
Mónica García, durante a súa intervención nas Xornadas de Anembre en Zamora
Os IV Encontros Ibéricos de Calidade do Leite, celebrados en Zamora na última semana de xaneiro e organizados por Anembe e o Conselho portugués de Saúde do Úbere, abordaron distintas estratexias e métodos de traballo para reducir a incidencia de mamites en granxas de leite con distintos sistemas de muxido: sala convencional, robot de muxido e granxas XL.
A primeira das mesas, moderada por Carlos Noya, centrouse no traballo en ganderías convencionais, coa experiencia de Mónica García, do Centro Veterinario Meira, en explotacións da provincia de Lugo, e de João Sousa, do laboratorio Segalab, situado en Argivai (Portugal).
A detección precoz de mamites subclínicas, o adestramento das rutinas de muxido ou aspectos como como comunicar as incidencias e recomendacións aos responsables da explotación son aspectos clave para unha correcta saúde da ubre.
Muxido en sala: máis estrés de manexo pero maior detección de mastites clínicas
Mónica García contou aos asistentes, chegados de toda España e Portugal, cal é o sistema de traballo do centro veterinario Meira en materia de calidade do leite.
“Normalmente traballamos cun contrato e unha cota mensual e facemos visitas mensuais ou bimensuais ás explotacións. Ademais destas visitas periódicas, facemos visitas puntuais cando nos chama o gandeiro por algún problema na granxa”, indica.
Temos que explicar ao dono e aos seus traballadores como facer as cousas e por que
O traballo na granxa consiste en tomar mostras, observar o muxido e revisar a máquina. “Miramos se hai caídas de baleiro ou se hai sobremuxido. Nós non cambiamos a máquina, pero falamos co gandeiro para que fale co técnico do sistema de muxido para que varíe os parámetros necesarios”, explica. “Despois, ao rematar o muxido, damos unha volta pola granxa para revisar o estado das camas, bebedoiros, silos, etc.”, engade.
Un equipo formado por 3 dos 13 veterinarios da empresa encárganse da área de calidade do leite, levando un total de 160 granxas, con 116 vacas de media cada unha.
En canto ás tipoloxías de sistemas de muxido, o 13% están en praza fixa (sobre todo explotacións pequenas sen relevo que están agardando a xubilación), e un 27% muxen xa en robot (entre 1 e 5 robots), unha porcentaxe que está a aumentar, explicou Mónica.
O muxido en sala provoca maior estrés por manexo nos animais e a existencia dunha limitación no número de muxidos, que poden ser 2 ou 3. Na parte positiva, hai maior detección visual de coxeiras e mastites clínicas, pero tamén maior fatiga laboral.
A necesidade de ter datos para tomar decisións

Público asistente aos IV Encontros Ibéricos de Calidade do Leite
O 80% das explotacións nas que o Centro Veterinario Meira fai calidade do leite están en Control Leiteiro. “Nas explotacións que temos en Control Leiteiro facemos un traballo previo en oficina. Somos conscientes de que temos que cambiar a forma de traballar, ir menos aos muxidos e traballar máis con datos na oficina. O noso traballo é un traballo continuo de seguimento. O gandeiro quere estar tranquilo e saber que se xorde un problema cunha analítica vai estar cuberto”, afirma.
“No seguimento de cada animal decidimos descartes, momento do secado, etc. Traballamos con índices obxectivos, como manter a prevalencia de mamites por debaixo do 20%. En mamites subclínicas en lactación tratamos o menos posible con antibiótico. Se vemos que con antiinflamatorio vai mellorando e a vaca está ben non aplicamos antibiótico. Se o reconto de células en tanque é baixo, en lactación non paga a pena tratalas con antibiótico porque a porcentaxe de curación de vacas en produción é baixa. Neses casos agardamos ao secado para tratalas. En secado selectivo, se os recontos celulares en tanque son baixos, van só con antiinflamatorios tamén. Para nós as vacas problema son as que están por riba de 200.000 células”, detalla Mónica.
En animais comprados facemos unha PCR
“Nas explotacións que non están en Control Leiteiro dispoñemos de moitos menos datos. Adoitan ser explotacións pequenas e moitas delas están en praza fixa. Neses casos facemos test de California a todas as vacas”, indica.
No caso da bacterioloxía, “Se se produce un aumento, analizamos se o problema está na sala de muxido ou no tanque de refrixeración e elaboramos un informe con recomendacións. Existe unha incidencia clara na bacterioloxía da temperatura de lavado da sala de muxido. Eu procuro que a temperatura chegue aos 60 graos e que se manteña por riba dos 40 graos durante todo o proceso de lavado. O lavado é unha combinación de tres factores: forza da auga, temperatura e concentración do produto utilizado”, explica.
Rutina de muxido: vaca ben muxida no menor tempo posible
“O noso traballo non é só facer tests de California e analíticas. Traballamos con datos e con persoas (gandeiros e traballadores), aos que temos que explicar como facer as cousas e por que”, engade. “Por iso unha das cousas fundamentais nas que nos imos fixar é en como fan a rutina de muxido, porque á vaca hai que muxila ben no menor tempo posible”, insiste.
A rutina de muxido debe estar estandarizada e debe estar escrita e visible na sala de muxido
“Se traballamos con varias persoas muxindo, debemos implementar unha boa rutina de muxido que todos a poidan aplicar. Ten que estar estandarizada e debe estar escrita e visible na sala de muxido”, recomenda.
Con todo, advirte da necesidade de establecer unha rutina individualizada para cada granxa e de avaliar periodicamente o seu cumprimento. “O muxido convencional depende moito da man de obra, polo que as rutinas de muxido deben ser adestradas. Se a sala está informatizada dános datos da rutina de muxido e podemos comparar os distintos operarios. Se melloramos o adestramento do persoal melloraremos a eficiencia do muxido”, asegura.
Galego









Control OJD