O cultivo de forraxes durante o inverno, especialmente de raigrás híbrido combinado con distintas variedades de trevo, é unha alternativa moi interesante e recomendable para mellorar a rendibilidade das explotacións lácteas galegas ao reducir a compra de proteína vexetal, principalmente soia.
Ademais permite o incremento da colleita do seguinte cultivo nun 10% no caso do millo e nun 12% se é xirasol. E todo cun menor aporte de fertilizante nitroxenado.
Estas foron algunhas das conclusións da xornada técnica que se celebrou o pasado 19 de decembro no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) sobre “Novas leguminosas anuais nas rotacións forraxeiras para a produción de leite: Aspectos Agronómicos e nutricionais”.
Juan Valladares Alonso, tecnólogo do Departamento de Coordinación e Desenvolvemento Tecnolóxico do CIAM, explicou na súa ponencia os resultados da investigación obtidos nos ensaios levados a cabo na finca experimental que o CIAM ten no Concello de Abegondo.
Para a investigación probáronse dúas combinacións, unha fórmula R6L cun Raigrás Italiano Promenade e 6 leguminosas e outra únicamente con raigrás, tal e como se detalla neste cadro:
A sementeira realizouse a mediados de outubro e a colleita a mediados de maio. O adubo de fondo que se empregou foi 40-60-200 (N – P205 – K20). Despois do primeiro corte, o 7 de marzo, realizouse un abonado de coberteira nas parcelas sementadas só con raigrás a razón de 60 UF N.
E os resultados non deixan lugar a dúbidas: as leguminosas renden uns valores de proteína bruta de 14.5 fronte ao 6.2 do Raigrás italiano, mentres que na composición de azúcares o resultado é á inversa: 9.5 e 28.1, respectivamente.
A produción final de materia seca foi de 10.401 kg de materia seca por hectárea para o cultivo monofito de Raigrás e de 8.957 kg para a mestura de Raigrás italiano con 5 leguminosas.
O millo rende un 10% máis despois de cultivar raigrás con leguminosas
Tras o cultivo das dúas tipoloxías de forraxeiras sementouse millo nesas parcelas e o resultado da colleita en función do cultivo precedente foi o seguinte:
É dicir, os resultados amosan un rendemento case un 10% superior na produción de millo forraxeiro nas parcelas cun cultivo previo de Raigrás máis leguminosas en relación ás sementadas só con Raigrás. Ademais, aforrouse o abonado de coberteira con nitróxeno.
O cultivo de xirasol rende un 12% cun cultivo previo de Raigrás máis leguminosas
O seguinte paso de Juan Valladares Alonso foi comprobar en qué medida o cultivo de leguminosas mellora un cultivo posterior de xirasol, unha planta cuxo cultivo está a medrar en Galicia tanto polo seu interesante contido en proteína como pola súa aptitude para os solos menos profundos.
Os dous tipos de forraxeiras que se ensaiaron durante os anos 2013 e 2014 foron un Raigrás híbrido máis 5 tipos de trevos e unha fórmula só con Raigrás.
A sementeira das forraxes fíxose a primeiros de novembro e a corta a mediados de maio. O adubo de fondo que se empregou foi 0 – 60 -200 (N- P205 – K20). Na segunda quincena de marzo fíxose un abonado de coberteira de 0N – 50N- 100N e 150N para vela influencia da dose de nitroxeno nos cultivos
A continuación, unha vez recollidas as forraxes, na primeira quincena de xuño de 2013 fíxose a sementeira de xirasol. Ensaiáronse tres doses de abonado de fondo con 50, 80 e 150 kg por hectárea de N-P205 e K20.
A seitura de xirasol fíxose en setembro, na quinta semana trala floración da planta. E os resultados da investigación realizada no CIAM foron que as leguminosas expresan o seu potencial produtivo con aportes baixos de nitroxeno(0 ou 50 kg/ha N) frente ao raigras que necesitaria aportes maiores (100 ou 150 kg/ha N), ademais:
É dicir, o rendemento do xirasol cun cultivo previo de Raigrás híbrido máis 5 leguminosas é un 12% superior en relación a un cultivo precedente só de raigrás.
Se analizamos o valor nutricional do xirasol os resultados son mellores cun cultivo previo RH-5L en proteína bruta (6.5 fronte a 6.0) con unhas UFL similares si ben o contido en aceites (EE) e alto nos dous casos o que implica que a forraxe de planta enteria de xirasol pode formar parte da ración nas vacas pero mexturado con outras forraxes para rebaixar o contido de aceite por debaixo do 6%.
Necesidade de menos fertilizantes nunha rotación de Raigrás máis leguminosas con xirasol
Por outra parte, Juan Valladares analizou os distintos rendementos en materia seca das rotacións Raigrás+Xirasol e Raigrás e Leguminosas+ Xirasol en función dos aportes de fertilizantes, chegando á conclusión de que esta última produce cantidades semellantes á primeira con menos achegas de fertilizantes. Así se recolle nesta gráfica:
Conclusións:
Na rotación de Raigrás máis leguminosas con millo as conclusións que extrae Juan Valladares son as seguintes:
– A sementeira das forraxes debe facerse cedo, en outubro.
– Interesa certo establecemento invernal do raigrás, pero que permita expresarse ás leguminosas.
– A mestura de Raigrás con leguminosas debe ser rica nestas últimas, oscilando entre un 60 e un 80% para acadar unha proteína bruta superior a 10 e un valor de azúcares superior a 12.
– O rendemento do millo increméntase cando o cultivo precedente foi unha mestura de Raigrás con leguminosas.
En canto á rotación con xirasol as conclusións que extrae son as seguintes:
– O incremento da fertilización con nitróxeno ten un efecto positivo no rendemento e no contido de proteína bruta do raigrás mentres que non é tan acusado na mestura R+5Ls.
– O xirasol ten un rendemento inferior ao millo forraxeiro en terreos nos que habitualmente se cultiva este. Pode ser unha alternativa para obter forraxe de verán en terreos máis secos onde o crecemento do millo forraxeiro se vería afectado.
– A colleita do xirasol na quinta semana trala floración supón obter un %MS próxima ao 25% , cun valor enerxético lixeiramente superior a 1 UFL/KgMS, se ben o seu uso na ración vese limitado polo seu contido en aceite.
-O rendemento do xirasol vese incrementado nun 12% se o cultivo anterior foi unha mestura de Raigrás e 5 – leguminosas.
Podes descargar nesta ligazón a ponencia completa de Juan Valladares.