Valorización de frondosas autóctonas: experiencias en Galicia

A Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) está a levar a cabo experiencias piloto en montes comunais de Labio (Lugo), Couso (Gondomar), Meixide (A Veiga) e Vilardevós para analizar os usos e aproveitamentos da madeira de carballo, castiñeiro, bidueiro e cerquiño procedente de cortas intermedias

Publicidade

madeira de castinheiro aserradaEn Galicia córtanse cada ano uns 300.000 metros cúbicos de madeira de frondosas autóctonas. Esa cantidade inclúe tanto madeira para serra como, sobre todo, aproveitamento leñeiro, principal destino da maior parte das cortas de frondosas nativas.

Mellorar a calidade, e con iso tamén o prezo, da madeira que conteñen as máis de 450.000 hectáreas de monte de frondosas autóctonas (carballo, castiñeiro, bidueiro, etc) é o obxectivo do Proxecto Tecnolóxico para a Valorización Sustentable de Masas de Frondosas Caducifolias que a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) está a levar a cabo desde o ano 2022 en catro localizacións das provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra.

En concreto, estase a actuar nun rodal de carballo de 4,33 hectáreas de superficie propiedade da comunidade de montes veciñais en man común de Labio (Lugo), con árbores de entre 60 e 70 anos de idade procedentes de rexeneración natural; nun rodal de bidueiro de 5,1 hectáreas pertencente á CMVMC de Meixide (A Veiga), procedente de plantación de valgadas entre rodais de piñeiro silvestre; nun souto de castiñeiro de 4,3 hectáreas propiedade da CMVMC de Couso (Gondomar), orixinado mediante rexeneración natural en subpiso de eucaliptal de castiñeiro que foi posteriormente apeado; e nunha masa de cerquiño en Vilardevós de 2,34 hectáreas cunha alta densidade de pés.

Situación actual dos montes de frondosas en Galicia

masas de frondosas caducifolias en GaliciaAs cortas actuais de frondosas autóctonas representan anualmente en Galicia uns 270.000 metros cúbicos, o que supón menos do 3% do total de madeira cortada nos montes da comunidade. A especie máis cortada é o carballo (Quercus robur), seguido do bidueiro e o castiñeiro.

As existencias en canto a volume madeirable nos montes estímase en 50 millóns de metros cúbicos, das que 22,8 millóns corresponderían a Quercus robur e 8,5 millóns a Quercus pyrenaica. As existencias medias das carballeiras cífranse en 120,6 metros cúbicos/hectárea (86,8 metros cúbicos/hectárea no caso das reboleiras).

A maior parte das masas de fustais e latizais proceden de rexeneración natural e carecen de tratamentos silvícolas

O abandono da actividade agrogandeira en zonas do rural está a levar a un forte aumento da superficie dispoñible no interior de Galicia, co 40% das existencias localizadas na provincia de Lugo e o 30% na de Ourense.  

Ademais do valor económico, as masas de frondosas teñen un alto valor ambiental e paisaxístico en Galicia, onde o 20% da superficie da Rede Natura se corresponde con formacións arboradas de frondosas autóctonas.

O 20% da superficie galega en Rede Natura corresponde a formacións arboradas de frondosas autóctonas

A orixe predominante destas formacións é natural, con diferentes idades e estrutura irregular. O 20% das parcelas están en aparente abandono, predominando as formacións de fustal (37%), latizal (31%) e monte bravo (27%).

uso actual madeira de frondosas caducifoliasA produción froiteira de castaña representa en torno a un 5% das 50.000 hectáreas de castiñeiro que hai en Galicia, mentres que o aproveitamento silvopastoral é residual. Nas masas existentes non se realiza polo xeral ningún tipo de silvicultura e a meirande parte das parcelas evidénciase unha necesidade de realización de tratamentos: rozas, podas, clareos, rareos e entresacas, etc).

O interior das provincias de Lugo e Ourense concentra o 70% das existencias de madeira de frondosas en Galicia

Na actualidade, o aproveitamento da madeira de frondosas caracterízase por un baixo grado de utilización industrial, co uso para leña como predominante, pero mesmo a utilización doméstica é reducida.

Por iso, O Plan Galego de Valorización Sustentable de Madeira de Frondosas Caducifolias persegue tres obxectivos básicos:

  • Valorizar as masas de frondosas caducifolias de Galicia desde o punto de vista social, económico e ambiental
  • A obtención, nun futuro, de madeira de frondosas de calidade a través da realización de actividades silvícolas nas masas existentes
  • A valorización industrial dos produtos intermedios, de pequeno tamaño e baixa calidade, tanto a través de produtos tradicionais como de novas tecnoloxías de transformación

Aproveitar o presente e preparar o futuro

Corta intermedia no bidueiral de Meixide (A Veiga). Foto: Hugo Rodríguez (AMETLAM)

Corta intermedia no bidueiral de Meixide (A Veiga). Foto: Hugo Rodríguez (AMETLAM)

Gonzalo Piñeiro Veiras, director do CIS Madeira, pertencente a XERA, explica que os traballos que se están a levar a cabo nas distintas parcelas experimentais establecidas en Galicia (Labio, Meixide, Couso e Vilardevós) buscan establecer unha metodoloxía viable para os traballos silvícolas intermedios e preparar o camiño das futuras cortas para usos de valor da madeira.

“É unha aposta por poder utilizar a madeira galega de frondosas caducifolias. O que se busca no proxecto é actuar nas masas, para que dentro duns anos poida haber madeira grosa de calidade suficiente para os serradoiros. En Galicia aínda temos unha cantidade interesante de industrias que transforman, cando en moitas zonas teñen o recurso pero non teñen industria. Iso é unha vantaxe, pero unha parte desa industria está mercando actualmente materia prima fóra porque non a hai en Galicia de calidade suficiente. Por iso, o obxectivo é que poidan ir cada vez máis consumindo madeira de calidade local para que esa industria existente poida seguir funcionando con madeira de Galicia”, resume Gonzalo.

Tanto en carballo como en castiñeiro, en primeiras calidades neste momento impórtase a maior parte

“O uso do carballo galego para tonelería é anecdótico e tanto en carballo como en castiñeiro, en primeiras calidades neste momento impórtase a maior parte, sobre todo madeira en tronco de Francia”, explica o director do CIS Madeira.   

Mecanización para non causar dano e facer viable o aproveitamento

As masas de frondosas que existen en Galicia están nun tamaño fustal importante pero precisan de actividades silvícolas e o que se persegue é rendibilizar no posible esas cortas intermedias. “Buscamos ter valor nesas cortas intermedias para que sexa rendible facelas, non só que a corta final, na que se obtén madeira de calidade, sexa rendible, porque para chegar a iso son necesarias tamén as cortas intermedias”, aclara.  

O proxecto traballa en dúas partes: como mecanizar as cortas intermedias e como obter valor aos produtos resultantes para pagar con eles os traballos

“As claras son sempre polo alto, cortamos árbores que están competindo en altura coas árbores que queremos conservar. Por iso, sacamos moitas veces árbores altas, que teñen entidade pero que non teñen calidade. Un punto fundamental é que nesa corta non podes causar dano ás árbores de porvir que quedan no monte. Por iso optamos pola mecanización dos traballos, porque coas cortas á man non temos control sobre as caídas e poden quedar enganchadas unhas árbores nas outras. Son operacións perigosas á man”, asegura.

O obxectivo final non é obter un rendemento en si mesmo, senón mellorar a calidade das árbores que se preservan

A mecanización busca tamén reducir no posible o custo da corta, apeo e saca. “Traballamos sempre con vías de saca, facemos rúas para que poida entrar a maquinaria. Tradicionalmente en Galicia non se traballaba deste xeito porque as claras non se facían”, explica Gonzalo.

mecanizacion corta intermedia frondosas Vilardevos

A mecanización destas cortas intermedias faise necesaria para reducir custos e debido á escaseza de man de obra no sector. Ademais, o emprego de taladoras forestais ten vantaxes sobre o uso de motoserra: evita ter que limpar a base dos pés e diminúe de forma importante os custos de mantemento das serras de corte.

O uso de cabezais procesadores presenta dificultades pola curvatura e dureza da madeira

No caso do emprego de cabezais procesadores, en carballo presenta grandes limitacións polo grado de curvatura, diámetro e dureza das ponlas. A medición, en xeral, é tamén problemática polas curvaturas e defectos das árbores, mentres que o uso de rodillos de descascado de eucalipto é viable para realizar a descasca de frondosas.

“O rendemento manual é baixísimo e sería inviable nestas cortas. A idea é que o valor obtido pola madeira destas cortas intermedias pague cando menos o custo da actuación, dado que o obxectivo final non é obter un rendemento en si mesmo, senón mellorar a calidade das árbores que se preservan”, insiste.

Estacas para peches: unha alternativa á madeira tratada

postes pelados para estacasO segundo obxectivo nestas cortas intermedias é dar valor á madeira de escasa calidade que se obtén. “En madeira aserrada estamos limitados pola dimensión das pezas obtidas”, recoñece Gonzalo, polo que unha das alternativas é a fabricación de estacas aproveitando a resistencia natural que ofrece a madeira de castiñeiro e carballo. A porcentaxe de cerne e a curvatura serían os factores limitantes para este uso, que ten unha demanda crecente tanto para peches agrícolas e gandeiros como para xardiñeiría, en substitución dos postes de piñeiro tratados, máis caros e que se atopan con limitacións normativas no uso de produtos químicos para aumentar a súa durabilidade.

No uso agrogandeiro e de mobiliario de xardín vaise poder avanzar nos vindeiros anos porque hai mercado e a madeira cumpre coas expectativas

No caso do castiñeiro e o carballo (o bidueiro non serviría, xa que non ten resistencia natural), non hai que aplicar produto químico algún, simplemente un tratamento mecánico de descascado e cepillado superficial. “É un produto que ten saída e vaise poder avanzar nos vindeiros anos neste uso porque hai mercado e a madeira cumpre coas expectativas”, asegura o director do CIS Madeira.

porcentaxe de cerna en madeira para postes de carballo e castinheiroNas experiencias de fabricación de postes para peches coa madeira obtida nas cortas realizadas en Labio (carballo) e Couso (castiñeiro) atopouse unha grande disparidade no nivel de sámago e porcentaxe de cerne dos troncos, o que obriga a descartar pezas.

“Faise necesario combinar dous produtos, a fabricación de leña ou estelas e a de postes, seleccionando previamente por curvatura e porcentaxe de cerne. Serían produtos complementarios”, aclara Gonzalo.

No caso dos péllets, existe unha limitación para poder facelos de frondosas por unha nova normativa  europea. “Por cinsas estamos no límite, pero polo punto de fusión habería dificultades para pasar a normativa de calidade. Fixéronse probas de lavado de taninos por se podía influír, pero vimos que había pouca diferenza”, detalla.  

Traballos silvícolas para mellorar o aproveitamento e a calidade da madeira

Marcaxe de castiñeiros no monte veciñal en man común de Couso (Gondomar). Foto: Roque Rodríguez Soalleiro

Marcaxe de castiñeiros no monte veciñal de Couso (Gondomar). Foto: Roque Rodríguez Soalleiro

A ausencia de labores culturais nos montes son unha das eivas fundamentais coas que se atopan os aserradoiros que transforman madeira de frondosas en Galicia, obrigándoos en moitos casos a ter que importar troncos de maior lonxitude e diámetro procedentes de Francia para poder atender os pedidos dos seus clientes.

Por iso, un dos aspectos esenciais para a revalorización das parcelas de frondosas galegas é a adopción por parte dos propietarios forestais de tratamentos silvícolas específicos, como desmestes, claras ou podas, que melloren a calidade da madeira seleccionada para chegar ao final do seu ciclo de corta.

A maior parte dos montes de frondosas galegos proceden de rexeneración natural e carecen dos traballos silvícolas necesarios para obter neles madeira de calidade

Pero para iso e necesario coñecer, en primeiro lugar, as características das distintas especies e o seu crecemento e comportamento para levar a cabo actuacións específicas beneficiosas para cada unha delas, xa que non é o mesmo, por exemplo, podar un castiñeiro cando o seu destino é a obtención de madeira que cando se busca a produción de froito.

Sen marcaxe non hai silvicultura

castinheiros marcados como de porvir e arbores de competencia a extraer no MVMC de Couso Foto Roque Rodriguez SoalleiroO sinalamento de árbores de porvir e a corta daquelas outras que lles fan competencia é a base da xestión dos montes de frondosas caducifolias para obter deles madeira de calidade.

“Extráense 2 ou 3 pés por cada un que queres manter. Isto daría que para entre 60 e 80 árbores por hectárea seleccionadas para quedar cortaríanse unhas 120, a maiores das árbores necesarias para a apertura das rúas”, explica Gonzalo Piñeiro.

Normalmente extráense 2 ou 3 pés por cada un que queres manter

O marco de plantación debe ser adaptado a cada especie pero, como regla xeral, nas frondosas destinadas a produción madeireira débese traballar de inicio con densidades altas para que as árbores medren ao alto buscando a luz solar.

Posteriormente abriranse rúas e eliminarase competencia ás árbores de porvir mediante clareos, procurando non obstante manter a cuberta de copa, como xeito de lograr un subpiso de mato heliófilo controlado.

Apertura de rúas cada 25 metros

Esquema de marcaxe nunha primeira intervencion comercial en monte de frondosas. Fonte: Roque Rodriguez Soalleiro

Esquema de marcaxe nunha primeira intervención comercial en monte de frondosas. Fonte: Roque Rodriguez Soalleiro

“Non podes abrir moito a masa para que non entre moito a luz. O que se prioriza é facer as rúas para poder mecanizar os traballos, polo que a extracción nestas franxas de saca xa ten un peso moi importante no que é o global da clara”, indica o director do CIS Madeira.

En Labio abríronse rúas de 4 metros de liña media e en Vilardevós están previstas anchuras menores de entorno a 2,5 metros, para que estea sombreada a rúa e non haxa rebrote de maleza.

Abrindo vías de saca evitas andar polo medio da masa e danar as árbores de porvir

A distancia entre rúas é normalmente de 25 metros e a anchura das vías de saca de entre 3 e 4 metros, dependendo da dimensión das árbores. “Deste xeito, abrindo rúas, evitas andar polo medio da masa e facer dano ás arbores que quedan”, destaca.

Podas e intervencións a tempo

obxectivos corta intermedia frondosas VilardevosEn Vilardevós a masa de cerquiño xa está marcada e as cortas están previstas para este inverno, en canto as árbores perdan a folla. “Sempre se corta en inverno, sen folla, tanto para evitar aniñamentos como tamén por temas de sabia. Normalmente estas actuacións no monte fanse de novembro a xaneiro, pero depende de como veña a climatoloxía e da zona de Galicia na que estea o monte”, aclara Gonzalo.  

Os nós mortos son un dos principais defectos da madeira aserrada de castiñeiro; o prezo increméntase co diámetro e ausencia de nós

No que respecta ás podas, deben facerse a tempo, para evitar, por exemplo, os nós mortos, que son os que restan calidade no aserrado. Levaranse a cabo intervencións suaves en beneficio dos árbores de porvir tratando de acadar fustes rectos da maior lonxitude e diámetro posible.

No bidueiral hai unha maior dificultade para seleccionar pés de porvir. Nesta especie, ademais, é necesario levar a cabo as intervencións a tempo, xa que require dunha maior posta en luz para fomentar o seu crecemento diametral.

Cantidade de madeira e usos

aserrado taboas frondosasSegundo as experiencias levadas a cabo nas distintas parcelas experimentais por parte de XERA, nas cortas intermedias obtense unha cantidade de madeira que está entre 30-40 toneladas por hectárea.

No caso da prevista en Vilardevós, os cálculos previos indican que se obterían unhas 40 toneladas de biomasa, debido ao pequeno diámetro das árbores que se van extraer, de entre 8 e 10 centímetros, cando para aserrado, a madeira debe ter como mínimo 30 cm en punta delgada.

A cantidade de madeira obtida e o tipo de aproveitamento posterior varía moito en función do diámetro das árbores extraídas

“No caso de Vilardevós, trátase dunha masa máis nova con árbores máis pequenas. Hai madeira moi nova pero ten pés ben conformados, porque no cerquiño normalmente un dos problemas é a curvatura. A madeira irá para leña, estelas e postes, aínda que para este aproveitamento é necesario analizar a porcentaxe de cerna, porque se trata dunha especie distinta ao Quercus robur e segundo as sondaxes previas que fixemos a cantidade de sámago sería maior”, matiza o director do CIS Madeira.

Usos da madeira procedente de cortas intermedias

Estacas e vigas de castiñeiro no parque de madeira do serradoiro Maderas Gayoso (Vilalba)

Estacas e vigas de castiñeiro no parque de madeira do serradoiro Maderas Gayoso (Vilalba)

A cantidade de madeira obtida e o tipo de aproveitamento posterior varía moito en función da calidade da madeira e do diámetro das árbores extraídas. Por exemplo, no caso da carballeira de Labio establecéronse os seguintes criterios para o seu aproveitamento:

  • Madeira para serra: diámetro maior de 25 cm e lonxitude superior a 3 metros
  • Postes para peches: diámetro superior a 15 cm e lonxitude superior a 2 metros
  • Aproveitamento para leña: diámetros e lonxitudes inferiores

Para o aserrado, en relación ao piñeiro, é necesario adaptar as velocidades de corte e distintos parámetros da serra á maior densidade da madeira de frondosas. Ademais, debido á pouca calidade dos troncos procedentes de cortas intermedias, faise necesario realizar aserrado sen canteado.

A falta de competitividade na serra é polo tamaño e pola falta de calidade da madeira obtida nas cortas intermedias

En canto ao posible uso estrutural da madeira obtida, destinaríase só a pequenas construcións, como zonas de sombra para gando, cuberta de bebedoiros e comedeiros, etc. No caso dos laminados, é un proceso que encarece o custo e no caso das frondosas atópase con dificultades técnicas.

Para ventás a normativa é distinta á da construción estrutural, que é máis esixente

“Laminar a día de hoxe frondosas ten unha problemática na normativa, porque non é o mesmo encolar piñeiro ou encolar carballo e non é doado acadar as características esixidas neses adhesivos con frondosas. Ademais, normalmente torce máis e sacrificas máis madeira, porque un CLT de piñeiro seca en 4 ou 5 días, mentres que un de castiñeiro tarda 20 ou 25”, detalla Gonzalo.

O reto do tamaño das parcelas

mapa proxecto piloto valorizacion frondosas XERAUn dos hándicaps fundamentais para levar a cabo unha xestión profesionalizada dos montes de frondosas é o pequeno tamaño das parcelas, xa que máis da metade das parcelas catastrais teñen menos de media hectárea e só un 15% superan as 5 hectáreas de superficie.

Neste contexto, os montes veciñais en man común gañan viabilidade fronte á maioría de parcelas de titularidade privada individual para a produción de madeira de frondosas mediante unha xestión axeitada dos aproveitamentos intermedios.

XERA ten previsto realizar este ano un concurso de ideas para que distintos axentes poidan facer propostas de mobiliario ou artesanía a partir de madeira de frondosas

Os prezos finais van en consonancia á calidade da madeira e é por iso que o valor da madeira de frondosas en Francia chega mesmo a triplicar o que se paga en Galicia. Unha rolla de carballo para serra pode chegar en Galicia a case 100 euros/metro cúbico en cargadeiro, cando en Francia en pé a rolla de carballo de calidade A (diámetro superior a 40 cm, lonxitude superior a 3 metros, sen nós podres nin verrugas e con fendas de corazón admitidas só no quinto central do diámetro) chega a acadar os 280€/metro cúbico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información