V Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario: solucións para os retos do futuro

O evento presentará 35 proxectos centrados na sustentabilidade e modernización do sector agrario e agroalimentario galego

V Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario: solucións para os retos do futuro

Portada do V Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario.

O xoves 27 de febreiro comezará o V Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario que está organizado pola Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

No Foro daranse a coñecer 35 proxectos que teñen como obxectivo buscar solucións para os retos presentes e futuros. O evento estruturarase en catro sesións, sendo a primeira o vindeiro venres 27 na Cidade da Cultura, que estará centrada na gandaría e industria agroalimentaria.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, será a encargada da inauguración do foro na que se presentarán un total de 11 proxectos que abarcan temáticas variadas enfocadas na sustentabilidade.

A segunda sesión será o 13 de marzo na Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia (Pontevedra) e incluirá a presentación de sete proxectos sobre viticultura e enoloxía, centrados en fitosanitarios, cultivo sustentable, plantas resistentes a enfermidades e xestión da rega.

O 27 de marzo celebrarase a terceira sesión no Pazo de Fontefiz, en Coles (Ourense) na que se presentarán proxectos vinculados á agricultura. A cuarta sesión terá lugar no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias de Ribadeo (Lugo), o día 11 de abril.

Nesta última reunión presentaranse sete proxectos, incluíndo o desenvolvemento de elicitadores de defensa no castiñeiro do país e a mellora do cultivo do sabugueiro autóctono para obter extractos con compostos bioactivos.

Cada xornada concluirá cunha presentación gastronómica baseada en produtos galegos de calidade diferenciada, co obxectivo de integrar este ecosistema innovador nas múltiples posibilidades de elaboración e maridaxe que estes alimentos ofrecen.

As persoas interesadas en participar poderán incribirse a través desta ligazón. Para obter máis información poden chamar ao 981546661 ou preguntar no enderezo electrónico formacion.agacal@xunta.gal. O programa completo do foro pódese ver nesta ligazón.

Promotores dos proxectos e obxectivos do foro

O Foro inclúe proxectos promovidos por diversas entidades e enmarcados en convocatorias de axudas da AEI, cofinanciados polo Feader dentro do PDR de Galicia 2014-2020. Contan cunha dotación total de 5,7 millóns de euros (4,3 millóns para proxectos de Grupos Operativos e 1,4 millóns de euros de proxectos piloto).

A través deste foro, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria busca modernizar o sector agrario e agroalimentario mediante a transferencia de innovación, fomentando a dixitalización e o intercambio de coñecemento.

Ademais, promove novas tecnoloxías e a formación dos agricultores, consolidándose como unha oportunidade para descubrir proxectos que melloren a sustentabilidade, eficiencia e rendibilidade do sector galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información