Valorpur: Coren reduce o impacto ambiental do xurro de granxas de porcino

O Grupo Coren pon en marcha en Celanova a Planta de Tratamento de Residuos Gandeiros, enmarcada no proxecto Valorpur, para impulsar a eficiencia enerxética e a sustentabilidade ambiental da industria cárnica. A iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia

Valorpur: Coren reduce o impacto ambiental do xurro de granxas de porcino

O presidente de Coren cos conselleiros de Industria e do Medio Rural

O Grupo Coren inaugurou este mércores unha innovadora Planta de Tratamento de Residuos Gandeiros en Celanova, anexa ao seu Centro de Selección Xenética de Porcino, e que se enmarca dentro do proxecto Valorpur.

Trátase dunha instalación pioneira para tratar os residuos das súas granxas de porcino intensivas, unhas 250.000 toneladas anuais, transformándoas en fertilizantes e en biocombustibles, e reducindo o impacto ambiental destes xurros.

Ata agora tratábanse no Centro Tecnolóxico Ambiental da Limia, unha comarca cunha alta concentración gandeira e con problemas de exceso de nitratos, pero o Grupo Coren viuse obrigado a pechar a planta como consecuencia do último decreto enerxético do Ministerio de Industria que suprimiu as primas ás enerxías renovables, como o biogás.

Ante esta situación, e dentro da Alianza Estratéxica establecida en 2015 entre Coren e a Xunta para o desenvolvemento de accións de I+D no ámbito agroalimentario, a cooperativa puxo en marcha un proxecto para xestionar o xurro con usos respectuosos co medio ambiente e utilizando novas tecnoloxías e técnicas de depuración biolóxica mediante plantas acuáticas.

Sepárase a parte sólida do xurro e liquídaa fíltrase mediante biodepuración

Desta forma, sepárase a parte líquida da sólida do xurro de porcino, destinando a parte sólida para uso agrícola como abono adaptado aos diferentes tipos de cultivo (millo, pataca, trigo…) ou para o seu emprego como biomasa, buscando as mellores características para a súa combustión. En canto á parte líquida, pasa por unha biodepuración mediante plantas macrófitas flotantes, con variedades especialmente resistentes e de alto rendemento. Segundo Coren “a parte líquida será totalmente apta para o regadío e almacénase para a rega das 400 hectáreas de leiras agrícolas experimentais anexas de montes comunais queimados que recuperou o Grupo Coren dentro desta iniciativa”.

“Tratará unhas 250.000 toneladas anuais de xurros de porcino”

O desenvolvemento do proxecto de investigación asociado á Planta de Tratamento de Residuos Orgánicos supuxo un investimento de 1.245.000 euros por parte do Grupo Coren, cunha achega de 373.000 euros da Xunta no marco da Alianza Estratéxica de I+D+i establecida en 2015 entre Coren e a Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación e o Centro Tecnolóxico dá Carne, para o desenvolvemento do sector agroalimentario galego.

No acto de presentación destas novas instalacións participaron o presidente de Coren, Manuel Gómez-Franqueira, e os conselleiros de Industria e Medio Rural, Francisco Conde e Ángeles Vázquez.

O Grupo Coren é un xigante do sector primario galego, representando máis do 40% da produción gandeira de Galicia e exporta o 30% da súa produción.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información