Vegalsa Eroski anuncia unha nova marca branca de leite coa que busca mellores prezos para o gandeiro

A cadea lanza en Galicia a marca Campobueno, certificada co selo ‘Galega 100%’, que estará nos supermercados a 61 céntimos, 2 céntimos por riba dos seus produtos de distribución tradicionais

Vegalsa Eroski anuncia unha nova marca branca de leite coa que busca mellores prezos para o gandeiro

Leite Campobueno, a nova marca branca de Vegalsa-Eroski.

Ante a presión que están a exercer estos días os gandeiros nos supermercados, a cadea Vegalsa-Eroski vén de acelerar o lanzamento dunha nova marca branca de leite coa que di buscar mellores prezos para o gandeiro. O leite Campobueno, que levará o selo Galega 100%, estará á venda desde esta semana nos 236 establecementos que Vegalsa-Eroski ten en Galicia. Trátase dun produto situado na gama baixa de prezos pero lixeiramente por riba das outras marcas brancas de leite que comercializa a cadea, un diferencial que Eroski asegura que en boa medida irá parar ós gandeiros.

O leite Campobueno comercializarase inicialmente a 61 céntimos, fronte ós 59 céntimos ós que se venden as marcas Eroski e Bomilk, as tradicionais marcas brancas da cadea. A diferencia dos leites Eroski e Bomilk, Campobueno levará o selo Galega 100%, que garante a orixe autóctona do produto. “En Vegalsa Eroski xa ofertabamos tres leites co selo Galega 100%, os de Feiraco, Larsa e Leyma, pero queriamos vender tamén un leite de gran consumo, a un menor prezo, con esa certificación”, explica Jorge Eiroa, director de compras de Vegalsa-Eroski.

Eroski trasladoulle a Leche Celta a súa idea de que a nova gama permita unha mellor remuneración para o gandeiro

A cadea chegou a un acordo co seu proveedor de marcas brancas, Leche Celta, para crear unha nova gama de produto que xere máis ingresos en toda a cadea de valor. “O noso obxectivo é que o gandeiro cobre máis por ese leite. Así llo trasladamos a Leche Celta. A idea é lanzar un produto que sexa de gran consumo, que mova un volume grande de litros e que teña visibilidade nas nosas tendas, de xeito que ó final, se lle poida trasladar ó gandeiro unha mellora dos prezos”, sinala Jorge Eiroa.

Desde Vegalsa-Eroski non cuantifican a mellora que pode supoñer para o produtor o novo leite, xa que advirten de que elementos como o packaging, os custos de certificación ou o maior ou menor volume de venda son factores que alteran os cálculos.

Setembro
En setembro pasado, coincidindo coas tractoradas, Vegalsa-Eroski, igual que outras cadeas, anunciara tamén unha suba de 2 céntimos nos pagos a súa industria proveedora, na idea de que eses cartos chegaran ó sector produtor.

Tres meses despois, o grupo de distribución asegura que xa practicou esa suba, unha medida á que engade a posta en marcha do leite Campobueno Galega 100%. “En Vegalsa-Eroski sempre nos distinguimos polo compromiso co sector primario galego. Todas as partes necesitámonos na cadea”, valora Jorge Eiroa, que lembra os convenios estables de compra que mantén Eroski con Ternera Gallega, con empresas amparadas polo selo Galicia Calidade e con cooperativas hortícolas de Agaca e agricultores particulares, que lle suministran á cadea 300.000 quilos de hortalizas ó ano.

Una idea sobre “Vegalsa Eroski anuncia unha nova marca branca de leite coa que busca mellores prezos para o gandeiro

  1. Moman

    Hola.Campobueno siempre fue la marca blanca de leche celta,como leyma de rio,y otras marcas.leche celta es toda 100% gallega,no tiene sello que lo certifique pero la malloria de rutas de las cisternas son de la zona de lugo,y a coruña.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información