O Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras anunciou hoxe, a través dun evento organizado nas dependencias do Liceo de Ourense, a súa “aposta pola excelencia” dando o paso fundamental que a convirte en partner oficial da WSET, a entidade formativa máis prestixiosa do mundo do viño. Así o deu a coñecer o presidente da D.O. Valdeorras, Marcos Prada Ginzo, quen subliñou a importancia de ser “a única Denominación de Orixe española que forma parte do moi selecto clube”.
Segundo explica Prada Ginzo, a razón desta colaboración, é “reforzar a vontade de conectar Valdeorras co coñecemento, para que os profesionais do sector poidan descubrir o que nos fai únicos e levar a nosa historia a novos mercados e novas xeracións”.
A alianza coa WSET chega nun momento moi significativo para a D.O. Valdeorras: o seu 80 aniversario, “oito décadas nas que temos defendido a calidade dos nosos viños, preservado as nosas variedades autóctonas e proxectado a nosa identidade nos mercados”, aseverou o presidente.
O presidente do INORDE, Rosendo Luis Fernández, apuntou que “a nosa obriga é apoiar ao mundo do viño porque é un magnífico promotor do territorio” e desta forma estaremos “creando riqueza”. Coa frase “a única forma de beber sen ter sede é cos viños da D.O. Valdeorras” quixo facer o presidente do INORDE, un guiño especial á comarca.
Pola súa banda, o tenente de alcalde do Concello de Ourense, Aníbal Pereira Novoa, subliñou “a obriga que temos as institucións de estar apoiando os viños da provincia” porque, dixo, “nos poñedes na élite internacional”. Tamén quixo remarcar o acerto “de apostar pola formación, que é clave”, e que será “unha experiencia positiva” na que Ourense “estará á vosa disposición”.
Pechou as intervencións institucionais o director de AGACAL, Martín Alemparte, quen afirmou que “en Galicia, o viño, máis que unha actividade económica, é unha identidade”, un “legado que debemos manter no tempo”. Para iso, insistiu na importancia de “formar aos profesionais de cada eslabón da cadea de viño” para que adquiran “unha linguaxe común nun contexto internacional”.
Mesa Redonda
O acto contou coa presenza virtual da CEO da WSET, Michelle Brampton, que asegurou estar “desexando traballar con vostedes nos vindeiros meses e anos, para explorar oportunidades” e agradeceu á D.O. Valdeorras a súa “colaboración e compromiso co avance da educación en materia de bebidas”. Destacou Brampton o “entusiasmo” co que abordan esta nova “asociación” e “as oportunidades que traerá consigo”.
O xornalista enogastronómico Enrique Calduch foi o encargado de moderar a mesa redonda “O futuro do viño pasa pola formación e a excelencia”, na que interviron David Martín, responsable da WSET para Europa, Oriente Medio e África, Shua Ibáñez, sumiller do Restaurante Arzak, María Federica Salvador, sumiller do Restaurante A Tafona, e Jorge Mazaira, Director Técnico da D.O. Valdeorras.
O director técnico da D.O. Valdeorras, Jorge Mazaira, quixo resaltar de Valdeorras “o valor do pequeno”, lema do evento, en referencia “á multitude de factores que fan único o noso viño”, e ao “traballo dos viticultores e adegueiros que buscan a excelencia”. A alianza ca WSET a considera Mazaira como “unha oportunidade histórica para divulgar eso que sabemos que nos fai únicos”.
Nesa liña, David Martín, CEO de WSET, explicou que para levar a Valdeorras a un nivel máis internacional, o feito de ser “a primeira D.O. que se convirte en socio patrocinador da nosa organización é moi importante”, porque desta forma amosarase “o traballo que desde fai anos se está levando a cabo”. Subliñou ademais que “a formación que ofrece WSET permite aos profesionais do sector ser capaces de ofrecer unha infomación máis completa do seus produtos”.
Na súa quenda de palabra, Shua Ibáñez, sumiller do Restaurante Arzak, salientou á formación como “unha pedra angular para calqueira persoa que queira exercer como sumiller”, porque na actualidade a xente “está cada vez máis formada” e ter “unhas bases craras sobre as zonas vitivinícolas é algo fundamental”. Asegurou que “os clientes veñen sempre coas expectativas moi altas, e debemos estar á altura”.
No acto celebrado esta mañá na sede do Liceo de Ourense, estiveron presentes, ademais dos alcaldes dos concellos de Valdeorras e demais autoridades políticas, representantes do sector, profesionais do mundo do viño, sumilleres, as adegas, viticultores e viticultoras, xornalistas, e persoas vinculadas á cultura e promoción do viño.
Ao finalizar o acto institucional, o presidente da D.O. Valdeorras convidou aos presentes á unha degustación de catro pinchos elaborados polo restaurante Nova de Ourense, nos que se evocou aos diferentes tipos de solos de Valdeorras, maridados cunha selección de viños do Consello Regulador.
Visita a Valdeorras
Na víspera do evento celebrado na capital ourensana, o luns día 23, varios invitados participaron nunha comida en Valdeorras na que foron protagonistas os produtos da zona, ademais dos viños da comarca.
Tralo xantar, realizaron varias visitas a viñedos e adegas en O Bolo, Petín e Larouco, e unha cata de viños, dirixida polo director técnico da D.O., Jorge Mazaira, en A Rectoral de Seadur. A velada rematou cunha cena nunha cova subterránea, na que se misturou a cociña tradicional galega cos viños valdeorreses.
Segundo explicou Jorge Vila, director da Galicia Wine Academy, e un dos que participaron no percorrido trazado pola D.O. Valdeorras, onte “repasamos as esencias de Valdeorras, onde as viñas reflexan a súa personalidade, a súa identidade, e onde os viños son de primeiro nivel mundial”.