Vaca de récord en Silleda este martes, vendida por máis de 4.400 euros

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra un novo prezo máximo cunha vaca cruzada procedente dunha gandería de Santiago. O vacún maior cotiza á baixa nesta sesión. Subas na recría e nos becerros carniceiros. Incrementos no porco cebado e nos ovos

Vaca de récord en Silleda este martes, vendida por máis de 4.400 euros

Á dereita a vaca cun prezo de récord vendida esta mañá en Silleda.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca, en Silleda (Pontevedra), acadou este martes un novo prezo máximo pola venda dunha vaca mestiza de 7 anos. O animal, procedente dunha gandería de Santiago, foi adquirido pola empresa silledense Frigoríficos Bandeira por 4.439 euros, de xeito que se converte no novo prezo récord do ano. Ata o momento, o mellor prezo do 2021 foran os 3.879 euros dun exemplar que concorreu o pasado 20 de abril. Con todo, ambos están aínda moi afastados do maior prezo acadado por un exemplar de vacún maior na historia da Central, que segue a situarse nos 6.782 euros pagados por un boi de raza Rubia Galega o 28 de xaneiro de 2020.

Á marxe desta cifra, o vacún maior cotizou este martes á baixa, agás na categoría extra, que ten un prezo medio de 2.000 euros, o que supón unha suba de 196 euros con respecto da semana pasada. As vacas de primeira cotízanse a 1.102 euros, logo dunha baixada de 41 euros. Os exemplares de segunda descontaron 45 euros e están nos 714 euros. Nos animais de desfeito o prezo medio é de 448 euros, o que supón 15 euros menos que na feira anterior. Tamén os exemplares co selo Vaca e Boi de Galicia rexistraron unha baixada, neste caso de 536 euros, de xeito que se cotizaron a un prezo medio de 804 euros.

Na recría e nos becerros carniceiros houbo subas xeralizadas dos prezos. En concreto, na recría de raza frisoa os becerros de entre 20 e 50 días incrementaron o seu valor en 7 euros ata os 113 euros. Nos becerros de máis de 50 días, a suba foi de 26 euros e acadan os 137 euros. A única excepción produciuse nos animais de menos de 20 días, cunha baixada mínima de case un euro e que se sitúan nos 92 euros.

Nos becerros de cruzamentos industriais máis novos o prezo incrementouse en 6 euros, ata os 208 euros. Nas femias desta categoría a suba foi de 24 euros e acadan os 180 euros. Os becerros de entre 20 e 50 días, pola contra, cotizaron á baixa, cunha redución de 6 euros sitúanse nos 262 euros. As femias desta sección están a 191 euros, logo dun recorte de 10 euros. Nos tenreiros de máis de 50 días os machos teñen un valor medio de 414 euros, ó sumar 44 euros, mentres as femias descontan un euro e quedan nos 307 euros.

En canto ós becerros carniceiros, o gando frisón descontou 61 euros nos machos, de xeito que quedan nos 522 euros. As femias cotízanse a 522 euros, tras unha suba de 154 euros. Os becerros de cruzamentos industriais acadan os 875 euros despois dun incremento de 65 euros. Nas femias desta categoría produciuse unha rebaixa de 45 euros, que deixa un prezo medio de 732 euros. Os exemplares de Rubia Galega experimentaron unha suba de 73 euros ata os 917 euros. Nas femias a suba foi de 37 euros e sitúanse nos 907 euros. Nos becerros co selo Ternera Gallega Suprema o prezo medio foi de 875 euros, o que supuxo unha baixada de 80 euros con respecto da feira anterior.

Lonxa vacun 18_05_2021

Subas no porco cebado

As mesas de cotizacións do porcino acordaron este martes manter sen cambios os prezos dos leitóns, que acumulaban varias semanas de baixadas. Mentres, varias categorías do porco cebado rexistraron distintas subas. O porco selecto e o normal foron dúas das seccións que experimentaron unha suba de 0,02 euros, polo que pasan a cotizarse a 1,535 e 1,510 euros o quilo, respectivamente. Para os exemplares de Canal II o incremento foi de 0,026 euros, e agora acadan os 1,961 euros. Os porcos de desfeito continúan entre os 0,77 e os 0,83 euros o quilo.

Os leitóns mantéñense a 3,25 euros o quilo e a 65 euros o exemplar de 20 quilos procedente dunha única gandería. Os animais chegados de lotes de menos de 500 porcos cotízanse a 60 euros o leitón de 20 quilos e o prezo por quilo é de 3 euros.

No mercado do ovo, os do tamaño XL cotízanse agora a 1,66 euros a ducia, logo dun incremento de 0,02 euros. Foi a única suba, de xeito que os da L continúan a 1,21 euros, os da M páganse a 1,08 euros e os da S están en 0,84 euros a ducia. As galiñas de desvelle semipesadas, de entre os 2,1 e 2,2 quilos, incrementaron o seu valor en 0,01 euros e cotízanse a 0,14 e os 0,21 euros por quilo.

O prezo do coello mantense sen cambios e o quilo cotízase a 1,80 euros na Lonxa de Madrid.

Lonxa porcino 18_05_2021

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información