“A vantaxe do vacún arxentino é que produce grandes volumes con calidade e baixos custos”

Os produtores de vacún de carne europeos son dos máis activos nas protestas contra o acordo co Mercosur. Pero coñecemos a realidade do sector en Sudamérica? Da man de Ricardo Ludiueña, un dos maiores expertos na Arxentina, afondamos na situación da cabana do seu país e o traballo que se está a realizar

ludueña castracion RILU 1

Hector Ricardo Ludueña é unha das persoas máis respectadas e recoñecidas no sector da carne de vacún na Arxentina. E licenciado en Veterinaria pola Universidade Nacional de Río Cuarto e exerceu a docencia en outros catro centros universitarios do país.

Actualmente realiza labores de asesoría en reprodución e produción e especializouse en ecografía reprodutiva Bovina, e ecografía produtiva da canal. E foi o creador do método RILU de castración profilàctica de vacas adultas. Falamos con el para coñecer o sector do seu país e as semellanzas e diferencias cos modelos galego e europeo. 

– Que é o que caracteriza e diferencia a produción de carne de vacún arxentina?

Principalmente a alimentación a pasto. Todas as rexións de Arxentina son idóneas para ter o gando en extensivo tanto polo clima como pola calidade da terra. E en todas as provincias diferentes estudos universitarios certifican que se está a traballar cada vez máis intensamente no benestar animal.

Conseguimos producir enormes cantidades de carne de calidade a baixo custo. Incluso cando se nos pechou a Cota Hilton -a cantidade de carne de vacún de calidade que a UE permite introducir no seu mercado- puidemos sobrevivir na exportación pola excelencia das canais e os custos baixos.

A alimentación das vacas arxentinas é a base de pastos e forraxes. Cando se da un concentrado, é sempre a base de millo. Aquí o millo dáse en todas partes e con facilidade. Por eso exportamos tanto. Así, na fase de cebo, a alimentación é de 70% forraxe e 30% concentrados de millo.

Agora tamén se está a traballar con pastos e forraxes hidropónicos nas zonas máis áridas como é a provincia de Mendoza. Os resultados amosan que o consumo de auga é mínimo, que a calidade en canto a proteína e enerxía se mantén estable todo o ano e que a dixestibilidade acada entre o 85% e o 95%. Case podemos falar dun cultivo ecolóxico con rendementos convencionais.

– Como está o censo de bovino no seu país e cales son as tendencias na súa xestión?

Traballamos moito co concepto “retención de ventres”, que se refire á cantidade de vacas e xovencas que quedan para seguir tendo partos e, por tanto, non son enviadas a matadoiro. Historicamente a retención foi baixa, de xeito que non se creaba stock e freábase a expansión futura para atender as necesidades inmediatas.

Arxentina segue sendo deficitaria en stock porque non hai costume de reservar vacas e xovencas para vida

A retención está medrando no último ano. Iso permite traballar nos índices de preñez, que sempre foron baixos. Aínda así, o stock total bovino era a finais de 2024 de 51,6 millóns de cabezas, o nivel máis baixo en 14 anos.

E é que no 2024 caeu o censo nunhas 800.000 femias reprodutoras (-3%) e nos dous últimos exercicios, se perderon máis de 1,7 millóns de ventres, o que implica unha perda potencial de 1,5 millóns de xatos. A maior perda foi nas xovencas, con máis de 4 millóns sacrificadas, o equivalente ao 54% do stock inicial desa categoría, un nivel considerado alto e de risco para a reposición.

– En Europa estamos enfrontando doenzas como a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), a Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC) ou a lingua azul. Afectaron na Arxentina? Cales son alí as doenzas máis frecuentes?

Non temos problemas de lingua azul, EHE ou DNC. Eso non quere decir que non poidan chegar, porque sempre hai risco cando se produce movemento de animais. E, de detectarse síntomas, é obrigatorio comunicalos de xeito inmediato.

As fronteiras arxentinas son moi grandes e os intercambios comerciais tamén. Non é doado controlar todas as posibles infeccións, pero polo de agora só houbo problemas na fronteira norte e xa foron atallados. O cal non significa que se poida baixar a garda, nin moito menos.

Arxentina desenvolve estratexias de vacinación masiva ante a aparición de enfermidades novas ou exóticas

Arxentina desenvolve estratexias de vacinación masiva ante a aparición de enfermidades novas ou exóticas

O que si temos son casos de brucelose e tuberculose. Temos un plan de erradicación que se aplica en todas as explotacións e está a dar bos resultados, aínda que sempre pode xurdir algún caso especialmente nas granxas de vacún de leite.

A brucelose supuxo un problema serio porque, ao ser zoonótica, acaba habendo contaxios en humanos. Eso supuxo que se creara un certo conflito porque houbo denuncias e moitos gandeiros tiveron que ir a xuízo, aínda que estaban seguros de non ter brotes de brucelose nas granxas.

As doenzas que afectan o gando europeo -EHE, DNC ou lingua azul- non están presentes aquí pero sabemos que poden chegar en calquera momento

Arxentina está hoxe libre de febre aftosa. Porque desenvolvemos unha estratexia de vacinación na que os veterinarios temos que exercer un labor de monitorizacióne seguimento dos animais vacinados. E os gandeiros que non cumpran xa non poden comercializar o seu gando.

– Historicamente, a gandería arxentina foi asociada co uso de hormonas de crecemento, pesticidas moi agresivos e alimentación con cultivos transxénicos. Que hai de certo?

A lexislación arxentina é moi semellante á europea en canto a control de hormonas e pesticidas, cun organismo como o Servicio Nacional de Sanidad y Calidad Agroalimentaria (Senasa) responsable desa materia e coa lei 27680, que restrinxe o seu uso a aspectos moi determinados.

Porque o uso de hormonas para que as vacas aumenten de peso é algo que repercute negativamente nas exportacións nun contexto de mercados cada vez máis esixentes. Outra cousa son as hormonas con fins reprodutivos.

O importante é que xa contamos con ferramentas técnicas e legais para garantir a trazabilidade no sector. Xa se pode saber con que se alimentan as vacas, en que proporcións, cal é a procedencia dos alimentos…Eu percorrín o 90% das zonas gandeiras e percibo que a conciencia sobre a trazabilidade aumentou entre gandeiros e administración.

Nos últimos dous anos desenvolvéronse normativas para limitar o uso de hormonas, pesticidas e antibióticos

O control dos antibióticos é algo no que tamén se está a traballar intensamente. A resolución 445/2024 do Senasa regula estritamente todo o que ten que ver coa Resistencia Antimicrobiana (RAM). Tamén inflúe que os veterinarios temos adxudicada a responsabilidade de atallar doenzas de forma sustentable e eficaz.

– Dende o punto de vista veterinario, en que liñas de traballo se está a operar nos últimos anos?

A reprodución é fundamental. Tentamos evitar o uso de hormonas como a GnRH -que reduce as perdas de preñez- ou a eCG -que estimula a ovulación- e substituímolas por oxitocina, que é máis completa, máis barata e mellora o índice reprodutivo.

A castración de vacas adultas é unha práctica que tamén medra exponecialmente, Eu mesmo fun creador do método de castración RILU que é un modelo que consegue un mellor engorde das vacas e ten un compoñente profiláctico para o control da brucelose.

Ludueña realizando unha ecografía a xatos para exportación

Ludueña realizando unha ecografía a xatos para exportación

Un grupo de veterinarios estamos a facer o control dos animais en vivo durante o período de cebo. O obxectivo é controlar os niveis de graxa e para eso facemos medicións ecográficas na cadeira e a dorsal. Porque moitas veces aparecen canais con tanta graxa inútil e que hai que desperdiciar que non serven para a exportación e son unha mala compra. Tratamos de concienciar a gandeiros e operadores da necesidade desta praxis que ofrece resultados obxectivos.

– Cales son os hábitos de consumo e os tipos de corte de carne?

O hábito de consumo de carne en Arxentina é moi variado. Como en Galicia, había costume de sacrificar animais que remataban o destete e chegaban a 300 ou 350 quilos e que se cebaban nun breve período. Era o que pedía e segue pedindo o mercado, aínda que eu non estou moi dacordo.

Esa práctica mantense. Pero cada vez hai máis operadores que producen para a Cota Hilton e para outros mercados exteriores. No caso das vacas castradas imos a máis de 500 quilos. E tamén con xovencas. Hai mercados que nos demandan canais grandes, de non menos de 480 quilos, como é o europeo.

Está a aumentar a tendencia a sacar ao mercado animais de máis peso e idade que os xatos destetados

É un erro habitual pensar que as vacas se despezan de forma diferente en Arxentina respecto de Europa. Pode suceder no autoconsumo pero na comercialización non é así. O corte atende a unha lóxica de eficacia que ven de moi antigo en todo o mundo.

Hoxe hai organismos internacionais como a Comisión Económica para Europa de Naciones Unidas (UNECE) ou o International Meat Secretariat (IMS) que teñen criterios únicos para as canais e unha nomenclatura regulada para denominar cada corte (lombo, agulla, falda…). Dese xeito, estandarízase a oferta.

– Cal é a composición da cabana bovina cárnica arxentina?

A cabana está formada en máis dun 50% pola raza Aberdeen angus, tanto negro como colorado. O 50% restante repártese entre Hereford, Brangus (cruzamento de Angus e Brahman) e Braford (cruzamento de Brahman e Hereford).

As Hereford son a segunda raza bovina cárnica con máis implantación na Arxentina

A Hereford é a segunda raza bovina cárnica con máis implantación na Arxentina

En moita menor medidas hai exemplares de Limousin, que teñen unha musculatura espectacular e que dan rendementos por riba do 65%. E a Limangus, cruzamento de Limousin e Angus, a Holando-Arxentina e a raza crioula arxentina.

– Un dos problemas máis graves do sector en Galicia e en toda a UE está no relevo xeracional. Sucede tamén no seu país?

O que facemos é explicar á xente nova que ten que adaptarse a circunstancias boas e circunstancias malas. E dotalos de ferramentas para afrontar esas circunstancias. E tamén traballamos cos titulares das explotacións, levándoos a enfocar que futuro pode ter a granxa cando eles deixen de traballar.

Buscamos un punto medio. Que os mozos teñan un espazo no que poder desenvolver as súas ideas e proxectos e onde os titulares poidan seguir co seu labor, pero visualizando outros modelos alternativos.

O labor formativo e o diálogo están a ser claves para garantir o relevo xeracional

O que está claro é que os novos teñen o dominio das novas tecnoloxías, que xa son imprescindibles para desenvolver a actividade gandeira. Estamos nun momento de maior modernización e con mozos e mozas altamente formados e dispostos a seguir coa actividade.

– Todos os sectores agrogandeiros europeos coinciden en sinalar a burocracia como un lastre para as explotacións. Eso tamén sucede en Arxentina?

Aquí a burocracia tende a simplificarse. Tamén é certo que viñamos de épocas en que había que levar moreas de papeis e facer colas durante horas simplemente para xustificar ou poder obter autorización para unha operación de compra.

Eso era para todos, independentemente do volume que moveras. E nun espazo xeográfico de tamaño só algo inferior ao de toda a UE xunta. Agora estase solucionando coa dixitalización, que reduce o tempo que hai que dedicar a papeleo.

Aquí traballa moita xente nas explotacións. Non son modelos familiares exclusivamente. Por eso creo que xa é necesario contar cunha persoa que estea á fronte de todos os procesos dixitais da granxa. Dende o apartado burocrático ata o funcionamento das máquinas conectadas a redes e a propia información e imaxe.

Como producen carne de vacún en Mercosur e por que os seus custos son menores?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información