Vacas de Chandeiros SC, as cachenas cortalumes do Incio

Un cento de cabezas de gando manteñen limpo o terreo que rodea a parroquia de Trascastro. Agora están a ampliar a súa superficie con 14 hectáreas no que será unha das primeiras aldeas modelo de Galicia en completarse

Vacas de Chandeiros (Incio) José Armesto2José Armesto é unha persoa con iniciativa. Nada máis poñerse a falar con el saen un cento de proxectos nos que desde fai anos pon todo o seu empeño para sacalos adiante. O último no que está a traballar é en facer realidade unha das primeiras aldeas modelo de Galicia, a nova ferramenta de xestión do territorio coa que a Xunta de Galicia quere combater os incendios forestais.

José foi clave para convencer aos veciños para que cederan as súas leiras, moitas delas abandonadas desde hai anos, para este proxecto que está a piques de ser unha realidade. Os traballos de peche das 14 hectáreas avanzaron nos últimos días e José agarda poder botar as vacas nas vindeiras semanas para que empecen a facer o seu traballo de desbroce.

“É unha zona moi bonita pero moi difícil de traballar pola forte pendente que ten, se non é con gando sería imposible de domesticar e de manter limpa. No mes de marzo pasáronlle a desbrozadora a todo e no outono volve ter xa maleza. Desbrozar as faixas de protección de todas as aldeas de Galicia é inviable se non é co gando”, considera.

Desbrozar as faixas de protección de todas as aldeas de Galicia é inviable se non é co gando

En Trascastro van meter cachenas. Desde fai nove anos son xa as encargadas de limpar todas as fincas que hai desde o pobo até o alto de Chandeiros e a partir de agora ampliarán os seus dominios para pacer tamén as leiras que rodean as casas polo outro lado, a zona que pola parte baixa desemboca no río Cabe.

Deste xeito Trascastro quedará completamente rodeado de pastizais e protexido contra o lume, que é o que José persegue coa súa iniciativa, para a que encontrou tamén a total implicación do Concello. “O obxectivo principal é ter a aldea limpa e protexida dos incendios e ao mesmo tempo crear riqueza no pobo a través do gando”, di.

Moito papeleo

A aldea modelo exténdese pola parte baixa de Trascastro, cara ao río. Pola parte de arriba xa pacen as vacas de José desde o 2011

A aldea modelo exténdese cara ao río. Pola outra parte de Trascastro xa pacen as vacas de José desde o 2011

José considera que a idea das aldeas modelo pode ser “unha ferramenta moi útil para o rural” pero recoñece que se trata dun instrumento legal “moi difícil de arrincar”. “A que imos poñer en marcha en Trascastro son máis de 200 fincas de máis dun cento de propietarios diferentes para só 14 hectáreas. Resulta moi complicado dar con todos os propietarios, xa que moitos deles teñen paradoiro descoñecido, polo que en moitas fincas hai que facer investigación para chegar ao dono”, explica.

A aldea modelo é unha ferramenta moi útil para o rural pero é difícil de arrincar porque ten moito papeleo e moita burocracia

Pero unha vez localizado vén outro problema: “ten moito papeleo e moita burocracia, os propietarios das fincas teñen que asinar papeles e documentos unha ducia de veces e iso asusta moito á xente, porque en moitos casos trátase de xente maior que se bota para atrás por iso”, engade.

Por iso José avoga simplificar no posible os mecanismos legais establecidos para facer máis áxil a agrupación das fincas ou, do contrario, teme que sexan poucas as aldeas modelo que se logren constituír en Galicia, do mesmo xeito que outras ferramentas para a xestión conxunta do territorio, como as SOFOR no caso dos montes, demonstraron unha limitada eficacia.

10 anos agrupando fincas

As fincas, que estaban a mato desde fai anos, había xestas de máis de tres metros de altura

As parcelas, nas que antigamente se sementaba cereal, estaban a toxos e xestas desde facía anos

O xerme da que será unha das primeiras aldeas modelo de Galicia en rematarse é a explotación gandeira que José puxo en marcha no ano 2011 xunto a outro veciño, José Casanova, e que conta na actualidade cun cento de cabezas de gando de raza cachena. Leva o nome de Vacas de Chandeiros SC, o alto no que conflúen as 70 hectáreas de superficie que foron xuntando nestes anos.

O futuro da gandería pasa por xuntar fincas e gañar superficie, non hai outra maneira

Para a xestión da aldea modelo vaise constituír unha nova empresa, na que vai entrar o seu fillo Adrián, pero será tamén unha gandería en extensivo de vacas cachenas. “A aldea modelo non dista moito do que fixemos nós estes anos a nivel privado pero empregando a ferramenta que ten agora a Xunta para iso”, argumenta José.

O proxecto de Vacas de Chandeiros arrincou hai case dez anos para poñer a producir fincas en desuso dos veciños. “Eran terreos nos que se botaba cereal para pan pero levaban xa ben anos a xestas. Empezamos amansando o terreo e desbrozando o mato que había de toxo e xestas. O tractor de 200 cabalos non se vía no medio delas”, lembran.

Fan venda directa dos becerros e recrían e venden para vida as femias

Fan venda directa dos becerros e recrían as femias para vida, tanto para eles como para outras explotacións

Os dous socios suman arredor dunhas 20 hectáreas en propiedade e pouco a pouco foron apezando outras parcelas, mediante acordos cos veciños, aos que lles pagan unha renda anual, até xuntar as actuais 70 hectáreas, que se incrementarán en 14 máis co proxecto da aldea modelo.

Ao rural non lle queda outra saída que adaptarse aos novos tempos, é transformarse ou morrer

“Neste momento temos 70 hectáreas todas enlazadas, pertencen a parcelas distintas que fomos xuntando e unificando co acordo dos veciños. Moitas eran fincas pequenas de 500 metros e hoxe a parcela máis pequena ten 8 ha e a máis grande 35. O futuro da gandería pasa por iso, hoxe non hai outra maneira de facelo, eu non poido estar todo o día gardando as vacas coma antes nin cambialas a diario dun lado para outro. Ao rural non lle queda outra saída que adaptarse aos novos tempos, é transformarse ou morrer”, opina.

Produción en ecolóxico

Fixeron uns comedeiros especiais nos que só entran os becerros para poder cebalos nas pradeiras

Fixeron uns comedeiros especiais nos que só entran os becerros para poder cebalos nas pradeiras

A explotación conta hoxe con 70 nais reprodutoras e un touro, máis os becerros de cebo e as xatas de recría nacidos neste ano. “Empezamos con só 6 cachenas, que fomos buscar ao Xistral. A partir de aí fomos recriando e comprando apostando sempre por esta raza. Cando empecei a mirar que vacas meter aquí a cachena foi a que máis me convenceu pola capacidade de transformación que ten nos terreos rústicos”, xustifica.

Tratamos de comercializar sempre produtor-consumidor final, case todo a particulares, ese é o noso enfoque para valorizar a calidade que ten a nosa carne, a venda directa é unha garantía para nós e para o consumidor de trazabilidade total

Desde o comezo están en produción ecolóxica e tratan de facer venda directa para lograr maior rendibilidade. “Tratamos de comercializar sempre produtor-consumidor final, case todo a particulares, ese é o noso enfoque para valorizar a calidade que ten a nosa carne, a venda directa é unha garantía para nós e para o consumidor de trazabilidade total”, defenden.

Só sacrifican os machos, xa que as femias van para vida. “As xatas van todas para recría, parte para nós e parte para outras explotacións que nos queren comprar”, explica José. O cebo dos becerros faise con cereais e pensos ecolóxicos, sobre todo millo e unha mestura triturada de trigo, millo e cebada.

Entre 750 e 950 metros de altitude

Para cambialo de finca José chama o gando e este ven tras del. Mesmo o touro lle espera a man

Para cambialo de finca José chama polo gando e este ven tras del. Mesmo o touro lle espera a man

No alto de Chandeiros fai vento todo o ano e a invernía déixase notar con forza. Por iso, aínda que o gando está sempre fóra, en extensivo, tratan de adaptar o manexo á climatoloxía da zona. “O punto máis alto está a 950 metros de altitude e as fincas de máis abaixo, as que están máis preto das casas da aldea de Trascastro, están a 750 metros. O que facemos é que a medida que vai vindo o inverno ímolas baixando desde as fincas máis altas cara as de máis abaixo, porque se no alto a neve aguanta unha semana abaixo dura só un día”, explica José.

Cando empecei a mirar que vacas meter aquí a cachena foi a que máis me convenceu pola capacidade de transformación que ten nos terreos rústicos

“O inverno forte son tres meses, os de decembro, xaneiro e febreiro, logo dura un pouco máis, pero xa é máis suave”, engade. Suplementan con forraxes recollidas nas propias parcelas para garantir a súa procedencia ecolóxica e aos becerros téñenlles comedeiros adaptados para que só eles poidan entrar a comer o penso.

Están unidos a unha tolva e vanos movendo co tractor a medida que cambian o gando de parcela, posto que todos os animais, unhas 100 cabezas, están nun único lote. “Traballamos cunha única manda que imos cambiando de finca a medida que se vai esgotando o pasto. Son parcelas desiguais e en función do seu tamaño, da cantidade de pasto ou da época do ano están máis ou menos tempo. O manexo é sinxelo, para cambialas eu chego a xunto delas, chámoas e veñen detrás miña, para iso de vez en cando doulles algún que outro premio en forma de penso”, revela José.

Traballamos cunha única manda que imos cambiando de parcela a medida que se esgota o pasto

Todas as fincas teñen bebedeiro, que se subministran desde unha balsa que recolle a auga da chuvia e máis dunha fonte situada na parte alta. “A lona veu de Italia, mercámola por internet e instalámola nós mesmos, igual que os comedeiros dos xatos, que tamén fixemos nós adaptados ás nosas necesidades”, explican.

Balsa de auga que subministra aos bebedeiros, con capacidade de almacenaxe para dous meses no verán

Balsa de auga que subministra aos bebedeiros, con capacidade de almacenaxe para dous meses no verán

Diversificar no rural

Trascastro está formada por uns 20 veciños pero moitos dos seus habitantes son persoas maiores ou xente que vén só as fins de semana. “Con gando só quedamos José Casanova e máis eu”, aclara o seu tocaio José Armesto. Por iso sobre eles dous recae case en exclusiva o mantemento das fincas da parroquia. “Eu antes non tiña vacas, o meu socio si, xa tiña vacas rubias”, conta.

Non hai maneira de manter o rural se non se vive del e a Administración ten que ser consciente diso

José comezou montando en Trascastro unha casa de turismo rural, que leva por nome A Niñada, e está convencido de que as posibilidades do rural son múltiples pero sempre baixo unha premisa fundamental: “non hai maneira de manter o rural se non se vive del e a Administración ten que ser consciente diso”, di.

Hoxe é unha explotación viable pero durante os primeiros cinco anos foi todo investir

Hoxe Vacas de Chandeiros é unha explotación rendible, pero José aínda lembra que os comezos foron difíciles. “Durante os primeiros cinco anos foi todo investir: comprar dereitos, mercar gando, acondicionar e pechar as fincas. Tes que dispoñer de diñeiro para poder empezar, senón é imposible, e logo agardar tres ou catro anos para empezar a producir e recuperar o investimento se a cousa vai ben. A día de hoxe é unha explotación viable, eu confiaba no proxecto e sabía que a longo prazo ía funcionar, pero non deixa de ser de moito risco. Para iniciativas destas tiñamos que ter moito máis apoio, algo que cando comezamos nós non tivemos”, recorda.

Unir e motivar á xente

Rodeando os terreos da aldea modelo a Comunidade de Montes recuperou unha ruta de sendeirismo

Rodeando os terreos da aldea modelo a Comunidade de Montes recuperou unha ruta de sendeirismo

Malia non ser nativo de Transcastro, como el di, (José é natural de Valdruz, pertencente tamén ao Incio), adaptouse tan ben que hoxe é o verdadeiro activista e animador da vida deste pobo, onde preside a Asociación de Veciños e a Comunidade de Montes. “Non hai quen se queira poñer, pero eu xa necesitaba vacacións urxentes”, bromea.

Levar a cabo proxectos colectivos teñen a virtude de lograr unir e motivar á xente, por iso a aldea modelo non é máis que o comezo de grandes cousas

Por iso, para José a posta en marcha da aldea modelo non é máis que o comezo doutros proxectos e iniciativas para poñer en valor as potencialidades da súa parroquia. “Unha cousa leva a outra e levar a cabo proxectos colectivos coma este teñen a virtude de lograr unir e motivar á xente”, destaca.

Como complemento á aldea modelo os veciños de Trascastro recuperaron un antigo camiño, pechado desde facía anos, que vai dar a un entorno a carón do río Cabe onde se conservan dous muíños, unha serrería e unha vella central hidroeléctrica. Esta ruta de sendeirismo, coñecida como Ruta do Pozo da Ola, duns 12 quilómetros de lonxitude, une Trascastro e Airela e pasa pola Ferrería do Incio, onde había tamén un antigo balneario.

Polo bordo da aldea modelo, a carón do río Cabe, discorrerá unha ruta de sendeirismo para o disfrute da poboación local e o aproveitamento turístico

“Con actuacións coma esta fas unha dobre función: por un lado recuperas un antigo camiño para o pobo e por outro creas un atractivo a nivel turístico”, defende José. A recuperación da ruta foi acometida pola Comunidade de Montes co apoio da Deputación. Pola súa banda, a Asociación de Veciños encargouse de lograr a cesión dun edificio abandonado, un antigo inmoble usado polos Peóns Camineros, para rehabilitalo como local social da parroquia.

“Todos os anos nos afecta o lobo pero dos ataques que tivemos nunca logramos cobrar ningún”

Teñen as 70 hectáreas pechadas con cercas eléctricas con tres aramios

Teñen as 70 hectáreas pechadas con cercas eléctricas con tres aramios alimentadas con pastores solares

As 70 hectáreas nas que pacen as cachenas de Vacas de Chandeiros están pechadas con cercas eléctricas conformadas por tres fíos, que suman máis ou menos un metro de altura, e que están conectadas a pastores eléctricos alimentados por placas solares. “De todas as marcas o que máis temos é Ion, porque fabrican en Lugo e están cerca. Decantámonos por eles pola comodidade que iso supón en canto a mantementos e reparacións”, destaca José.

Pero malia ao bo estado e o mantemento continuo que fan nos peches estes non logran impedir a entrada da fauna salvaxe, un dos maiores problemas cos que se atopan a día de hoxe as explotacións en extensivo. “Nesta zona hai bastante ataque de lobo, todos os anos nos afecta, e o xabarín destrózanos as pradeiras, fainos tamén moito dano, pero no caso do porco bravo as indemnizacións son razonables, non coma no caso do lobo”, quéixase.

Eu quérolle moito ao lobo, pero quérolles tamén moito aos meus animais

“Dos danos de lobo é moi difícil que se fagan cargo porque os mecanismos que teñen non son adecuados ás circunstancias das explotacións en extensivo en terreos de monte ou que manexamos grandes superficies porque se non aparece o xato non cho pagan. Nós dos ataques que tivemos nunca logramos cobrar ningún, nin eu nin outros gandeiros colindantes, por unha cousa ou por outra sempre che vén denegado. Non podes manipular o cadáver, así que non tes maneira de protexer os restos e ti chamas hoxe e eles veñen mañá á mañá, pero nesas horas os restos o máis normal é que desaparezan, porque nunha noite dun becerro destes non queda nada e se ao día seguinte non está a columna vertebral xa non cho pagan”, explica.

A Administración ten que facerse cargo dos danos que provoca o lobo porque senón é imposible a convivencia

“A min o lobo é un animal que me encanta, porque velo e estás vendo ao xefe do monte, pero aínda que eu lle quero moito ao lobo, quérolles moito tamén aos meus animais. Nós nesta zona sempre convivimos co lobo pero antes sempre ía un pastor co gando, agora non, así que a Administración ten que facerse cargo dos danos que provoca o lobo porque senón é imposible a convivencia”, asegura.

Unha burra e dous mastíns conviven a diario co gando para defendelo do lobo

Unha burra e dous mastíns conviven a diario co gando para defendelo do lobo

Para tratar de minimizar os danos nesta gandería teñen unha burra para detectar o perigo e poñer as vacas en alerta e dous mastíns para defendelas. Pero “o lobo é moi listo”, di José, e “acaba aburrindo aos mastíns”. “O lobo sábeas todas e ten todo o tempo do mundo para vixiar e atacar cando ten a presa a tiro. Fai 4 ou 5 anos tiñamos unha invasión de lobos nesta zona, había unha manda moi grande”, lembra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información