
Gandería leiteira en Mazaricos, na provincia da Coruña
O estrés por calor afecta á produción e fertilidade das vacas e tamén á calidade do leite, tanto nos seu contido en graxa e proteína como no reconto de células somáticas. É algo sabido e moi estudado a nivel internacional, pero un estudo recentemente publicado constata que estes efectos tamén se dan en Galicia. “Se ben Galicia ten un clima menos extremo que outras rexións, a presencia de estrés por calor moderado durante os meses máis cálidos causa perdas económicas significativas no sector leiteiro”, conclúe.
O estudo, titulado Influencia do estrés térmico na produción, calidade do leite e no reconto de células somáticas en Galicia, evidencia que cando o índice de temperatura e humidade (ITH) supera certos niveis críticos, diminúe a produción de leite, pero sobre todo o seu contido en graxa e proteína.
O estudo investiga como o estrés térmico afecta á produción, composición de sólidos e reconto de células somáticas en vacas holstein de alta produción en Galicia
Os seus autores, Roberto Besteiro, co CIAM e Ramiro Fouz e Javier Diéguez, da área de Produción Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo, estudaron durante seis anos (2016, 2017, 2018, 2019, 2020 e 2021) a correlación entre as condicións climatolóxicas e a realidade produtiva das granxas.
O ITH é un índice que combina os efectos da temperatura ambiente e a humidade relativa aos que está exposto o animal
Cos datos de temperatura e humidade obtidos da rede oficial de estacións meteorolóxicas galegas (MeteoGalicia) estableceron o índice ITH diario, mediante a ecuación do Consello Superior de Investigacións Científicas (1971), vinculándoo aos datos de produción e calidade do leite obtidos do Control Leiteiro (traballouse cunha base de datos de 21.779 vacas de 175 explotacións).
Perdas significativas
Os efectos do estrés por calor sobre os animais teñen importantes consecuencias económicas sobre a rendibilidade das explotacións leiteiras, tamén nas condicións das granxas galegas. “Aínda que o clima de Galicia é máis suave que o doutras rexións, mesmo un estrés térmico moderado durante os meses máis cálidos provoca perdas económicas substanciais no sector leiteiro”, afirman os autores do estudo.
“Pódese considerar que o gando en Galicia estivo exposto a niveis de leves a moderados de estrés térmico. Porén, estar exposto só a condicións de estrés leves ou moderadas non elimina os seus efectos negativos”, indican. A modo de exemplo, citan outro estudo realizado en 2024 na rexión do Véneto, no norte de Italia, tamén baixo os efectos do estrés térmico moderado, onde se atoparon perdas económicas significativas, cuantificadas en −1,46 $ /100 L, a pesar de non haber valores extremos do índice de temperatura e humidade.
Cómpre ter en conta, ademais, que os resultados presentados neste estudo realizado en Galicia só inclúen datos dun mes de agosto, o de 2020. “Dado que os valores máis altos de ITH se rexistraron nese mes, é probable que as perdas de rendemento reais sexan aínda maiores, xa que non se puido estimar o efecto do estrés por calor para un valor de ITH superior a 83”, aclaran Besteiro, Fouz e Diéguez.
Umbrais críticos
“Existen umbrais críticos de ITH máis alá dos cales se deterioran os parámetros de produción e calidade e a acumulación de días consecutivos de estrés térmico exacerba estes efectos negativos. Ademais, as vacas na metade da lactación e aquelas con maior produción de leite serán máis susceptibles a perdas de produción e composición baixo estrés térmico, en comparación coas vacas ao inicio ou ao final da lactación”, explican.
Por cada unidade de aumento do ITH por riba do nivel crítico, as vacas poden perder ata 0,249 kg de leite ao día
Os valores climáticos obtidos das 46 estacións meteorolóxicas máis próximas ás gandarías estudadas durante os 6 anos indican que a temperatura máxima media diaria oscilou entre 10,8 °C en xaneiro e 25,1 °C en agosto, mentres que a humidade mínima media diaria fluctuou entre 53% en agosto e 72% en decembro.
En base a estes datos, calculouse o índice de temperatura-humidade (ITH), que oscilou entre os 71 puntos de agosto e os 52 de xaneiro. O 75% dos días do ano estiveron por debaixo dun ITH de 68, o 50% dos rexistros estiveron no rango 55-68, e só o 0,8% dos valores superaron un ITH de 79.
O estrés por calor ten un efecto máis pronunciado na composición do leite que no seu volume, especialmente no contido proteico
Para a produción de leite, os umbrais críticos de ITH establecéronse en ITH = 72, mentres que o reconto de células somáticas aumentou cando o ITH superou 78. Para os compoñentes de graxa e proteína do leite, os umbrais críticos son inferiores, en 64 e 63, respectivamente. A análise mostra que por cada unidade de aumento de ITH por riba do umbral crítico, pódense perder ata 0,249 kg de leite, 0,008 kg de proteína e 0,006 kg de graxa por vaca por día.
Efecto duradeiro e acumulativo
O impacto do estrés térmico pode durar entre 7 e 12 días e ser máis prexudicial se se acumula durante días consecutivos, especialmente en vacas na metade do seu ciclo de lactación. “Durante os 7 días posteriores ao evento estresante, detectouse un efecto significativo do estrés por calor, que partiu dun punto de corte no índice ITH comprendido entre 67 e 78 (valor ponderado de 72), con caídas medias na produción de leite que oscilaron entre −0,056 kg/ITH/d o primeiro día ata −0,249 kg/ITH/d o sétimo día”, detallan.
Os episodios de calor que duran varios días impactan especialmente nas vacas multíparas que se atopan nos momentos da lactación de maior produtividade
O efecto do ITH sobre a porcentaxe de proteína en leite foi aparente ata 12 días despois do estrés, cun amplo rango de valores de corte causantes de estrés, entre 57 e 79 puntos, cun valor ponderado de 64. A redución na porcentaxe de proteína en leite desde os puntos de corte detectados estimouse entre −0,001 e −0,010%/ITH, se ben é certo que neste caso obsérvanse tendencias descendentes mesmo desde o umbral inferior de ITH.
Comportamento similar observouse na produción diaria de proteína en kg/d, evidenciándose a influencia do estrés ata 7 días despois, con caídas na produción de ata −0,008 kg/ITH/d. As perdas de produción de proteína estimadas alcanzan o seu máximo ao terceiro día despois do estrés, cunha perda media de −0,041 kg/d.
O efecto do estrés térmico na porcentaxe de graxa do leite manifestouse principalmente entre o terceiro e sétimo día, a partir de valores de ITH de 58 e 77 no quinto e sexto día, respectivamente (valor ponderado de 63). A caída na porcentaxe de graxa do leite estimouse en −0,002%/ITH entre o terceiro e quinto día despois do episodio de estrés, cun máximo de −0,011%/ITH no sexto día.
A produción de graxa viuse afectada desde un umbral ponderado de ITH de 63, con efectos observados ata 7 días despois do evento. O maior efecto ocorreu no cuarto día despois do estrés, cunha diminución na produción de −0,006 kg/ITH/d. Na produción de graxa a caída foi novamente maior o cuarto día despois do estrés, cunha perda de -0,031 kg/d de graxa.
A medida que se acumulan os días de estrés, especialmente despois de 2-3 días consecutivos, os efectos continúan e son cada vez máis significativos
Os recontos de células somáticas aumentan desde un ITH de entre 73 e 81 nos primeiros 9 días despois do estrés térmico, cun valor ponderado de 78. O aumento estímase entre 0,008 e 0,136 puntos no sexto e segundo día, respectivamente.
O estado de saúde da ubre nas granxas galegas indica unha condición óptima, cun 75% dos rexistros por debaixo de 152 células/mL × 1000, nivel considerado adecuado para unha glándula mamaria sa, con recontos de células somáticas que aumentan coa idade do animal e o avance do período de lactación, así como durante os meses cálidos.
A medida que se acumulan os días de estrés, especialmente despois de 2-3 días consecutivos, os efectos continúan e son cada vez máis significativos, con caídas de −0,9 kg/día en produción durante 6-7 días e −0,04 kg/d de graxa e proteína para o mesmo número acumulado de días.
O número de días consecutivos de estrés térmico non impacta en todos os animais do mesmo xeito, como o demostra o nivel de significancia da interacción entre o número de días consecutivos baixo estrés e o número de lactación do animal. A concentración de proteína foi significativamente menor na segunda e terceira lactación con mesmo só un día de estrés. A porcentaxe de graxa do leite mostra unha tendencia similar nas vacas entre o terceiro e quinto parto.
Resposta fisiolóxica e metabólica
“O aumento da produción de leite no gando, xunto co aumento paralelo da súa capacidade de consumo, provoca que xeren maior calor metabólico, producido durante a fermentación ruminal, o que pode dificultar a súa capacidade para disipar calor en condicións de estrés térmico”, explican.
“O estrés térmico é a resposta fisiolóxica do animal ao ambiente cando produce máis calor do que pode disipar. En ambientes húmidos, a medida que aumentan as temperaturas, a capacidade do gando para disipar calor mediante evaporación vese considerablemente máis afectada que en zonas con menor humidade. Polo tanto, a humidade é o factor limitante en climas húmidos, mentres que a temperatura tende a selo en climas secos”, detallan.
Analizáronse parámetros ambientais para avaliar o seu efecto no benestar e a saúde animal, así como para relacionalos co impacto sobre a produción
“Existe consenso en que o estrés térmico afecta máis ao contido proteico que ao contido graxo, pero os mecanismos responsables da redución da produción proteica no leite debido ao estrés por calor non se comprenden por completo. En canto á diminución do contido graxo do leite, está máis asociada coa redución da inxesta de fibra e os cambios no metabolismo dos carbohidratos”, explican.
Os cambios fisiolóxicos asociados ao estrés térmico adoitan ir acompañados de alteracións do comportamento do animal, como a redución da actividade para conservar enerxía e minimizar a produción de calor, a redución do tempo que pasan deitados para aumentar a superficie corporal dispoñible para a perda de calor, a redución do tempo de rumia e o aumento da frecuencia respiratoria. Ademais, o gando reduce o seu consumo de alimento para reducir a produción de calor metabólico. Estes cambios de comportamento aumentan o risco de acidosis ruminal e coxeira, o que afecta á produción de leite.
A maiores, a exposición prolongada ao estrés por calor pode provocar desequilibrios metabólicos e balances enerxéticos negativos nas vacas, o que pode afectar non só á produción de leite actual, senón tamén ao rendemento reprodutivo futuro.
Consecuencias do cambio climático
Dado que as condicións de produción, así como a temperatura e a humidade, varían entre rexións xeográficas, necesítanse estudos que cuantifiquen o efecto do estrés térmico na produción de leite, proporcionando así referencias locais en termos de benestar animal e produtividade gandeira, especialmente nun contexto no que o cambio climático intensifica as ondas de calor, indica o estudo. Neste sentido, consideran que os resultados obtidos poden ser de interese para moitas outras rexións temperadas que tamén están cada vez máis expostas aos efectos do estrés térmico.
Do mesmo xeito, os autores pretenden tamén concienciar os gandeiros galegos da necesidade de implementar nas súas granxas medidas correctoras fronte aos efectos destas ondas de calor, que provocan unha frecuencia maior na acumulación de días con altas temperaturas mesturadas cunha humidade ambiental elevada.
Galicia está a experimentar un aumento na frecuencia, duración e intensidade das ondas de calor
“Estes achados salientan a crecente preocupación polo cambio climático, xa que o aumento das temperaturas podería exacerbar aínda máis os desafíos que enfronta a industria leiteira, destacando a necesidade de estratexias para protexer o gando e garantir unha produción de leite sostible”, conclúen Roberto Besteiro, Ramiro Fouz e Javier Diéguez.
“Con vacas de alta produción, cunha media de 10.000 kg por lactación aos 305 días e un aumento anual do rendemento medio por vaca de aproximadamente o 1,9%, as condicións do cambio climático, co aumento das temperaturas e fenómenos meteorolóxicos inusuais, fan do estrés por calor unha preocupación crecente en rexións como Galicia”, engaden.
“Para afrontar os efectos do cambio climático, é necesario deseñar estratexias de mitigación do estrés térmico no gando, mesmo en rexións tradicionalmente menos afectadas, e promover medidas preventivas. As melloras xenéticas asociadas á tolerancia ao estrés e a adaptación das instalacións gandeiras e das prácticas de manexo animal desempeñarán un papel fundamental neste contexto”, defenden.
Principais conclusións:
- Compoñentes do leite como a graxa e a proteína foron máis sensibles á calor que a produción de leite ou o reconto de células somáticas.
- A influencia do estrés térmico sobre os parámetros de produción analizados persiste durante varios días, especialmente despois de 3-4 días.
- A acumulación de días consecutivos de estrés ten un impacto crecente na produción, especialmente en animais en etapas de maior produtividade.
- O estrés por calor ten un efecto prolongado de ata 7 días na produción de leite e ata 12 días no caso da porcentaxe de graxa e proteína.
- As variables de composición de sólidos do leite amosan unha maior sensibilidade ao estrés por calor e o seu efecto é máis duradeiro.
- O terceiro ou cuarto día despois do estrés é o máis crítico para a produción así como para a redución de graxa e proteína.
- Observouse unha tendencia xeral á diminución da produción e da calidade do leite a medida que se acumulan os días de estrés térmico nos animais.
- A acumulación de días de estrés por calor non amosou unha influencia significativa no reconto celular.
- Os animais en etapas máis produtivas son os que máis sofren os días de estrés térmico acumulados, sendo suficientes 2-3 días consecutivos para afectar significativamente á proteína e á graxa, e 4-5 días no caso da produción de leite.
“Hai que estudar caso a caso e granxa a granxa as posibles medidas para axudar ás vacas a sobrelevar os episodios de calor”

Ramiro Fouz, na Facultade de Veterinaria de Lugo
Ramiro Fouz é profesor da Área de Produción Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo e un dos autores do estudo, que supón, di, unha chamada de atención para os gandeiros galegos. “Non é novidoso nas conclusións en canto a que xa se sabía que o estrés por calor afecta á produción, á calidade do leite e á fertilidade, pero tratábase de constatar que nas condicións climáticas nosas tamén se producen eses efectos negativos”, asegura.
A maiores de establecer os umbrais de calor e humidade en Galicia a partir dos cales o estrés térmico nas vacas ten consecuencias na súa produción (ITH 72), porcentaxe de graxa e proteína do leite (64 e 63 respectivamente) e reconto de células somáticas (78), Ramiro deixa claro que “na reprodución o estrés por calor afecta antes incluso, cun índice ITH 60, que xa se pode dar con 22-23 graos centígrados e unha humidade un pouco alta”, explica. Son condicións que en moitas zonas de Galicia danse 3 ou 4 meses no ano.
O estrés por calor afecta antes incluso a nivel reprodutivo que na produción ou na calidade do leite
Ramiro pon o énfase nas consecuencias para as vacas de soportar varios días de calor seguidos. “O que máis efecto ten é a acumulación, 2-3 días seguidos xa repercute moito sobre as calidades do leite e sobre a reprodución das vacas. Un animal que sofre problemas acumulativos a nivel fisiolóxico, cústalle moito recuperar e volver poñer a producir ese metabolismo ao nivel ao que estaba. E máis se son vacas de alta produción, que teñen un nivel metabólico moi alto, moi esixente”, indica.
Alta produción en Galicia considérase a partir dos 37 litros para riba
Os datos utilizados para o estudo proceden das estacións meteorolóxicas máis próximas, pero non son os datos exactos de temperatura e humidade nas granxa, que poden mesmo ser máis elevados e variar dunhas ás outras. “A afectación é moi diferente aínda estando á mesma altitude e á mesma temperatura en función da ubicación e orientación da granxa. Na Terra Chá o aire que pega suaviza, mentres que noutras zonas de vagoada do interior penaliza moito máis”, explica o profesor da Facultade de Veterinaria de Lugo.
Coas mesmas condicións meteorolóxicas, a situación de estrés por calor do gando en cada explotación pode ser diferente
Por iso, coas mesmas condicións meteorolóxicas, a situación de estrés por calor do gando en cada explotación pode ser diferente, porque depende da súa ubicación concreta, da orientación, de aspectos construtivos (da altura dos teitos, do illamento, de se hai ventilación ou non, etc) e mesmo da distancia ao monte, se hai árbortes, taludes, etc”, concreta.
Adaptación dos establos

Granxa en Taboada, na provincia de Lugo
Co estudo publicado, remarcan os seus autores, “tratábase de facer fincapé en que en establos onde hai animais de alta produción hai que contar con sistemas de ventilación para axudar ás vacas a sobrelevar eses episodios de calor”, insiste Ramiro.
A adaptación de establos vellos, máis propensos aos episodios de estrés por calor do gando, moitas veces non é doada. “A nivel construtivo, en establos antigos estás limitado, pero moitas veces é tirar paredes para que corra o aire. Pero non se trata de tirar paredes ao tolo, hai que estudar que paredes se tiran, porque unha cousa é que haxa ventilación e outra que haxa correntes. Tes que evitar que o aire dea directamente no animal pero si que ten que haber ventilación para lograr extraer todo ese aire quente, por exemplo, mediante aperturas cenitais”, propón.
A mesma granxa, cun deseño idéntico, non se comporta igual fronte ás mesmas condicións meteorolóxicas en Castro de Rei ou en Castroverde
Ademais das adaptacións construtivas a nivel de paredes ou teitos, ou da instalación de mallas de sombreo, para mitigar o impacto negativo do estrés por calor poden empregarse sistemas de ventilación forzada e pulverizadores de auga, pero, advirte, “hai que saber ben onde colocar os ventiladores, a que altura, se irrigar ou non; todo iso hai que velo in situ”, di.
Hai que estudar as condicións de cada granxa de maneira individual para aplicar medidas correctoras
“O propio gandeiro xa ve cando hai problemas térmicos na súa granxa porque os niveis de ocupación dos cubículos son moi diferentes dunhas zonas do establo a outras e iso débese a que as vacas buscan o fresco”, indica.
“Pero cada granxa é un mundo e recomendacións xenéricas non se poden dar, senón que hai que facer un estudo individualizado e pormenorizado de cada explotación en función da súa situación e das súas condicións, porque inflúen moitos factores”, insiste.
Galego








Control OJD