Valoración da colleita de millo 2020 nas principais comarcas leiteiras de Galicia

As precipitacións de finais de agosto e setembro mitigaron as perdas de produción e rendemento no ensilado do millo, con todo a colleita foi entre un 10 e un 25% inferior en boa parte de Galicia. Coñecemos o balance que fan nas principais zonas gandeiras

Valoración da colleita de millo 2020 nas principais comarcas leiteiras de Galicia

Traballos de ensilado de millo na zona de Lugo nesta campaña.

Todo parecía indicar que a campaña de ensilado de millo deste ano se vería seriamente afectada en boa parte de Galicia pola importante seca dos meses centrais do verán. Porén, as chuvias do final do mes de agosto e comezos de setembro conseguiron chegar aínda a tempo para moitas plantacións, de maneira que as perdas non foron tantas como se agardaban, aínda que si houbo unha redución dos rendementos, sobre todo naquelas zonas e terras máis de secaño.

Pese a que as precipitacións conseguiron reverter en moitos casos as malas previsións, as perdas de produción e rendementos foron de entre un 10 e un 25% en comparación cos datos que se manexaron na campaña do ano anterior. Aínda que tamén houbo excepcións, coma no Deza onde, en xeral, a colleita resultou mesmo mellor que outros anos.

Coa campaña case finalizada en boa parte de Galicia, facemos un percorrido polas principais zonas leiteiras galegas para coñecer o balance que fan este ano do ensilado do millo, un dos principais forraxes nas ganderías de leite.

A Mariña: producións mellores do agardado

No litoral lucense a campaña está xa case finalizada. Na cooperativa Os Irmandiños, unha das tres entidades que conforman Clun, daban por rematado o ensilado esta mesma semana. “A campaña foi mellor do que se prevía nun primeiro momento”, explica Mauro Louzán, técnico da cooperativa.

Nas primeiras parcelas que se ensilaron a comezos da tempada obtiveron unhas producións de 40.000 quilos por hectárea e, aínda que nestas últimas fincas colleitadas esas cifras foron algo máis baixas, “contamos que a media estea nuns 38.000 quilos por hectárea”, explica Louzán.

“A campaña foi mellor do que se prevía nun primeiro momento”, (Mauro Louzán, técnico da cooperativa Os Irmandiños)

Pendentes aínda de realizar máis análises dos silos, as primeiras analíticas amosan unha colleita con arredor dun 33% de materia seca e un 35% de amidón, segundo indican dende a cooperativa.

Zona centro de Lugo: Só un 15% da colleita se veu afectada pola seca

Na planta de mestura húmida que a cooperativa Aira ten en Sarria (Lugo) agardaban concluír co ensilado nestes días, posto que apenas lles restaban unhas 10 hectáreas de millo por recoller. A seca afectou de maneira significativa a un 15% da superficie que traballan, mentres que no resto os rendementos foron moi similares ás cifras do ano anterior.

“En xeral os millos acadaron menos altura, pero na maioría os rendementos foron moi parecidos ós doutros anos”, (José Manuel López, responsable da planta de Aira en Sarria)

“En xeral os millos acadaron menos altura, pero na maioría os rendementos foron moi parecidos ós doutros anos. Puido ser un 10% menos que o ano pasado, pero a redución foi moito menor do que se prevía nun principio”, explica José Manuel López Pardo, responsable da planta e da produción forraxeira da cooperativa. Ademais, este ano realizaron o ensilado coa planta máis verde que noutras campañas.

Aínda que hai moita variabilidade entre parcelas, a media sitúase preto das 42 toneladas por hectárea. Tal e como tiñan previsto, ensilaron arredor dunhas 16.000 toneladas de millo procedentes tanto das terras das 40 ganderías socias ó que se suma o que lle mercan a outros produtores da contorna e o que adquiren noutras zonas de Galicia.

Suroeste de Lugo: A colleita reduciuse nun 25% con respecto do ano pasado

Na zona de Chantada, os traballos de ensilado remataron a semana pasada e, pese a que contaban cunha colleita un 30% menor do que recolleron no 2019, que fora ademais un ano moi bo, finalmente resultou mellor do agardado. Con todo, estiman que recolleron un 25% menos que na campaña anterior.

“As chuvias permitiron que o millo se recuperara naquelas parcelas con sementeiras máis tardías e a campaña non fose tan desastrosa como se prevía” (Jorge Meiriño, técnico de Aira)

“Aínda que pintaba moi mal, ó final non foi unha colleita tan desastrosa como se agardaba. As chuvias permitiron que o millo se recuperara naquelas parcelas con sementeiras máis tardías, que resultaron ser as mellores. Porén, para as parcelas que se sementaran antes, as precipitacións xa chegaron tarde”, explica Jorge Meiriño, técnico da cooperativa Aira.

Pese á gran heteroxeneidade de parcelas coas que contan nesta zona e o clima extremo que rexistran lograron unha media de produción que se sitúa preto das 40 toneladas por hectárea.

As primeiras analíticas que manexan amosan valores altos tanto de amidón como de materia seca. “Cando se ensilou o millo non ía moi húmido, co que saen altos tanto o amidón como a materia seca, o que penalizará a dixestibilidade dos silos”, avanza o técnico.

Comarca de Xallas e Barcala: Deixar as fincas máis secas para gran húmido

En Ganxabar, a cooperativa que xestiona en común os forraxes e a recría de 8 gandeiros de Xallas e Barcala (A Coruña), remataron xa de colleitar o millo que destinan para ensilado, pero aínda lles restan unhas 200 hectáreas, das preto de 600 que sementaron este ano, e que recollerán para gran húmido a finais de mes, ó que acade o punto de maduración óptimo. “Estivemos ensilando aquelas parcelas máis húmidas e que nos podían dar máis problemas para recoller”, explica Adrián Cundíns, xerente da cooperativa.

“De ensilar todo o millo teríamos en torno a un 10% de merma con respecto do ano pasado” (Adrián Cundíns, xerente de Ganxabar)

Esta selección permitiulle obter uns moi bos rendementos no ensilado, contando con parcelas onde chegaron ás 50 toneladas por hectárea e logrando unha media de 45 toneladas por hectárea. “Se ensiláramos todo para silo, de seguro que ía baixar o rendemento, posto que as parcelas que quedaron foron as máis afectadas pola seca. De ensilar todo o millo teríamos en torno a un 10% de merma con respecto do ano pasado”, concreta. Así, aínda que non reduciron a media do ensilado si baixará o rendemento en gran. Mentres o ano pasado acadaron os 14.700 quilos por hectárea nesta campaña agardan poder chegar ós 13.000 quilos de gran por hectárea.

Á marxe do que ensilaron e do que deixaron para gran húmido, tamén procesaron outras 100 hectáreas como pastone dentro da aposta da cooperativa por aproveitar a produción de millo e procurando reducir deste xeito a dependencia de pensos. Así, aproveitan toda a superficie que teñen dispoñible para plantar millo e logo procésano de diferente forma en función das necesidades. “Levamos anos aproveitando o excedente de millo que temos, é dicir o millo que nos sobra unha vez que enchemos os silos, para realizar tanto pastone como gran húmido para mercar menos fariña no mercado de materias primas”, explica Cundíns.

Galicia central: Rendementos superiores ós dos últimos anos

Nas terras das comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes a campaña está a piques de rematar, quedan xa poucas ganderías co millo nas leiras. Na cooperativa Cobideza, con sede en Lalín, encaran xa a recta final dos traballos e agardan terminar nos próximos días. A entidade agraria ensilou unhas 300 hectáreas nestas comarcas ás que se suman outras 50 hectáreas en Monterroso (Lugo), logo de que se fusionase coa cooperativa Mopán.

“As chuvias viñéronlle moi ben a moitas fincas e mesmo foron mellores que outros anos” (Kiko Mosquera, responsable de maquinaria de Cobideza)

No Deza, as chuvias chegaron a tempo para salvar a campaña e mesmo lograron unha media superior á doutros anos nalgunhas parcelas. “As primeiras fincas que se ensilaron foron as máis afectadas, pero as chuvias viñéronlle moi ben a moitas e mesmo foron mellores que outros anos”, explica Kiko Mosquera, responsable de maquinaria da cooperativa.

A seca deixou unha gran disparidade entre as plantacións. Así, houbo fincas onde se recolleron apenas uns 20.000 quilos por hectárea, mentres que noutras se chegou a producións duns 60.000 quilos por hectárea. “A media debeu andar nas 30 toneladas por hectárea”, indica Mosquera. Pendentes aínda de rematar por completo a campaña para facer as analíticas todo apunta a que os resultados serán tamén bos. “Tanto o tamaño da espiga como a altura da palla foron bos, mesmo mellores que a media doutros anos”, aclara Mosquera.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información