A vicepresidencia da Deputación de Lugo pon en marcha o programa “A vangarda está na aldea”, dirixido a revalorizar a cultura labrega e propiciar o autodescubrimento de novas vocacións agrarias e de emprendemento entre o alumnado de secundaria.
O proxecto, que se está a difundir entre os centros de ensino da provincia, desenvolverase a través de obradoiros artellados arredor de materiais fotográficos e literarios, como as fotografías de Carlos Valcárcel, Ton van Vliet, Antón Beiras, Ruth Matilda Anderson ou Ian Colquhoum, que retrataron desde distintas perspectivas a Galiza rural do século pasado, e a novela “O pracer da chuvia” do escritor polense Manuel Vázquez, que se encargará de impartilos.
Na presentación, o autor explicou que o obxectivo principal é que “as alumnas e os alumnos de secundaria non descarten o rural como opción profesional de cara a o futuro por causa dos prexuízos”, polo que os obradoiros incidirán en relacionar “vangarda” e “formación” con aldea, a través do exemplo de proxectos gandeiros que responden aos retos do noso tempo, e na revalorización da “cultura labrega” e da “lingua”, como elementos que nos abren á diversidade cultural do mundo.
A deputada de Cultura, Iria Castro, sinalou que “o programa aposta por achegarse ás novas xeracións cunha mensaxe en positivo e de futuro sobre a cultura rural e labrega,nun momento, a etapa de secundaria o bacharelato en que poden estar valorando opcións profesionais. Somos conscientes de que o relevo xeracional na agrogandería precisa de moitos outros recursos, pero os prexuízos históricos sobre o rural afectaron negativamente ao desenvolvemento das súas potencialidades”.
A responsábel provincial destacou, neste sentido, que “estas actividades amplian e complementan, con outros recursos, os obxectivos do programa Da Escola á Granxa, que financia visitas de escolares de infantil e primaria a granxas e pequenas producións alimentarias no rural, transmitindo a importancia do sector primario na produción de alimentos e na conservación do medio natural”.
O programa, impulsado desde as áreas de Rural e de Cultura, inclúe vinte obradoiros, que se desenvolverán ata final de ano, dacordo co calendario acordado cos centros de secundaria interesados,