“A velutina é un gran problema para as abellas, pero a climatoloxía ainda é peor”

Falamos con Eva Seijo, xerente da empresa Meles JS, sobre a produción do mel e a evolución desta empresa familiar desde a súa fundación

Meles JS (Vigo, Pontevedra) é unha empresa familiar que se orientou a posicionar no mercado un mel de calidade con marca propia. Eva Seijo, que xestiona a empresa co seu irmán, cóntanos as súas orixes.

“A empresa envasadora foi fundada polo meu pai, que o tiña como un ‘hobbie’ e unha renda complementaria, a parte do seu traballo. Meu irmán e mais eu, cando estudamos as nosas carreiras, quixemos darlle un punto máis profesional e foi cando ampliamos o número de colmeas, as instalacións e a produción do mel. Vendemos todo o noso mel como produción propia etiquetada. Manexamos entre 8.000 e 9.000 kilos de mel ao ano e non adoitamos ter excedentes”.

Diferentes variedades

Eva explica que escollen a zona onde poñer as colmeas buscando varios factores: “Basámonos na flora circundante, que sexa un sitio accesible pero que tampouco moleste ás persoas que poidan disfrutar do monte, e, sobre todo, que as abellas podan traballar ben nesa zona”, conta.

“Principalmente sacamos mel multifloral pero tamén monofloral de eucalipto, silva e castiñeiro e ás veces algún monofloral de breixo. Temos colmeares por toda Galicia. A zona da costa da provincia de Pontevedra produce fundamentalmente o mel de eucalipto ou multifloral. Logo temos colmeares no interior, na zona da Ribeira Sacra, onde producimos o mel monofloral de castiñeiro, e na zona de Sarria, no concello do Páramo, é onde recollemos o monofloral da silva”, detalla.

Sobre os diferentes pasos na elaboración do mel, Eva asegura que a época de recollida do mel varía moito dependendo da zona: “cando chega a época da recolleita do mel, na zona da costa recóllese ata o mes de xuño e na zona do interior desde xuño ata finais de agosto, sempre que as condicións climatolóxicas axuden. Producimos o mel en medias alzas, que extraemos mediante o sistema de escapes, para non usar o soplador nin aplicar fume. Logo, una vez collido do campo, pasa aquí, na nosa casa, como dous días, para que haxa un acondicionamento cun nivel de humidade e temperatura adecuadas. A continuación vén a extracción en frío, de forma tradicional, a coitelo, onde desoperculamos”.

“E por último dous procesos de filtrado con decantador, e o envasado, etiquetado e posta á venda. Todos os procesos son feitos a man de xeito 100% artesanal, e de momento queremos que siga sendo así, pois é un signo de identidade do noso mel. Outra cousa que non queremos cambiar é a nosa imaxe de marca, polo que decidimos conservar a etiqueta de sempre, xa que o consumidor xa nos coñece por levar tantos anos no mercado”.

A velutina e o clima, os principais problemas

As principais preocupacións de Eva na produción do mel son o clima e a velutina, que está obrigándoos a cambiar por completo o sistema de traballo: “Tiñamos colmeares todo o ano na zona da costa e iso xa non é viable, o que fai que teñamos que trasladar todas as colmeas da costa cara o interior, o que supón un gran esforzo e custo. Temos que ter moito máis cuidado coas colmeas e iso é un incremento do gasto, pero tamén nos preocupa moito o clima cambiante, sobre todo na primavera, que fai que as abellas non aproveiten adecuadamente a floración”, explica.

“No 2023, por exemplo, veu un verán como adiantado, pero despois houbo unha baixada de temperaturas e de chuvias. Isto tamén veu pasando en anos anteriores. Tamén cando hai moitísimo calor e secan as flores, pois as abellas non as poidan aproveitar. A velutina a verdade é que é un problema e un gasto, que ao final vai repercutir no prezo final do mel, pero penso que a climatoloxía ainda é peor”.

A importancia da IXP Meles de Galicia no mercado do mel

Eva insiste na importancia de educar aos consumidores na diferenciación dun mel de calidade doutro que, en moitos casos, non é mel ou é mestura.

“Sempre lle recomendo aos consumidores que compren mel co selo de garantía da IXP Mel de Galicia, que impón unhas condicións de calidade máis exisentes que a lexislación estatal. Ademais, para vender fóra de Galicia, estar baixo a etiqueta do Consello Regulador si que che dá un plus. Hai que facer moito traballo á hora de informar ao consumidor e á hora de de ir a feiras para que te coñezan, ter un trato máis directo, pero a contraetiqueta axuda”, valora.

“No mercado do mel a granel si que existe un problema co mel que vén de fóra a moi baixo prezo, que en moitos casos nin é mel ou é mestira. Por sorte, a xente cada vez valora máis ese plus de calidade que garantiza a contraetiquetaxa, xa que se fixo un gran esforzo desde o Consello Regulador. É un selo de garantía que demostra que ese mel está producido en Galicia e que a súa calidade ven respaldada por un organismo certificador”.

  • Este contido elaborouse en colaboración co Mercado de la Cosecha. O Mercado de la Cosecha é un proxecto de impacto positivo da Corporación Hijos de Rivera que traballa co propósito de transformar o rural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información