Valoran crear unha comunidade enerxética no Barbanza

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza impulsa un encontro para explorar modelos de xestión sostible e fomentar o autoconsumo colectivo

Valoran crear unha comunidade enerxética no Barbanza

Segundo encontro aberto do Laboratorio Ecosocial do Barbanza.

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza celebrou o 28 de xaneiro o segundo encontro aberto para explorar a creación dunha comunidade enerxética na comarca. O evento tivo lugar no Centro Cultural do Araño en Rianxo e nel participaron axentes sociais e institucionais co fin de comentar sobre o futuro enerxético do territorio.

A través do CISPAC e o grupo de investigación Histagra, a USC foi a encargada de organizar a xornada en colaboración co Observatorio Eólico de Galicia (OEGA). O obxectivo do evento foi acompañar ás comunidades de montes na adopción de modelos de xestión sostible.

Xavier Simón, catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Vigo e representante do OEGA, foi o encargado de coordinar o encontro. “Contamos con recursos naturais, montes e sol; dispoñemos de tecnoloxía, agora un 20% máis accesible que cando iniciamos este camiño; temos un marco normativo que nos ampara e, sobre todo, posuímos a vontade necesaria para materializar esta transformación”, indicou.

Durante a xornada analizáronse diferentes fórmulas para desenvolver a iniciativa, destacando o autoconsumo, con ou sen excedente enerxético. No debate sobre a viabilidade dunha comunidade enerxética en Rianxo, Simón salientou que “a clave está no autoconsumo colectivo”, facendo fincapé na necesidade de minimizar trámites burocráticos e promover unha gobernanza participativa.

As comunidades de montes foron identificadas como axentes clave pola súa experiencia en xestión comunitaria. Lucía Saborido, presidenta da Comunidade de Montes de Araño, resumiu a motivación principal coas súas palabras: “Queremos aforrar na tarifa da luz! Penso que podemos dinamizar dende Rianxo parte desta transición”.

O encontro contou coa participación de representantes do Concello de Rianxo, da Plataforma pola Defensa do Monte e tamén de diversas comunidades de montes e colectivos veciñais.

Con este segundo encontro, o Laboratorio Ecosocial do Barbanza continúa apostando por unha transición enerxética baseada na cooperación, o coñecemento compartido e o aproveitamento sustentable dos recursos locais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información