A variedade de vide Ratiño Galega entra a formar parte do Rexistro de Variedades Comerciais

Publicidade
A variedade de vide Ratiño Galega entra a formar parte do Rexistro de Variedades Comerciais

A variedade de vide Ratiño Galega, cultivada antigamente na comarca de Pontevedra e nalgúns outros puntos da provincia cos nomes de Cagharrento (O Rosal) ou Branca de Cabanelas (Salnés), até a súa práctica desaparición por diversas enfermidades e pragas a finais do século XX, inscribiuse no Rexistro de Variedades Comerciais, tal e como recolle o Boletín Oficial do Estado do pasado 11 de outubro.

Até a data, Ratiño Galega non existía legalmente, co que non se podía plantar nin se podían comercializar viños co seu nome.

A inclusión no Rexistro de Variedades Comerciais é un proceso complexo e longo. Por unha banda, require trámites legais e administrativos nos que interveñen as Comunidades Autónomas, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) e a Dirección Técnica de Avaliación de Variedades e Laboratorios (DTEVL, INIA-CSIC).

Por outra banda, é necesario que existan estudos e informes científicos que demostren o carácter único da variedade, é dicir, que non se trata dunha sinonimia doutra xa incluída. Nese sentido, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) contribuíu con máis de tres décadas de investigación acerca desa variedade realizada desde o a Misión Biolóxica de Galicia (MBG) a través do grupo Viticultura, Olivo y Rosa (VIOR).

“Estamos moi satisfeitos con esa esta inscrición, pois varias adegas coas que levamos a cabo proxectos reiteráronnos, en repetidas ocasións, o seu interese por recuperar o cultivo e a comercialización de Ratiño Galega”, sinala Carmen Martínez Rodríguez, xefa do citado grupo.

As investigacións do CSIC sobre a variedade Ratiño Galega

Desde 1986 no Instituto de Investigacións Agrobiológicas de Galicia (Santiago de Compostela) e desde 1993 na MBG (Pontevedra), o CSIC investigou sobre a variedade Ratiño Galega.

“Hai 35 anos, xunto co Dr. Mantilla, iniciamos a localización e estudo in situ de exemplares vivos desta variedade en distintos puntos da comarca Pontevedra, onde era amplamente cultivada na antigüidade. Tamén atopamos exemplares da mesma variedade, con outros nomes, nalgunhas outras zonas concretas da provincia de Pontevedra como O Rosal, onde é coñecida co nome de Cagharrento, e O Salnés, onde se coñece co nome de Branca de Cabanelas. En 1993 establecemos a colección de cepas vivas na MBG, composta na actualidade por preto dun cento de accesións de vide, entre as que se atopan varios exemplares de Ratiño Galega”, explica Carmen Martínez Rodríguez.

“Posteriormente, responsables da adega Viña Moraima, situada na zona de Barro (Pontevedra) e adscrita á Denominación de Orixe Rías Baixas, contactaron co noso grupo de investigación solicitando apoio para que dita variedade fose recoñecida oficialmente como única e autóctona da zona. Nese sentido, recompilamos os datos dos que dispuñamos e continuamos profundando no seu estudo. A citada adega, pola súa banda, recuperou e rexenerou as vellas cepas centenarias de Ratiño que se atopaban pola zona, elaborando incluso un viño experimental da variedade coa nosa colaboración”, engade a investigadora científica do CSIC.

A este traballo de investigación con empresas únense informes sobre a variedade presentados a diversas institucións, comunicacións en congresos e xornadas, a publicación da súa descrición ampaleográfica e a selección de tres clons, actualmente en proceso de certificación.

En decembro de 2015 o CSIC, a través da Vicepresidencia Adxunta de Transferencia do Coñecemento, iniciou os trámites para o rexistro da variedade, asumindo ademais o custo do proceso de exame e achegando os datos científicos dos estudos.

“O seu recoñecemento fai posible que na D.O. Rías Baixas e noutras póidanse plantar estas vides e comercializar o viño de Ratiño Galega co seu nome na etiqueta”, destacan desde o CSIC.

Grupo de investigación do CISC-Galicia

Grupo de investigación do CISC-Galicia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información