Vantaxes e inconvenientes dos sistemas de alimentación robotizada

Os sistemas de alimentación robotizados empezan a implantarse nalgunhas ganderías de vacún de leite, limitados polo seu alto custo. En Francia veñen de presentar un dos primeiros estudos independentes sobre as vantaxes e inconvenientes que supón esta nova tecnoloxía para os gandeiros. Estes son os resultados

Vantaxes e inconvenientes dos sistemas de alimentación robotizada

Os sistemas de alimentación automatizada, que mediante un robot preparan e distribúen a ración ao gando, empezan a implantarse nalgunhas ganderías de vacún de leite, aínda que o seu elevado custo dificulta a súa extensión.

Neste sentido, en Francia veñen de presentar un dos primeiros estudos independentes sobre as vantaxes e inconvenientes que supón esta nova tecnoloxía para os gandeiros.

A análise, realizada pola Cámara de Agricultura do País do Loira e polo Institut de L´Élévage (IDELE), partiu dos datos ofrecidos por 10 constructores deste tipo de robots presentes no mercado francés e de enquisas a dez ganderías francesas que estaban equipadas con este dispositivo (había 160 granxas de vacún de leite en Francia con estes robots de alimentación no ano 2018).

As catro etapas dos sistemas de alimentación automatizada:

IDELE ALIMENTACION ROBOTIZADA 0

Como punto de partida, os sistemas de alimentación automatizada constan de catro etapas:

-Zona de almacenamento das materias primas (silo de millo, de herba, penso, palla…etc). 

-Cociña: Edificio a onde se levan e se almacenan de forma temporal os diferentes ingredientes da ración. Cada 1 ou 3 días hai que repoñer comida para que a prepare o robot para a súa distribución.

-Preparación da ración. 

-Distribución da ración mediante robots, que se desprazan ou ben sobre rodas ou por un rail. A almacenaxe das materias primas pode ser directamente no solo (grupo B de sistemas) ou en caixóns metálicos específicos (grupo de sistemas A, C, D e E).

Oportunidades e prácticas alimentarias co robot de alimentación

-Permite adaptar a ración a distintos lotes de animais (en lactación, secas, xovencas…etc), o que é interesante sobre todo para grandes rabaños.

-O refugallo na comida redúcese ao mínimo.

-Aumenta a frecuencia da distribución da ración no pesebre: pásase de 1 ou 2 veces ao día que se fai co carro mesturador a 7,6 veces ao día, no caso das granxas analizadas en Francia.

¿En que medida este incremento da frecuencia na distribución da comida no pesebre repercute na produción de leite e no comportamento dos animais? O estudo realizado polo IDELE e a Cámara de Agricultura do País do Loira conclúe que ten máis repercusión no incremento da produción de leite a mellora do benestar animal que a incorporación do robot de alimentación.

“Son claves as condicións de partida, como cubículos suficientes, superficie de pesebre e de bebedoiros por vaca, que dispoñan dunha área de exercicio non cuberta…etc, algo que non se vai corrixir se incorporamos o robot de alimentación”, conclúen.

En todo caso, subliñan que “se a alimentación xa está optimizada (calidade das forraxes, frecuencia do arrimado da comida, e ausencia de estrés no pesebre) antes de implantar o sistema de alimentación automático, pouco efecto vai ter no incremento da produción de leite, e mesmo pode ter un efecto negativo no caso de frecuencias moi elevadas de distribución da comida. O óptimo estaría en 6 veces ao día”.

A conservación do ensilado, un aspecto clave

O tempo que o ensilado pasa en bloques dende que se extrae do silo, pasa á zona de almacenaxe da cociña e chega ao pesebre é un dos puntos críticos dos sistemas de alimentación robotizada.

Neste sentido, os autores do estudo lembran que se ben no inverno, a baixas temperaturas o silo de millo non sofre proceso de fermentación ata pasadas 48 horas dende que se desensilou, sen embargo durante o verán pode haber risco pasadas tan só 24 horas e mesmo 12 horas. .

Neste sentido, os autores do estudo conclúen que “antes de plantearse a autormatización da alimentación é imprescindible que a gandería teña forraxes perfectamente conservadas e desensiladas”.

Menos tempo de traballo para a alimentación

Unha vantaxe evidente dos sistemas de alimentación automática é a mellora nas condicións de traballo. Neste sentido, o estudo realizado en Francia conclúe que:

-Redúcese nun 55% o tempo que de dedica á preparación e distribución da ración, dedicando o 60% dese tempo a aprovisionar a cociña e o restante a tarefas de limpeza da cociña, programación, mantemento…

-Flexibilidade e facilidade de remprazo durante a fin de semana.

En todo caso, comparando o sistema automatizado mediante robot sobre rodas , con outros tres sistemas (desensilar co cazo do tractor e logo mesturar nun carro mezclador arrastrado vertical, cun carro mesturador propio equipado con desensilador e cun carro mesturador en CUMA), a ganancia de tempo varía moito, do 52%, ao 29% no segundo caso, pero baixa ao 19% no caso de que o traballo o fago un carro mesturador propiedade de varias granxas.

IDELE ALIMENTACION ROBOTIZADA 1

Costes económicos: Compensa a partir de 300 vacas en muxido

O estudo tamén analizou os custos do sistema de alimentación segundo o tamaño do rabaño. Neste sentido, conclúen que con 150 vacas alimentadas ou menos o custo dispárase a 40 euros por toneladas de leite producido e que compensa a partir de 300 vacas, onde o custo baixa a 24 euros, chegando a 14,4 euros nas ganxas de 800 vacas ou máis, aínda que nestes casos existe o problema de saturación do robot.

IDELE ALIMENTACION ROBOTIZADA 2

Ademáis, os autores do estudo tamén compararon os custos do sistema de alimentación automarizada nunha granxa de 300 animais (180 vacas en lactación) con respecto a outros sistemas de alimentación, concluíndo que todos resultan menos custosos: 4,4 euros de aforro por cada 1000 litros no caso de desensilador e carro mesturador vertical, 1,6 euros menos no caso de carro mesturador en propiedade e 5,1 euros de aforro no caso de ter contratado o carro mesturador dunha CUMA.

IDELE ALIMENTACION ROBOTIZADA 3

Conclusións:

Neste estudo elaborado polo IDELE e a Cámara de Agricultura do País do Loira conclúen que:

-É preciso facer unha diagnose de cada granxas antes de implantar un sistema de alimentación automática.

-O investimento neste sistema é demasiado elevado para os efectos limitados que ten, tanto en incremento da produción como en aforro de custos.

-No caso de granxa que xa teñan optimizada a alimentación (calidade das forraxes, arrimado frecuente, ausencia de estrés no pesebre…etc) non hai ganancias co sistema de alimentación robotizado.

-O investimento si pode ser interesante para grandes rabaños, pero existen outras solucións como conformación de lotes alimentarios, mellora da calidade das forraxes..etc.

-No caso dos grandes rabaños permite sortear as dificultades para contratar persoal.

Podes ver aquí o vídeo da presentación do estudo

Fabricantes de sistemas de alimentación robotizada e variacións:

IDELE ALIMENTACION ROBOTIZADA 4

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información