Valdeorras prevé contar cun ciclo de FP en vitivinicultura

Publicidade
Valdeorras prevé contar cun ciclo de FP en vitivinicultura

O Consello Regulador da D.O. Valdeorras promove a creación dun ciclo de Formación Profesional Dual na comarca, en concreto o Superior de Técnico Especialista en Vitivinicultura.

“Con esta finalidade establecemos contactos coa Consellería de Educación e mantivemos tamén unha primeira xuntanza cunha representación de adegas valdeorresas”, sinala José Luis García Pando, presidente do Consello Regulador.

Co obxectivo, precisamente, de buscar a colaboración das adegas e implicalas arredor desta iniciativa, o Consello Regulador vén de acoller nas súas instalacións unha reunión na que participaron técnicos da Consellería xunto a diferentes adegueiros da zona, que amosaron a súa disposición a formar parte do proxecto.

De feito, nesta primeira xuntanza contouse xa co número mínimo de empresas que se precisarían para activar a creación deste ciclo de FP Dual, de dous cursos académicos de duración, que sería o primeiro de Valdeorras destas características e o segundo de Ourense.

Colaboración entre o centro educativo e as empresas

A FP Dual está a ser moi potenciada nos últimos tempos posto que cobre moi directamente as necesidades educativas arredor de sectores concretos na súa contorna xeográfica máis inmediata. De feito, trátase dunha modalidade de FP que se realiza en alternancia entre o centro educativo e a empresa, coa finalidade de axudar aos alumnos a coñecer máis de preto o sector no que encadrarán a súa actividade profesional.

Tal e como avanza García Pando, existe un centro público na comarca –o I.E.S Cosme López, emprazado na Rúa de Valdeorras- interesado en acoller este ciclo para cuxo desenvolvemento se precisa establecer un convenio de colaboración entre a institución educativa e as empresas (adegas neste caso) nas que os alumnos realizarían a formación complemetaria. Precisamente, a súa xefa de Estudos participou tamén na xuntanza en nome da comunidade educativa do centro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información