Vacún de leite, porcino e avicultura, as producións gandeiras con mellores resultados en 2020

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación publicou a primeira estimación das principais cifras económicas do sector agrario. Segundo estes datos, a renda agraria acadou os 29.093 millóns de euros en 2020, o que supón un incremento do 4,3 % con respecto a 2019, recuperando desta forma a súa senda de crecemento.

Esta evolución positiva da renda agraria está asociada ao bo comportamento que tivo a produción da rama agraria, que se situou en 52.991 millóns de euros, o que supón un aumento do 2,6 % con respecto a 2019, a pesar dos problemas xerados pola pandemia da Covid19, tanto pola redución da actividade da canle HORECA (hoteis, restaurantes e cafetarías), como pola contracción das exportacións.

Marca histórica na produción gandeira, cun valor de 20.272 millóns de euros

A produción animal rexistrou un aumento do 1,8 % e chega até os 20.272 millóns de euros, o máximo rexistrado en toda a serie histórica. Este valor marca débese ao incremento das cantidades producidas (3 %), que compensa o descenso dos prezos (-1,1 %).

Destaca a carne de porcino, que é a produción gandeira máis importante de España -seguida polo leite-, cun incremento do seu valor do 3,2 %, fundamentado nas cantidades, que crecen un 6,7 %. Este aumento debeuse, principalmente, á situación epidemiolóxica da cabana porcina en China, que elevou notablemente a demanda deste tipo de carne.

Ademais do porcino, aumenta a produción ovos (+13,2%) e leite (+1,6%); mentres que descende a de ovino e caprino (-5,7%), equino (-4,2%) e bovino (-2,2%). En canto aos prezos, destaca o aumento en ovos (+7,1%), ovino e caprino (+4,2%) e leite (1,8%), mentres que rexistraron descensos os prezos de bovino (-3,0%) e equino (-2,5%).

Produción vexetal

A produción vexetal aumentou un 3,2 % en valor, alcanzando os 30.957 millóns de euros, tanto polos incrementos das cantidades producidas (1,2 %), como dos prezos (2 %).

Neste ámbito, os cereais tiveron un notable efecto positivo, cun incremento do 29,5 %, debido a unha boa colleita, tras unha campaña precedente (2018-2019) moi marcada pola seca.

Pola súa banda, o conxunto das froitas medra nun 12,2 %, impulsado polos bos prezos, especialmente en cítricos. Así mesmo, destaca a achega positiva dos cultivos industriais (+8,5 %) e as forraxeiras (+8,1 %).

Pola contra, producíronse descensos en pataca, fundamentalmente por un descenso dos prezos; e en aceite de oliva, debido neste caso principalmente a unha baixada da produción na campaña olivarera 2019-2020.

Insumos

Os consumos intermedios rexistran unha lixeira suba do 0,4 %, até os 23.694 millóns de euros, cun incremento do volume utilizado do 2,5 %, que compensa a redución de prezos (-2 %). Este aumento vén determinado fundamentalmente polos pensos (+3 %), que supoñen máis da metade do valor dos consumos intermedios e que contrarrestan o bo comportamento de enerxía e lubricantes (-17,4 %) e fertilizantes (-5,1 %).

Doutra banda, as subvencións totais increméntanse este ano un 2,3 % con respecto a 2019, situándose nos 6661 millóns de euros

O documento pódese consultar na seguinte ligazón

RENDA AGRARIA ESPAÑA 2020

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información