Vantaxes da monitoraxe de tenreiras mediante dispositivos electrónicos

Alejandro Pérez, técnico veterinario do centro de recría valenciano Cowvet, explicou nas xornadas de Africor Lugo a súa experiencia na utilización de novas ferramentas, como os crotais electrónicos para o control do crecemento das becerras ou os colares de actividade para a detección de celos en xovencas

Becerras con crotais electrónicos no centro de recría Cowvet de Valencia

Becerras con crotais electrónicos no centro de recría Cowvet, na Comunidade Valenciana

A aplicación de novas tecnoloxías en vacas en produción xeneralizouse nos últimos anos pero o seu uso avanza tamén, aínda que de xeito máis incipiente, no período de recría. Situado en Titaguas, en Valencia, o centro Cowvet empezou a utilizalas, con bos resultados, dentro dos protocolos de manexo das xatas. Coñecemos como xestionan, a través delas, o crecemento das tenreiras.

Alejandro Pérez Navarro, que forma parte do equipo técnico deste centro valenciano, acaba de participar nas xornadas técnicas de Africor Lugo, que este ano por culpa da situación de pandemia celebráronse de forma virtual retransmitidas por Vaca Pinta, para contar en que aspectos focalizan a súa estratexia de traballo diario para lograr devolver ás explotacións xovencas que chegan ao primeiro parto con máis de 600 quilos de peso antes dos dous anos de idade.

Traballan para varias explotacións da zona de Levante, ás que recrían xatas que chegan ao primeiro parto con máis de 600 quilos de peso antes dos dous anos de idade

Para logralo, o centro de recría valenciano está a aproveitar as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías aplicadas ao período de recría para optimizar as fases de crecemento e de inseminación mediante a utilización de crotais electrónicos así como de colares de actividade. O uso que fan destas novas tecnoloxías en Cowvet está baseado en catro piares e obxectivos fundamentais: control da lactación, control do crecemento, control da saúde e control reprodutivo.

1. Control da lactación

SAT San Martiño (Portomarin) amamantadora2“A lactación é un período crítico que vai condicionar a vida produtiva da vaca”, asegura Alejandro, xa que diversos estudos correlacionan a ganancia media diaria nesta etapa coa produción de leite futura. “Cada quilo de peso nas 8 primeiras semanas de vida equivale a un incremento de 500 quilos no leite producido”, expón, de igual forma que a inxesta temperá de penso tamén está relacionada co desenvolvemento do rumen.

Cada quilo de peso gañado nas 8 primeiras semanas de vida equivale a un incremento de produción de 500 litros de leite

Aínda que no centro de recría valenciano non as utilizan, o uso de amamantadoras nesta etapa de crecemento a nivel de gandería permite precisión no volume das tomas, así como temperatura e concentración de leite constante. “Iso repercute positivamente na saúde da tenreira”, afirma. O uso de amamantadoras tamén permite dar un maior número de tomas.

“As últimas tendencias é a aumentar a cantidade de leite e concentración de lactoreemplazante”, indica Alejandro, que destaca asimesmo que as amamantadoras permiten facer destetes á carta e individualizados a cada tenreira. “Ao aumentar a cantidade e concentración de leite non é aconsellable un destete abrupto, que é negativo para a tenreira, e coas amamantadoras pódense facer destetes progresivos acordes ás inxestas de pensos”, valora.

Agrupar en idades precoces vai en consonancia coa lexislación europea en materia de benestar animal pero conleva maior risco de trasmisión de enfermidades

Pola contra, o uso de amamantadoras nodriza ten como desvantaxe o risco sanitario que supón traballar en grupo. “Nós recomendamos aos gandeiros aos que asesoramos nas súas explotacións a incorporación das tenreiras ás nodrizas ás 2 semanas de vida para evitar problemas na competencia por acudir á amamantadora e desta forma tamén as becerras xa terían pasado o período de maior risco de diarreas neonatais en boxes individuais”, argumenta.

2. Control de crecemento

Báscula móbil de pesaxe dotada de dispositivo electrónico conectado aos crotais para a toma de datos

Báscula móbil de pesaxe dotada de dispositivo electrónico conectado aos crotais para o rexistro de datos

O centro situado en Titaguas conta con crotais electrónicos, que permiten identificar a cada animal de forma individual e rexistrar o seu historial de pesos e medidas a partir dos datos obtidos mediante básculas electrónicas móbiles, que poden levar deste xeito aos distintos parques onde se atopan os lotes de animais en cada fase e que lles permiten facer unha toma de datos precisa. “O feito de non ter que usar follas de campo para apuntar axilízanos o proceso e fai que no menor tempo posible podamos facer estes controis”, conta Alejandro.

Seríanos de gran axuda poder prever que momento é o óptimo para o destete

Están a traballar tamén na monitoraxe da rumia a través dos crotais electrónicos para axustar mellor o destete ao estado de desenvolvemento do rumen de cada animal. “Seríanos de gran axuda poder prever que momento é o óptimo para o seu destete porque o rumen dese animal xa está preparado”, recoñece. “Midir o tempo de rumia individualizada e de grupo axúdanos a prever tamén posibles enfermidades e mesmo é posible tamén detectar o estrés por calor a través do xeito de respirar”, avanza.

3. Control de enfermidades

En Cowvet están a usar tamén as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías para a detección precoz de enfermidades. “Unha tenreira enferma reduce a súa ganancia media diaria, ten máis risco de ser descartada, incrementa a súa idade ao parto e producirá menos leite, polo que ter unha detección precoz das patoloxías é fundamental. Moitas veces esta supervisión da saúde das tenreiras realízase de forma visual e vai depender do adestramento e a subxectividade do operario que se encargue do seu coidado pero xa hai tecnoloxías incipientes que podemos utilizar”, asegura Alejandro.

Os 6 primeiros meses son o período de maior risco para a saúde das tenreiras por episodios de pneumonías e diarreas

Ademais dos datos que achegan os crotais electrónicos, que sen embargo non miden a temperatura dos animais, neste centro de recría fan ecografías pulmonares para detección precoz de casos de pneumonía ata os 6 meses, que é o período de maior risco para a saúde das tenreiras. “Desta forma reducimos o uso de antibióticos e logramos un maior éxito nos tratamentos en caso de ter que aplicalos, baixando o número de animais crónicos, e previmos fallos na curva de crecemento das xatas, prestando máis atención a aqueles animais enfermos e monitorando a súa recuperación”, conta.

Realizan tres controis ecográficos: á entrada dos animais, ao destete e aos 120 días, antes de mesturárense en lotes máis grandes

De forma rutineira nestes 6 primeiros meses de vida realizan tres controles ecográficos: “o primeiro á entrada dos animais nas instalacións, para ver que problemas poden traer (diarreas, febre, pneumonía); un segundo control ao destete, para ver se puido haber algún problema na lactación; e un terceiro control ecográfico aos 120 días, cando as tenreiras pasan a parques máis grandes, pasando de grupos de 6 a lotes 30-40 animais, porque son eses tres momentos cando máis risco de pneumonía vemos”, recoñece Alejandro.

4. Detección de celos

colares electronicosA detección de celos en xovencas séguese facendo na maioría das explotacións mediante a observación visual pero este sistema ten algúns problemas, a xuízo do técnico veterinario do centro de recría valenciano. “Moitos celos ocorren durante a noite e a súa duración é máis curta polo que en moitas ocasións pasan desapercibidos”, considera.

Moitos celos ocorren durante a noite e a súa duración é máis curta nas xatas polo que moitas veces pasan desapercibidos

Nos últimos anos produciuse tamén a trasposición da tecnoloxía dos podómedros de medición de actividade, con 30 anos de experiencia en vacas adultas, á recría. “Nós empezamos cos podómetros e agora facemos esta monitoraxe da actividade a través de colares, que miden en tempo real, cada un ou dous minutos, o que fai cada animal. “Esta tecnoloxía ten unha aplicación clara en reprodutivo, que permite baixar a idade da primeira inseminación e exercer maior presión na reinseminación en caso de non quedar preñada á primeira”, destaca.

grafico inseminacionO software que acompaña aos colares combina o aumento de actividade e o descenso de rumia, o que permite unha detección de celos máis precisa. “Este feito permite elixir o momento óptimo de inseminación para facela nas horas onde maior taxa de xestación existe, aumentando o éxito e reducindo o uso de doses de seme e de hormonas necesarias e dá vantaxes para a utilización do seme sexado, que ten unha vida útil menor que o convencional”, indica Alejandro.

O aumento na detección de celos mediante esta tecnoloxía permite unha redución no uso de hormonas e sacar máis partido ao seme sexado

Estas tecnoloxías permiten tamén detectar patoloxías reprodutivas, como xovencas en anestro, celos irregulares ou detección de abortos en estados de xestación avanzados. Tamén reducir os falsos positivos en detección de celos, que provocan ás veces perdas embrionarias iatroxénicas por reinseminar animais que xa estaban xestantes.

Segundo os datos facilitados por Alejandro en base ás probas realizadas en Cowvet, das 256 alarmas de celo no 92% dos casos eran correctas as deteccións, polo que a precisión destas aplicacións na detección de celos é elevada, de igual forma que o 93% das xovencas chegaron xestantes ao diagnóstico mediante ecografía realizado aos 28 días.

“Os sete primeiros meses son clave no desenvolvemento das tenreiras e na súa produción posterior de leite”

becerras centro recria Cowvet (Valencia)2O centro valenciano está inmerso desde a primavera pasada nun proxecto de investigación financiado con fondos europeos centrado no desenvolvemento de estratexias de recría novas nas primeiras etapas de crecemento das tenreiras (a partir dos 15 días de vida) e a cuantificación da repercusión que estes novos sistemas de manexo teñen nos índices produtivos posteriores dos animais.

Manexar ben ás becerras nos seus primeiros meses de vida ten unha incidencia fundamental na futura produción de leite dese animal. “A clave está nos sete primeiros meses das tenreiras, sobre todo desde que empezan a comer penso”, considera Alejandro.

Para optimizar a recría poñen o foco no crecemento das xatas desde o destete ata os 7 meses e na detección de celos a partir do ano de vida

Por iso, o control dos animais é máis estrito e continuo nestes 7 primeiros meses, con 3 pesadas a maiores da inicial, á entrada dos animais nas instalacións con dúas semanas de vida. Nesta fase outro aspecto clave é evitar patoloxías respiratorias ou dixestivas para non prexudicar o crecemento potencial da tenreira, que pode chegar aos 1.200 gramos de peso diarios, baixando posteriormente a 800-900 gramos.

Un centro creado no 2018

Os veterinarios valencianos Paco Sebastián e Xavi Valldecabres decidiron poñer en marcha en 2016 nunha gandería alugada un primeiro servizo de recría para algunhas das granxas nas que traballaban facendo asesoramento veterinario e que tiñan problemas de espazo para xestionar directamente a recría nas explotacións. Ao externalizarla, esas ganderías puideron aumentar o número de vacas en produción, tal como lles demandaba a empresa Danone, con industria na zona.

Buscaron unha zona de montaña a medio camiño entre o Levante e a Meseta onde suavizar as condicións de temperatura e humidade no verán

Pero a importante demanda fixo que no 2018 se trasladasen a unhas novas instalacións na localidade de Titaguas, onde hoxe está instalado o centro de recría, con máis de 1.000 animais na actualidade. Trátase dunha zona de montaña e a elección do emprazamento buscaba suavizar as condicións de humidade e altas temperaturas que se dan no verán no Levante e que fan diminuír os índices reprodutivos. Desta forma, grazas á localización elixida, poden seguir empregando seme sexado no verán nas xovencas, dado que as taxas de preñez mantéñense.

A situación nesta zona rural a medio camiño entre o Levante e a Meseta permite tamén unha subministración idónea de materias primas. A alimentación dos lotes de xatas tralo destete baséase por unha banda en cereais procedentes de Cuenca ou Albacete e subproductos da industria agroalimentaria valenciana, como pulpa de laranxa ou bagazo de cervexa.

Plan de recría con obxectivos concretos

grafico recria CowvetO obxectivo que se marca Cowvet é o de conseguir un animal adulto de 730-760 quilos de peso ao terceiro parto, que coincidiría entre o quinto e o sexto ano de vida do animal, en función dos índices reprodutivos posteriores da explotación propietaria. Para lograr este obxectivo, a xovenca debería parir no primeiro parto con entre 630-650 quilos de peso vivo, o que representaría un 82% do seu peso adulto total.

Ao final do período de recría debe lograrse o 55% do peso adulto do animal, é dicir, entre 401 e 418 quilos de peso vivo

“Para optimizar o período de recría deberiamos poder inseminar ás tenreiras aos 400 días alcalzando entre o 45 e o 50% do peso adulto no momento da primeira cubrición (entre 380 e 400 quilos) para lograr o seu primeiro parto entre os 22 e os 23 meses de vida. Desta forma estamos a optimizar o crecemento da tenreira pero non estamos a prexudicar a súa produción de leite futura”, asegura Alejandro.

Recría en 5 fases

centro recria Cowvet (Valencia)2No centro de recría Cowvet dividen o crecemento das tenreiras en 5 fases distintas, con estratexias nutricionais diferentes:

1. Do nacemento ao destete
Nesta etapa no centro valenciano teñen uns crecementos de entre 700 e 800 gramos diarios. “Nós consideramos que a calidade da xovenca non vai depender tanto da inxesta de leite e tentamos maximizar a toma de penso canto antes porque iso vai favorecer o desenvolvemento do rumen”, asegura Alejandro.

2. Do destete a 6 meses
“É unha etapa de alto potencial de crecemento, que hai que maximizar todo o que se poida, chegando a conseguir ganancias medias diarias de entre 1.000 e 1.200 gramos, unha cantidade comparable á dos xatos de cebo”, explica.

A idade clave produciríase ao redor dos 400 días de vida da tenreira, cando alcanzaría a puberdade e recibiría a primeira dose de seme

3. Dos 7 aos 11 meses
Unha sobrealimentación nesta fase sería contraproducente. “Hai que ter coidado neste momento co engraxamento dos animais, e hai moitos estudos que o demostran, porque hai unha relación negativa entre o engraxamento do ubre nesta fase e a produción futura desa vaca”, indica Alejandro. Por iso nesta fase reducen o crecemento dos animais a 800 gramos diarios.

4. Dos 12 meses ao momento da inseminación, con 13-15 meses
“Nesta fase volvemos recuperar niveis enerxéticos máis elevados para favorecer a saída en celo temperá da xata”, detalla.

5. Preparto
Tras confirmar a preñez do animal volven baixar a crecementos moderados de entre 800 e 900 gramos diarios.

Cinco controis de peso e medida

crotales electronicos“Para lograr os obxectivos fixados no programa de recría de calquera explotación é necesaria a toma de datos durante as distintas fases e controis de crecemento periódicos, pero vemos que en moitas ocasións hai un déficit na recompilación tanto de pesos como de medicións. É un erro, porque estes datos axúdannos na toma de decisións, ao servirnos para verificar que o crecemento é o correcto, para elixir o momento adecuado da cubrición e tamén para seleccionar e descartar aqueles animais que non cumpriron cos obxectivos marcados”, asegura Alejandro.

Hai un claro déficit tanto de pesos como de medicións nas explotacións que fan recría e é un erro

“Nós facemos pesadas individuais dos animais e noutros casos medicións á pelvis, máis cómodo que acceder á cruz”, considera. Ao redor dos 138 cm de altura á pelvis sería o momento ideal para realizar a cubrición e coincidiría cos 400 días de vida. Alejandro defende este sistema individualizado e non o de facer a primeira inseminación a tempo fixo e recomenda facer un total de 5 controis de peso e medida a cada animal durante todo o período de recría: nacemento, destete, prepuberdade, inseminación e unha vez que pariu a xovenca. “No noso caso a primeira pesada realízase á chegada da tenreira ao centro e o último control á saída de volta cara á súa explotación de orixe, na fase de preparto, pero o ideal nas ganderías sería facer este control tralo parto”, explica.

Protocolos de encalostrado e vacinación

centro recria cowvet (Valencia)1

O primeiro mes póñenlles chalecos ás xatas para que gasten menos enerxía en manter a temperatura corporal

O centro de recría Cowvet marca uns protocolos de encalostrado e vacinación ás ganderías que lles envían animais para recriar e que han de cumprir. Ao chegar ao centro, tralas probas de BVD na granxa de orixe mediante análise de cartílago, as tenreiras pasan unha primeira valoración de peso e medida, un sangrado, así como unha inspección médica de constantes vitais e estado respiratorio mediante ecografía pulmonar para descartar patoloxías.

As tenreiras pasan a corentena en boxes individuais e tralo destete agrúpanse casetas de maior tamaño, de entre 4 e 6 animais, ata os 120 días

Os animais son aloxados en boxes individuais, separados un metro e medio uns doutros, onde pasan a corentena inicial durante a fase de lactación ata o destete. Dado que os boxes están no exterior, ao aire libre, no inverno abrigan as tenreiras o primeiro mes con chalecos para que se adapten á climatoloxía da zona de Titaguas, na que chega a nevar no inverno.

Cando se dan estas condicións adversas, increméntanlles a cantidade de leite en po e soben de 38 a 40 graos a temperatura do lactoreemplazante nas tomas para evitar que se arrefríe. Optan por biberóns no canto de caldeiros e teñen especial coidado na hixiene e desinfección diaria de botellas e tetinas, que retiran para lavar e desinfectar todos os días, substituíndo aquelas tetinas que ven que teñen un burato demasiado grande, porque podería provocar pneumonía se a velocidade de inxesta é moi rápida.

Menos leite e máis penso

becerras centro recria cowvet (Valencia)1As tenreiras que están en Cowvet non inxeren máis de 700 gramos de leite en po ao día e a partir dos 30 días empezan a consumir xa cantidades significativas de penso. “Utilizamos leite formulado por nós, alto en proteína (27%) e baixo en graxa (17%). Esta porcentaxe de proteína é a idónea para alcanzar maiores crecementos nesta fase e o leite é baixo en graxa porque se a graxa é alta inhibe o consumo de penso pola súa saciedade ao animal”, detalla Alejandro. Ademais, os sustitutivos lácteos baixos en graxa favorecen a preparación do rumen para a seguinte fase, dado que desta forma a tenreira terá unha maior cantidade de amilasa e, por tanto, unha vez destetada, contará cunha maior dixestibilidade do penso.

Usan un lactoreemplazante de formulación propia, alto en proteína pero baixo en graxa, para evitar que a saciedade inhiba a inxesta de penso e favorecer ao mesmo tempo a amilasa no rumen

En canto á estratexia de aloxamento, por motivos sanitarios, dado que se controla mellor aos animais, indica Alejandro, están en boxes individuais ata o momento previo ao destete, cando se xuntan os parques das casetas de 2 tenreiras para favorecer a súa socialización e a inxesta de penso.

“Aos 45 días, retíraselles unha toma de leite, porque xa toman 1 kg diario de penso, pasando a tomar entón soamente leite pola mañá e aos 50 días sácaselles de forma abrupta”, explica. “Con tantas tenreiras temos que facelo de forma sinxela e práctica, pero considero que ese protocolo de destete abrupto podería aplicarse tamén en ganderías individuais máis pequenas, non só en centros de recría como o noso, sempre que as cantidades de leite en cada toma non sexan elevadas”, matiza.

Destete aos 50 días

terneras destetadas centro recria CowvetAos 42 días as tenreiras son sometidas a unha proba de tuberculose e paratuberculose e, a partir dese momento, ábrense os parques a cada dous boxes e iníciase o proceso de destete en grupos de 2 tenreiras. “A nosa filosofía é facer a lactación o máis curta posible, destetamos aos 50 días”, indica Alejandro.

Comezan a tomar forraxe a partir dos dous meses de idade, mesturado inicialmente co penso starter, xa en grupos de catro a seis tenreiras, unha configuración que se mantén ata os catro meses. Os lotes amplíanse entón a entre 28 e 32 animais ata os 7 meses de vida. Dispoñen de 10 metros cadrados por animal entre a zona cuberta e a que está ao aire libre e a alimentación baséase en mestura unifeed seca.

A nosa filosofía é facer a lactación o máis curta posible e que a tenreira empece a comer penso canto antes

A partir dos 8 meses de idade introdúcense na ración subproductos como pulpa de laranxa ou bagazo de cervexa e as tenreiras pasan a estar en parques máis grandes, de ata 150 animais, onde dispoñen polo menos dunha cornadiza por cabeza no comedero. O centro de recría conta cunha zona exterior de bosque con piñeiros para dar sombra e o clima seco da zona favorece o mantemento da cama quente de palla nas instalacións.

Inseminación a partir do ano de vida

xovencas centro recria Cowvet (Valencia)1A partir do ano de idade empezan a seleccionar aquelas tenreiras que poden ser inseminadas tras probas de peso e medida. Con 138 centímetros de altura na pelvis e 370 quilos de peso son enviadas ao lote de inseminación.

É neste momento cando se lles instalan colares de actividade para detección de celos. Inseminan xeralmente con seme sexado e xenómico, aínda que iso é elección do gandeiro propietario do animal. Á hora de elixir touro decántanse por valores de produción, fertilidade e facilidade de parto.

As xovencas paren con entre 22 e 24 meses cun peso superior aos 600 quilos

“A recría hai que vela como un investimento, as tenreiras serán nun futuro as nosas produtoras de leite pero moitas veces nas explotacións a recría segue sendo aínda a gran esquecida. O gandeiro pon o esforzo e os recursos naqueles animais que están a producir leite, cando en realidade ten infinitos beneficios o coidado das tenreiras no período de recría, que son o futuro xenético da explotación e, se as coidamos como se merecen, serán vacas máis produtivas, con mellores índices reprodutivos e con maior lonxevidade”, conclúe Alejandro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información