As vacas que liderarán o cambio

A gandeiría tradicional preséntase como unha das solucións ante o cambio climático, a perda de biodiversidade, os incendios forestais e o despoboamento do rural.

As vacas que liderarán o cambio

Vacas na gandería Casa Grande de Xanceda

Dende que fixo as prácticas de veterinaria a finais dos 80, Guillermo Martínez quedou namorado da Casa Grande de Xanceda. Non foi ata os 2000 cando comezaron, xa con Guillermo como asesor, a producir leite en ecolóxico e os seus coñecidos iogures, mais esta non foi unha transformación brusca porque as vacas xa estaban acostumadas ao pastoreo e mercaran os últimos animais no 68. Isto quere dicir que todas as vacas desta ganadería do concello coruñés de Mesía, a día de hoxe unhas 200, naceron e criáronse na propia granxa.

Xanceda é un claro exemplo de como facer as cousas de xeito sostible e cunha clara sensibilidade ambiental non ten por que estar reñido con ter unha empresa rendible no sector agropecuario.

Esta idea choca co socialmente entendido como ecolóxico, que nos últimos anos está aproximándose cada vez máis á idea de que levar unha vida sostible e ser vegana son o mesmo.

Guillermo Martínez (Casa Grande de Xanceda”: “Nós non nos avergonzamos do que facemos. Somos gandeiros e vivimos da produción animal”

A gandeiría está a ser desprestixiada polas macro-granxas que ameazan con absorber todo o mercado, pero cada vez son máis as gandeiras galegas que optan por un modelo máis relacionado co benestar animal e coas normativas ecolóxicas marcadas pola Política Agrícola Común (PAC) da Unión Europea. Estas macro-granxas, inseridas dentro da coñecida como gandeiría industrial son responsables de entre o 24 e o 26% das emisións de dióxido de carbono (C02) en todo o mundo (arredor dun 12% no caso concreto de España), xunto con outros gases de efecto invernadoiro como o metano e o óxido nitroso. Ademais, como deixa entrever o litixio aberto entre Manuel, un agricultor ecolóxico da Limia, e a multinacional cárnica Coren -acusada de contaminar a auga do río co purín-, estas macro-granxas están detrás da contaminación da auga en non poucas ocasións.

Porén, non podemos tampouco criminalizar o consumo masivo de carne procedente da gandeiría industrial. As persoas temos un gran poder como consumidoras, si, pero cómpre ter en conta as diferenzas socio-económicas e socio-culturais. Estes produtos teñen unha característica común: dá igual que falemos de carne de polo, de ternera ou de porco, ou que falemos de leite ou ovos… todos e cada un dos produtos xerados neste tipo de gandeiría intensiva son máis baratos que os producidos dun xeito ecolóxico. O consumo sostible, a día de hoxe, non é unha opción real para a meirande parte da poboación mundial, pero podería selo.

A solución non pode pasar por eliminar toda a gandeiría

Na outra cara da moeda temos as ovellas e cabras bombeiras, que coa súa alimentación fan un desbroce moi importante dos montes e axudan a frear os lumes, segundo informan dende a organización ecoloxista de referencia Greenpeace. Ou a José Manuel, Guillermo, Laura, Vanesa… gandeiras que deciden manter vivo o rural galego custe o que custe, plantando cara ao éxodo do rural que tantas hectáreas españolas e galegas está deixando baleiras. Por suposto o rural non vai revivir só porque existan granxas ecolóxicas: o rural precisa acceso aos servizos básicos, como a sanidade, a educación, tendas nas que mercar produtos esenciais para a vida e
conexión WIFI.

“O despoboamento, o éxodo rural dos anos 50, tivo unhas consecuencias terribles nestas masas forestais. Onde había cultivos, onde había pastoreo, xeráronse masas forestais moi deterioradas, moi vulnerables ante o cambio climático e que supoñen un agravamento na cantidade de combustible”, engade Mónica Parrilla, a responsable da campaña de incendios forestais de Greenpeace España.

Producir en ecolóxico non é un xogo de cativas, pero tampouco unha barreira insalvable

Vacas na gandería de José Manuel Santín

Vacas na gandería de José Manuel Santín

José Manuel Santin é un gandeiro galego que non sempre produciu leite en ecolóxico. “Ao principio estás tan centrado na produción intensiva que non te dás nin conta do importante. Eu era un defensor dese xeito de produción, pero unha vez que te dás de conta de que dende o punto de vista económico é mellor a produción ecolóxica, xa comezas a percatarte de que é un modelo produtivo mellor”, explica.

Porén, aínda que poida parecer que este tipo de produción de leite é máis rendible, non sempre é así. “Nós non somos exemplo de nada, é un caso moi moi particular porque era unha granxa que estaba en pastoreo. Vimos unha oportunidade e decidimos aproveitala, non perdiamos moito porque xa tiñamos unha produción máis baixa ca outras gandeirías”, conta Guillermo Martínez. Burgo de Negral, a primeira gandeiría en dar o paso en mudar a un modelo sostible en Galicia, non o tivo tan fácil. “En Burgo de Negral tiñan auténticos ferrari dentro dos establos, vacas capaces de producir ate 50 litros de leite. E pasar diso á produción en ecolóxico é brutal (arredor de 23 litros), a rendibilidade non sae por ningún lado”. Casa Grande de Xanceda apenas perdeu produción co paso a este modelo, porque xa producían de xeito extensivo aínda que sen certificación oficial, pero outras granxas en convencional si poden perder. Fronte a este argumento, José Manuel afirma: “eu teño claro que quero producir así, estea ou non certificado como ecolóxico. Se ti aplicas o que de verdade é a produción que debería ser ecolóxica, e tendo un pouco en conta os procesos que hai na natureza, si que é máis rendible, porque ti traballas cos procesos que xa se producen na natureza. O meu principal factor de produción é sobre todo sol, aire e auga, e iso venme gratis. Mentres dispoña deses tres elementos, os meus costes de produción van ser moi baixos”.

Uns costes de produción que tamén poden variar en función da granxa. Casa Grande de Xanceda máis que unha granxa é unha empresa e Guillermo téo claro: “a rendibilidade dunha granxa ou de calquera explotación agropecuaria, dá igual que sexa agrícola que gandeira, está na xestión”. En Xanceda nin os donos nin os traballadores son gandeiros, polo menos non do mesmo xeito que a idea tradicional dun gandeiro, senón persoas formadas en distintos eidos unidas polo amor polas vacas e a natureza. Trátase de persoal contratado, con salarios dentro do establecido polo convenio vixente, xornadas de non máis de 8h, 30 días de vacacións ao ano e dereito á baixa laboral.

 Guillermo Martínez (Casa Grande de Xanceda”: “A gran diferenza da nosa granxa con respecto a outras, eu sempre o digo, é o edificio de Casa Grande, que é onde están as oficinas. Ese é o corazón que nos diferenza do resto”

Unha xestión moi vencellada tamén á comunicación e ao traballo en equipo. “como di un compañeiro tamén veterinario, somos moi ‘ideotas’, porque estamos todo o día tramando cousas e intentando levalas á práctica”, di Guillermo.

Unha ameaza engadida

Casa Grande de Xanceda atópase no concello de Mesía, na provincia da Coruña. Unha das características diferenciadoras desta granxa é a súa ampla base territorial. “Foi unha granxa que medrou dun xeito moi orgánico. É dicir, ao mesmo tempo que medraba o número de vacas, medraba o número de hectáreas. O dono non invertiu en formigón, invertiu en terra. Sempre”.

Unha actividade e un xeito de producir que podería verse ameazado no futuro inmediato pola actividade mineira e a construcción dun parque eólico que ocuparía gran parte das hectáreas nas que hoxe pacen as vacas de Xanceda.

“Todo o que estea relacionado coa industria e co sector da enerxía considérase estratéxico para un país. Curioso, a alimentación parece que non, pero a enerxía e a extracción de mineirais si se consideran estratéxicos e por iso poden expropiar. Normalmente non se quere chegar á expropiación porque é unha palabra horrible e nun país capitalista que te quiten o que é teu é moi feo, pero en nome do colectivo, da solidariedade, poden darlle a volta e facerte quedar moi mal. E máis neste caso, que co tema dos eólicos é unha enerxía limpa. Como un produtor ecolóxico pode estar opoñéndose a un parque eólico?”, reflexiona Guillermo.

A voz de Guillermo únese a outras voces que, ben dende o Movemento Ecoloxista Galego ou ben a título individual, reivindican que a transición a un modelo enerxético sostible non pode deixar vidas polo camiño. Non é posible vivir ao carón dun aeroxerador eólico polo ruído, moitas consecuencias para a saúde humana e mesmo planetaria aínda son descoñecidas, e segue sen mudar o modelo de propiedade da enerxía. O ecoloxismo galego reclama un modelo produtivo comunitario, e non un parque eólico propiedade do xenro de Florentino Pérez, como é exactamente o caso do que planea instalarse en Mesía. “É unha problemática que a verdade é que a nós nos
causa unha dicotomía importante, precisamente por ser unha enerxía limpa, pero claro, en nome da descarbonización tampouco se pode admitir todo”.

Conflitos cos veciños: son poucos, pero habelos hainos

“Na nosa zona non hai macro-granxas como Coren, como si lle ocorre a Manuel na Limia. Pero si que ás veces hai dificultades con algún produtor veciño en intensivo para que eles entendan que cando botan herbicida na súa finca teñen que ter un pouquiño de coidado porque para garantir que a miña non se vai contaminar dos produtos químicos que utliza el teño que deixar moita separación”, conta José Manuel.

Isto non acontece en Xanceda xa que a súa ampla base territorial permite evitar os conflitos cos veciños. “Pero entendo que si, que a xente, sobre todo agricultores, que teñan parcelas máis pequenas, poden ter algún conflito cos veciños”, engade Guillermo.

Vacas en Casa Grande de Xanceda

Vacas en Casa Grande de Xanceda

Dous xeitos de prever o futuro

Cando se lles pregunta a José Manuel e a Guillermo como ven o futuro a medio prazo do sector primario galego, atópome con dúas respostas practicamente contrarias.

– “Eu creo que vai haber un cambio moi moi grande – di José Manuel-. Simplemente porque é unha maneira moito máis viable de producir. Eu creo que máis tarde ou máis pronto, vai haber moitas granxas que se queren sobrevivir van ter que ir por este camiño”.

– “Eu penso que sempre será minoritaria a produción ecolóxica e é como co coche eléctrico, non creo que sexa bo que todo o mundo teña un coche eléctrico. Que vaiamos todos cambiando pouco a pouco, que vaian incorporándose… ten que ser un tema gradual e ten que haber de todo”.

-“Sempre temos que marcar unha diferenza con respecto á produción convencional. Non podemos permitir que se achegue tanto que sexamos moi parecidos, aínda que para iso teñamos que ser aínda máis esixentes; especialmente se temos que ser máis esixentes”, engade Guillermo Martínez.

“A maior dificultade está en tomar a decisión, perder os medos. Pódese producir dunha forma moi viable sen problema ningún”, explica José Manuel. “Temos que desaprender todo o que nos aprenderon, esquecer todas as ideas que nos meteron na cabeza sobre a produción intensiva”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información