O Pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, unha das máis afectadas polas xeadas e a saraiba das últimas semanas, estudou este xoves diferentes propostas para a actualización dos seguros agrarios.
Neste sentido, o presidente do Consello, Francisco García, insistiu na necesidade de revisar e axeitar as pólizas á realidade de Valdeorras. “Tal e como están deseñadas a meirande parte das pólizas, faise difícil a súa contratación”, sinalou o presidente, quen incidiu en que “a diversidade orográfica e o minifundismo” na zona supoñen “atrancos” na cobertura que ofrecen moitas compañías.
Por este motivo, o presidente amosouse partidario de “baixar a porcentaxe de franquicia dos seguros e establecer unha zonificación”. Ademais, engadiu que “cómpre ter en conta que unha ampla maioría dos nosos viticultores dedícanse á actividade agraria a tempo parcial e deberían ter as mesmas vantaxes na contratación de seguros que o resto dos viticultores, posto que tamén son protagonistas e artífices na elaboración de viños”.
Por outra parte, os prezos establecidos para a uva na D.O. de Valdeorras son os máis baixos de Galicia. O Godello valorase a 0,58 céntimos de euro (mentres que noutras denominacións de orixe valórase a 1 euro). Por este motivo, Francisco García defende establecer novos prezos e incrementar a valoración da uva de cara a fomentar a contratación de seguros.
Reunión este venres en Santiago
Estas demandas trasladarallas este venres a secretaria do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras aos membros da Consellería do Medio Rural nunha reunión que se celebrará en Santiago e na que se abordará a posta en marcha de políticas encamiñadas a fomentar a contratación de seguros de viñedo na comarca.
Feira de Hong Kong
Xunto a isto, no marco da súa política de intensificación de accións de promoción para os viños da comarca, o Pleno del Consello Regulador decidiu acudir á Feira de Hong Kong (Hong Kong International Wine & Spirits Fair Hong Kong), que se celebrará a comezos de novembro.
O Consello Regulador tivo presenza este ano na feira alemá de Prowein e estará presente proximamente na London Wine Fair.