A enfermidade hemorráxica epizoótica golpeou con forza Galicia o verán pasado. Un total de 2.260 explotacións de gando vacún da comunidade comunicaron algún animal positivo no 2024, con efectos a nivel produtivo e reprodutivo que aínda se están a deixar sentir nas ganderías.
Ás portas dunha nova tempada de alto risco en relación coa EHE, visitamos o concello da Fonsagrada para coñecer, da man de veterinarios e gandeiros da ADS Fonsega, como desenvolveron a súa estratexia de prevención mediante a vacinación.
“Na ADS temos actualmente 141 ganderías, a maioría son de carne en extensivo ou semiextensivo que traballan co sistema de vacas nodrizas, aínda que contamos tamén con 4 cebadeiros, 1 gandería de leite e 1 mixta, cun censo total de 8.700 animais, dos cales unhas 5.700 son reprodutoras”, explica Pablo Béjar, veterinario de Fonsega.
Tras un ano 2024 complicado en moitas ganderías da zona, a totalidade das granxas da ADS participaron esta primavera na campaña de vacinación
En canto aos datos de EHE no concello, Pablo explica que “sabemos que o ano pasado un terzo das ganderías do municipio comunicaron casos de EHE que foron confirmados posteriormente mediante análises serolóxicas”.
O 60% das ganderías da ADS optaron xa por vacinar o ano pasado, en canto estivo dispoñible a primeira vacina fronte ao serotipo 8, Hepizovac. Vistos os resultados de eficacia e fiabilidade, a totalidade das granxas sumáronse á campaña de vacinación desenvolvida esta primavera, o que obrigou aos dous veterinarios da ADS, Pablo e Saleta, a redobrar esforzos na planificación.
A Fonsagrada, con 438 km cadrados de superficie, é o concello máis extenso de Galicia
Os seus 438 km cadrados converten A Fonsagrada no concello máis extenso de Galicia. A campaña de vacinación desenvolveuse entre os meses de abril e xuño deste ano e acadou o 99% dos animais adultos. Deste xeito agardan que o pico de inmunidade do gando, cando o animal está 100% protexido (15 días despois da administración da segunda dose), coincida coa época de maior risco de circulación do virus.
Medidas adoptadas en 2024
A principal misión das Asociacións de Defensa Sanitaria é a prevención de enfermidades e a realización de programas de bioseguridade nas granxas. Por iso, desde Fonsega tomaron moi en serio desde o principio a ameaza que supuña a EHE para o gando vacún en extensivo predominante no seu territorio.
“O primeiro que fixemos xa en febreiro do ano pasado foi dar formación aos gandeiros para que souberan a que nos iamos enfrontar e foran capaces de identificar e detectar a enfermidade nos seus rabaños, recomendándolles vixiar máis ás vacas e estar atentos a calquera síntoma compatible coa enfermidade, como salivacións abundantes, laminites, coxeiras e problemas nas pezuñas”, explica Pablo.
A nosa primeira decisión foi formar aos gandeiros
“Insistimos tamén na necesidade de redobrar os esforzos en desinsectantes e repelentes, que eran as únicas ferramentas das que dispoñiamos naquela altura, antes da chegada da vacina, para evitar a enfermidade, aplicándoos con máis frecuencia, para evitar na medida do posible a picadura do mosquito culicoide como vector transmisor da enfermidade”, expón.
A chegada da enfermidade… e da vacina
Pablo defende a vacinación como “unha das ferramentas clave que temos para controlar moitas enfermidades”. Por iso, coa chegada da vacina de Vetia ao mercado a comezos de agosto do ano pasado, desde Fonsega adoptárona como “a arma definitiva que nos podía axudar a protexer os animais e conter o avance da enfermidade”, insiste.
A vacinación é unha das ferramentas clave que temos para controlar moitas enfermidades
“Detectamos os primeiros casos de EHE na zona sur do concello a comezos de agosto do ano pasado en ganderías que notaban que os seus animais comezaban a quedar atrás, vacas con salivacións e mocos moi esaxerados nos casos máis leves. Non foi ao principio unha enfermidade moi explosiva en canto a afectar a moitos animais en cada granxa, pero a medida que avanzaba a enfermidade si que se foi facendo máis virulenta, con casos puntualmente máis graves de afectación a nivel dos rodetes e das mucosas oral e nasal e vacas con lesións ás que lles custaba moito respirar, con hemorraxias”, describe.
No 2024 a EHE foi pasando da zona sur do concello á zona norte e nós fomos vacinando por diante do avance da enfermidade
Con eses primeiros brotes xa activos en ganderías da zona, tomaron a decisión de adiantarse coa vacinación ao propio avance da enfermidade, vacinando en primeiro lugar granxas da zona norte, antes de que chegasen a elas os primeiros focos de contaxio, para intentar establecer así unha barreira de contención fronte ao virus.
“Comezamos a vacinación a mediados de agosto, cando xa tiñamos os primeiros brotes de hemorráxica enriba da mesa. Pautamos unha vacinación en saba que en dous meses, agosto e setembro, chegou a máis do 50% das ganderías da ADS, tanto en granxas ás que non chegara aínda a enfermidade como tamén nas que xa circulaba o virus. Priorizamos a inmunización de animais adultos, tanto de vacas reprodutoras como de touros, que nas granxas en extensivo é o animal máis importante, chegando a vacinar unhas 3.600 cabezas de gando”, indica.
2025: revacinación e inmunización da totalidade do rabaño

Pablo, realizando a revacinación esta primavera nunha das ganderías da ADSG Fonsega
Este ano, coa intención de previr a chegada da enfermidade de novo no verán, a ADS levou a cabo na primavera unha intensa campaña de vacinación que xa alcanzou o 99% das ganderías, tanto coa revacinación anual nas granxas que xa vacinaran o ano pasado, como coa administración das dúas doses separadas por 21 días nas explotacións que non vacinaran no 2024.
“Os gandeiros están moi concienciados e os que non vacinaron o ano pasado xa en febreiro nos estaban chamando para que fósemos vacinar”, asegura Pablo. “A nosa recomendación é vacinar en todos os casos, porque ter pasado a enfermidade o ano pasado non evita o contaxio este ano, xa que teremos entre o 30 e o 40% dos animais da explotación inmunizados de forma natural, pero o outro 60-70% estaría en grave risco”, afirma.
O virus segue presente, polo que continúa existindo risco de enfermidade este ano, pero o 99% dos animais da nosa ADS conta xa coa pauta completa da vacina
Deste xeito, grazas á vacinación masiva, esperan afrontar no 2025 a época de maior risco con garantías, ao contar coa pauta de vacinación completada nos animais adultos e nos animais de recría máis novos que van pasar no pasto os meses de xullo a outubro, posto que a vacina está indicada para animais a partir dos 2 meses de vida.
“Nós podemos dicir que a experiencia do ano pasado foi moi boa e a aposta pola vacinación foi un acerto, porque nas zonas nas que non chegara o virus, cando entrou a enfermidade circulou moito menos, e nas áreas nas que a EHE xa estaba presente os gandeiros reportaban menos casos novos e de menor intensidade”, describe.
Resultados: protección eficaz fronte á enfermidade
Á vista dos resultados da campaña de vacinación realizada o ano pasado, Pablo agarda que tras a inmunización de practicamente o 100% dos animais adultos, os rabaños da Fonsagrada estean completamente protexidos contra a enfermidade este verán. “A vacinación en saba protexe a zona, independentemente de que queden algúns casos puntuais sen vacinar polo medio; é o que pasou coa covid-19”, compara.
Hepizovac logra un 100% de efectividade na prevención da viremia en animais vacinados
“Onde máis explotacións se vacinaron o ano pasado foi na zona norte do concello, onde o brote de EHE entrou máis tarde, e nun estudo que estamos a realizar co Departamento de Enfermidades Infecciosas da Facultade de Veterinaria de Lugo, estamos a ver uns resultados preliminares moi esperanzadores, xa que os datos de prevalencia da enfermidade en animais muestreados este ano en ganderías que non vacinaron na zona norte do concello son do 8%, fronte ao 30% da zona centro e sur, que foi onde o virus fixo máis dano o ano pasado. Iso indícanos que a vacina é eficaz para protexer os animais da enfermidade pero tamén para reducir a circulación do virus e, polo tanto, diminuír o risco de contaxio mesmo en animais non vacinados”, detalla.
Nas zonas onde vacinamos o ano pasado, a prevalencia da EHE en animais non vacinados é catro veces menor, o que nos indica que a vacina serve tamén para frear a transmisión da enfermidade
Estes resultados concordan cos expostos tamén no estudo de seroprevalencia realizado polo Servizo de Sanidade Animal da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, que inclúe un apartado específico sobre persistencia vacunal, destacando que os animais vacinados con Hepizovac, ademais da inmunidade humoral, reflectida nos anticorpos en sangue, adquiren tamén inmunidade celular coa vacinación.
“Non tivemos ningún animal enfermo nin efecto secundario na nosa granxa; ter investido nas vacinas resultou moi rentable”
Miguel Ángel Díaz e Soraya Fernández están á fronte da gandería Casa Louzao, situada en Teixeira de Pacios (A Fonsagrada), e forman parte da ADS Fonsega desde os seus inicios. O ano pasado optaron por vacinar aos seus animais, seguindo as recomendacións dos veterinarios da granxa.
“Éramos un pouco reticentes inicialmente polo temor aos efectos secundarios que podía ter unha vacina que acababa de saír ao mercado, pero confiamos no criterio dos nosos veterinarios”, indica Miguel.
“O ano pasado vacinamos todo e quedamos moi contentos, porque non tivemos ningún caso de enfermidade no noso rabaño nin notamos ningún efecto secundario ou reacción nos animais tras a vacinación”, destaca.
Casa Louzao conta con unhas 140 vacas nodrizas e realiza un manexo en extensivo do gando
Outras ganderías da aldea que optaron por non vacinar inicialmente en 2024 si que tiveron brotes da enfermidade, chegando incluso a perder animais, polo que Miguel considera que “ter investido na vacina saíunos moi rendible”, asegura.
Este ano xa procederon á revacinación dos animais da granxa coa dose anual de reforzo que garante unha protección do 100% fronte ao virus. “Dá moita tranquilidade saber que a túa granxa está inmunizada fronte á EHE”, conclúe.
- Reportaxe elaborada coa colaboración comercial de Vetia
Galego









Control OJD