministerio de Saúde italiano autorizou ao Centro de Ricerca, Agricoltora e Ambiente (CREA) de Boloña, ao que pertence a investigadora Laura Borttoloti, realizar probas en campo de control remoto de niños de velutina.
Os ensaios leváronse a cabo no verán do 2020 na provincia de La Spezia, pertencente á rexión de Liguria e fronteiriza coa Toscana. Con anterioridade estudáranse en laboratorio os efectos dos diferentes principios activos empregados comunmente como insecticidas contra formigas e cascudas en distintas concentracións: Imidacloprid, Acetamiprid e Fipronil.
Os efectos do Imidacloprid son máis rápidos que os do Fipronil, mentres que o Acetamiprid fai que as vespas non deixen entrar á contaminada ao niño
Finalmente, para o desenvolvemento do Method-Z escolleron o Imidacloprid ao 2,15% fronte ao Fipronil ao 5% porque é máis rápido nos seus efectos e evita que a velutina tratada teña tempo de volver ao apiario e poida contaminalo. “Os primeiros efectos nótanse aos 10 minutos e a morte prodúcese aos 40 minutos, mentres que co Fipronil a morte no se produce até os 100 minutos”, detalla.
O Acetamiprid ao 1% tamén demostrou unha alta eficacia na morte as velutinas no laboratorio, sen embargo, cando se ensaiou con niños reais comprobouse que se producía un comportamento agresivo entre as propias vespas, que non deixaban entrar no niño á que viña contaminada, polo que o produto non é efectivo.
Morte dos individuos adultos pero non das pupas
Os investigadores italianos do equipo dirixido por Laura capturaron e enviaron diferente número de troianos desde apiarios situados a distintas distancias dos niños dos que procedían e monitorizaron despois o seu comportamento.
Lograron matar niños situados a máis de 1,5 km de distancia, comprobando que aos 40 minutos de facer os tratamentos todos os individuos adultos que hai no niño, a raíña a primeira, morren por contacto ou trofalaxia e acumúlanse no fondo do niño, pero as crías que se atopan en estado de pupa non se ven afectadas polo veleno.
Enviando 25 vespas tratadas ao día seguinte non hai actividade no niño
Por iso, di, é necesario repetir os tratamentos en semanas sucesivas para acabar por completo cos niños. “Enviando 25 vespas tratadas, ao día seguinte case non hai actividade no niño, pero unha semana despois volve haber certa actividade porque van nacendo as larvas que se atopaban en estado de pupa e que non foron afectadas”, conta.
Do mesmo xeito, di, “cando eliminas un niño próximo ao apiario as vespas doutro niño máis alonxado atacan o apiario, ocupando o lugar do primeiro niño e exercendo a mesma presión sobre as abellas”, polo que para evitar o bloqueo das colmeas e reducir a carga de velutinas é recomendable facer troianos durante varias semanas.
Efecto multiplicador
Tamén demostraron que “as velutinas percorren até 3 km pero non necesariamente atacan ao apiario que está máis próximo”. “Ás veces van a un que está máis alonxado pero aínda non sabemos por que”, admite.
Tratando en máis dun apiario simultaneamente os efectos positivos e a eliminación de niños aumenta exponencialmente
As velutinas dun mesmo niño poden atacar simultaneamente varios colmeares, polo que “tratar un apiario con troianos ten un efecto positivo sobre outros apiarios próximos sen necesidade de tratar en todos”, asegura, aínda que “o feito de facer tratamentos simultáneos en varios colmeares ten un efecto multiplicador”, destaca.
“Ao actuar de xeito simultáneo en varios apiarios o efecto de eliminación de niños de velutina aumenta exponencialmente, resultando na eliminación completa de todos os niños, mesmo tratándose dunha zona foi infectada, con cargas de máis de 10 niños por km cadrado”, asegura.
En Sicilia xa nos autorizaron a replicar este método coa vespa orientalis
Ademais de lograr a autorización para o uso do control remoto mediante produtos autorizados legalmente para este fin, “a investigación futura pasa por desenvolver bioinsecticidas e contar cun sistema automático para capturar as vespas, tratalas e envialas”, di Laura.
Os avances logrados poderían servir tamén para facer fronte a novas pragas. “En Sicilia xa nos autorizaron a replicar este método coa vespa orientalis”, explica.