Vai de Agro reunirá o xoves en Santiago proxectos innovadores do sector agroalimentario e forestal

A xornada, coordinada pola Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), contará cunha área expositiva con produtos innovadores como fariña para alimentación animal realizada a partir de vermes ou unha alternativa ao atún feita a base de leguminosas

Va de agro_1 Feuga

O vindeiro xoves, 8 de setembro, celebrarase Vai de Agro. Co-innovando no sector agroalimentario e forestal, Un evento organizado polos grupos operativos AVIENERGY, MICOALGA-CANAL DE CONTIDOS, PROTEINLEG e TIRAC, e coordinado pola Fundación Empresa-Universidade Galega que reunirá máis de 30 proxectos rexionais, nacionais e europeos. Pódese consultar aquí o programa completo en PDF.

A cita estará centrada na presentación de avances e resultados, nun formato dinámico e interactivo, para fomentar a transferencia de resultados ao sector e lograr poñer en contacto aos diferentes actores do ámbito para explorar posibilidades de colaboración conxuntas que conduzan á mellora da produtividade e sustentabilidade agrícolas.

Atún de leguminosas e fariña de vermes

O evento contará cun bloque de relatorios, mesas redondas como espazos de co-innovación e cunha área expositiva onde se poderá coñecer en detalle os distintos proxectos que participan en Vai de Agro. Nesta área de stands destacan, entre outros, a presenza do proxecto piloto Bioproinsect, que busca solucións pioneiras no sector da alimentación a base de insectos.

A sede de FEUGA converterase nun punto de encontro da innovación no sector agroalimentario de 15 países europeo

Os asistentes poderán ver unha mostra da súa granxa e coñecer os traballos que están a realizar para obter do verme da fariña produtos de alto valor engadido para alimentación animal. O seu grande contido en proteínas e o seu baixo impacto ambiental fan que o sector da alimentación aposte por este insecto para facer fronte á crecente demanda de alimentos de alto valor nutritivo.

Nese espazo poderanse observar tamén de primeira man os resultados do Grupo Operativo Proteinleg, que elaborou un substituto de atún de orixe vexetal a base de especies leguminosas. Este proxecto, que aposta polas variedades tradicionais de leguminosas, ten como obxectivo promover alternativas ás proteínas de orixe animal e reducir a dependencia da gandería respecto á soia.

Relatorios e espazos de co-innovación

As xornadas abriranse cun ciclo de relatorios. Os temas centrais que se tratarán serán a redución de antibióticos en gandería; unha alimentación máis sostible; a revalorización de subproductos e residuos en agricultura e gandería mediante o aproveitamento enerxético das dexeccións ou creando novos insumos agrícolas para a mellora de cultivos en ecolóxico; e innovación para a conservación da biodiversidade.

A xornada completarase con visitas demostrativas a proxectos de innovación. En concreto, ás instalacións de Hifas da Terra para observar os avances técnicos de Micoalga-canal de contidos e Greencastanea; e á Misión Biolóxica de Galicia (CSIC), onde se desenvolven parte das actividades dos proxectos Proteinleg e Algaterra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información