Valdeorras modifica a Feira do Viño 2020 para adaptala á nova situación sanitaria

Publicidade
Valdeorras modifica a Feira do Viño 2020 para adaptala á nova situación sanitaria

Reunión do pleno do Consello Regulador

O Pleno do Consello Regulador, reunido esta mañá en Vilamartín de Valdeorras, decidiu reformular este ano a Feira do Viño, que tradicionalmente se celebra a mediados de xullo na comarca, “ante a situación de incertidume sanitaria provocada pola Covid-19”.

Así o destacou o presidente do organismo, José Luis García Pando, ao termo do pleno. En lugar de que as adegas despreguen os espazos expositores habituais na Praza de Viloira, o que podería orixinar “riscos para a saúde de participantes e visitantes”, este ano vaise dar maior protagonismo á tradicional Cata dos Viños de Valdeorras, que ía parella á celebración da Feira. Nesta edición, a cata abrirase a todas as adegas da comarca e, posteriormente, cara a finais de xullo promoverase un acto público de entrega de premios aos mellores brancos e tintos.

Trátase, en palabras de García Pando, “dun acto que, ademais, pretende por en valor o traballo dos viticultores e adegueiros da comarca, que seguiron traballando día a día durante a pandemia por ser parte dun sector considerado esencial e que se celebrará tendo en conta todas as medidas preventivas e de distanciamento social preceptivas”.

Contas do organismo

Xunto a isto, o Pleno do organismo reunido hoxe aprobou, de xeito provisional, as contas do organismo para 2020, fixadas por riba de 460.000 euros. Ata unha terceira parte do orzamento aprobado destinarase a accións promocionais.

Se ben, tal e como sinalou o presidente do Consello Regulador, as cifras poderían variar en función de se os ingresos do organismo se ven afectados pola situación orixinada pola Covid-19.

Finalmente, na xuntanza de hoxe deuse tamén o visto bo á integración do CRDO Valdeorras na Asociación dos Consellos Reguladores Galegos, promovida pola Xunta de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información