Valdesil, viños que expresan o ‘terroir’ de Valdeorras

A adega de Vilamartín distínguese por unha coidada viticultura na que procura amosar a diversidade da denominación. Elabora 5 godellos, entre eles dous viños de finca, 2 mencías e un maría ordoña, unha variedade autóctona que trata de poñer en valor

Publicidade
Valdesil, viños que expresan o ‘terroir’ de Valdeorras

Vista dun dos viñedos de Valdesil. / Imaxes: Valdesil.

A moitos viños da denominación de orixe de Valdeorras pásalles ó mesmo que ós goles da Champions de fútbol. Teñen o dobre de valor fóra que na casa. Valdesil, unha adega de Vilamartín de Valdeorras, comezou a exportar os seus viños brancos de godello e os seus tintos de mencía a comezos dos anos 90, cando o godello era unha variedade aínda descoñecida en Galicia e o mencía carecía da aceptación de hoxe en día. O seu éxito no exterior excedeu as expectativas máis optimistas. Inglaterra, Estados Unidos e Australia constitúen na actualidade os seus principais mercados.

A ambición de Valdesil é a de situar os viños de Valdeorras na primeira división mundial. O director técnico da adega, Borja Prada, defende a potencialidade do conxunto da denominación. “O godello é unha das grandes variedades brancas a nivel internacional. Ten o handicap de ser unha uva local, case descoñecida, pero pódese equiparar sen complexos ás máis afamadas variedades do mundo”, valora.

“O godello é unha das grandes variedades brancas a nivel mundial, co handicap de ser unha uva local case descoñecida”

De entre as características da uva, Prada incide na súa capacidade para expresar o ‘terroir’, que vén marcado por elementos como o clima, a biodiversidade do entorno, a altitude ou a variación de solos, un factor importante en Valdeorras. “A maiores, o godello sitúase entre os viños brancos con maior potencial de envellecemento de España”, engade o director técnico de Valdesil, unha adega familiar con máis dun século de tradición vitícola.

Cepas históricas
A historia de Valdesil está moi presente nas súas elaboracións. A adega conserva un viñedo de godello que foi plantado a finais do século XIX. “É probablemente unha das primeiras plantacións dunha finca cunha única variedade, pois antes da chegada da praga da filoxera, o habitual era plantar varias variedades na mesma parcela” -explica Borja Prada.- “O noso bisavó deuse de conta de que o godello daba lugar a viños máis lonxevos e de máis calidade e decidiu xa entón plantar unha finca só con esa variedade”.

cepas-vellas-estandar

Daquela parcela plantada a finais do XIX, denominada Pedrouzos, sae un viño de godello co mesmo nome e que é criado 6 meses en barrica. “A elaboración de viños parcelarios, dunha parcela ou peza, como se lle chama aquí, forma parte da nosa filosofía. Cada finca ten as súas características de chan, situación e altitude que se expresan a través da variedade”, sinala Borja Prada.

Prácticas de cultivo
O coidado da viticultura é un dos factores sobre os que Valdesil trata de asentar a calidade dos viños. Boa parte dos seus viñedos están enxertados a partir de pugas da finca de Pedrouzos, unha práctica coa que a adega buscou manter as cualidades daquela uva, caracterizada por un menor tamaño e unha maior intensidade aromática.

O uso de cobertas vexetais contribúe a previr a erosión. “Se perdemos o solo, perdemos a uva”

A adecuación dos marcos de plantación ás propiedades do chan e dos viñedos é outra das prácticas de cultivo habituais de Valdesil. “Buscamos un equilibrio entre o vigor da planta e o potencial de cada entorno”, detalla o director técnico da adega. “En Valdeorras temos chans de ladeira, pedregosos, que lle aportan ó viño un compoñente mineral, pero que teñen unha fertilidade limitada que hai que ter en conta”, valora.

Unha das fincas da sociedade chegou a plantarse con 5.000 plantas por hectárea, unha das densidades máis altas de Galicia, segundo Borja Prada: “Para producir 5.000 quilos de uva, tes varias opcións. Podes poñer 1.000 plantas e que cada unha produza 5 quilos, ou plantar 5.000, buscando extraer só un quilo de cada vide”, compara.

A frugalidade do chan de Valdeorras, marcado principalmente pola presenza de pizarras, obriga a un especial coidado do solo, que en Valdesil plásmase no uso de cobertas vexetais permanentes entre as cepas. “A erosión do solo é un dos grandes problemas da agricultura e aquí en Valdeorras, en zonas de fortes pendentes e chuvias, hai que ter especial coidado. Se perdemos o solo, perdemos a uva”.

Ampla gama de viños

Pezas da Portela.

Pezas da Portela.

Valdesil xestiona un total de 30 hectáreas de viñedo propio e tamén merca uva de viticultores colaboradores, que suman outras 10 hectáreas. Cada ano elabora arredor de 200.000 botellas. O groso da súa produción céntrase no godello e na mencía, se ben tamén produce un monovarietal de maría ordoña, unha variedade autóctona, e está a facer probas con outras variedades recuperadas.

En godellos, os viños de maior difusion son o Montenovo, elaborado a partir de uvas do conxunto da denominación, e o Valdesil, elaborado a partir da ensamblaxe de uvas propias. A adega tamén embotella edicións limitadas de pequenas parcelas como Pedrouzos, o seu viñedo máis vello, que medra sobre pizarra, ou O Chao, viño elaborado a partir dunha parcela plantada no 1941 e asentada sobre granito.

A súa gama de godellos complétase con Pezas da Portela, un viño que é o resultado da uva de 11 parcelas próximas. A uva de cada finca é elaborada individualmente e criada sobre lías. Cando finaliza a crianza, faise unha ensamblaxe para obter o viño final.

Tintos
En canto ós mencías, Valdesil leva traballando xa con eles uns 25 anos, tanto na gama de viño xoven (Valderroa) como na de crianza (Valderroa carballo, elaborado a partir de cepas con máis de medio século). “O Valderroa é un viño do ano, afroitado, con pouco corpo e taninos lixeiros. É o tipo de tinto que máis se está bebendo agora en Galicia”, apunta Borja Prada.

A oferta da adega complétase cun monovarietal de maría ordoña (Valteiro), unha variedade de uva que en Valdesil consideran que pode representar para os tintos o que ó godello ós brancos. “É un viño moi singular, con aromas de froita xoven pero á vez cos aromas derivados da sobremaduración á que tende a variedade. Prodúcese unha certa podredume nobre” -describe Borja-. “Son case dous viños nun só e chama moito a atención en restaurantes a nivel internacional. De Valteiro facemos unha edición limitada dunhas 600 botellas. É un viño de culto”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información