(V) En que países da UE é máis fácil para os mozos acceder a base territorial?

A posibilidade de contar con superficie agraria dabonda non só condiciona o medre e viabilidade das explotacións en activo, senón que a capacidade de dispoñer de terra, ben sexa en propiedade ou mediante outras figuras como o alugueiro ou a cesión a longo prazo, son un factor imprescindible que determina a posible instalación de novas iniciativas produtivas no rural

Pablo Rodríguez, da gandería Xuíz SC, no concello de Bóveda

Pablo precisa máis terras para que a súa gandería, situada no concello de Bóveda, poida medrar

Pablo Rodríguez é un mozo do concello lugués de Quiroga que sempre quixo ser gandeiro. No 2016, con tan só 18 anos, decidiu cumplir o seu soño. Puido facelo porque no concello de Bóveda, no lugar de A Portaxe, seu avó tivera unha pequena explotación de vacas de leite e de carne e aínda conservaba as terras.

“De meus avós herdei as fincas, 20 hectáreas ao redor da explotación todas chas e boas de traballar”, explica Pablo, que montou unha nave nova na que hoxe moxe 51 vacas. Pero no prazo de dous anos ten previsto dobrar o número de cabezas e para iso necesitará máis terra.

Na súa mesma situación atópanse moitos outros mozos, non só en Galicia, senón tamén no resto de Europa. Contar con superficie agraria é unha das premisas para case calquera actividade vinculada á terra que se pretenda montar no medio rural. A tenza de terreo, ben sexa en réxime de posesión ou utilización, tórnase en moitos casos un obstáculo insuperable, sobre todo para aquelas persoas que non proceden do ámbito rural, cando pretenden a súa incorporación ao sector.

Condicionado pola dispoñibilidade de terras e tamén polo seu prezo, é un problema que, malia ás casuísticas particulares que se poidan dar nas diferentes rexións e países, en distintas zonas dun mesmo país ou mesmo en áreas concretas do territorio, como sucede no caso de Galicia, comparten a maioría de mozos e mozas de toda a UE, segundo o diagnóstico realizado nos últimos anos a nivel europeo.

Cara a unha gobernanza comunitaria da terra

A regulación dos usos da terra e a lexislación sobre a súa transacción compete aos distintos Estados, pero o Parlamento Europeo tomou conciencia a partir do ano 2015 desta problemática, instando ás autoridades comunitarias (que xa regulan aspectos relacionados dentro da Política Agraria Común) a adoptar medidas para camiñar cara a unha gobernanza comunitaria da terra na UE que harmonice a lexislación tan dispar que existe nestes momentos nos distintos países membros.

O cambio climático está a facer minguar a superficie agraria e estímase que o 20% da SAU europea xa sofre problemas derivados do quecemento global

“O chan é, por unha banda, unha propiedade e, por outra banda, un ben público, e está suxeito a unha obriga social. O chan é un recurso cada vez máis escaso que non pode aumentarse e que representa o fundamento do dereito humano a unha alimentación sa e suficiente, así como dunha multitude de servizos ecosistémicos vitais, polo que non pode ser considerado unha mercadoría normal. Ademais, o chan sofre unha ameaza por partida dobre: por unha banda, pola perda de superficie agrícola debida ao selado, á urbanización, ao turismo, aos proxectos de infraestrutura, aos cambios de uso e forestación e á expansión da desertificación como consecuencia do cambio climático (o 20 % das terras agrícolas europeas xa padece problemas derivados do cambio climático), e, por outro, pola concentración de terras en mans de grandes explotacións agrícolas e investidores alleos á agricultura; e corresponde ás autoridades controlar e limitar a perda de superficie agrícola”, argumenta a Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo nun informe aprobado en marzo de 2017 sobre a situación da superficie agraria na UE, titulado Como facilitar o acceso dos agricultores á terra?, no que pide aos Estados membros que controlen os prezos de compra e aluguer das superficies agrícolas.

“Hai unha carencia xeral de datos exhaustivos, transparentes, actualizados, de calidade e harmonizados a nivel europeo sobre os prezos e volumes do mercado de terras en Europa. Esta afirmación é válida tanto para a compra de terras e parcelas como para os prezos dos alugueres, sobre dereitos de uso, estruturas de propiedade e de arrendamento, e a evolución dos prezos e os volumes no mercado, así como indicadores sociais e ambientais pertinentes a escala europea, e en moitos Estados membros estes datos só se recompilan e publican de forma incompleta”, engade.

Establecemento de dereitos preferentes

“En moitas rexións os prezos de compra e aluguer das terras agrícolas teñen alcanzado un nivel que fomenta a especulación financeira, impedindo, en termos económicos, a numerosas explotacións agrarias manter as terras arrendadas ou proceder á ampliación das superficies necesaria para a supervivencia de explotacións de tamaño pequeno e medio. Ademais, os mozos que queren establecerse atópanse con maiores dificultades de acceso á terra debido ao seu custo, en particular cando non son descendentes de agricultores”, indica o informe do Parlamento Europeo.

“En moitos Estados membros, os prezos de compra e, nalgúns casos, tamén os de arrendamento de superficies agrícolas xa non están baseados nas rendas obtidas mediante a produción de alimentos”, razoa a Cámara comunitaria, polo que pide aos Estados membros que, “a fin de alcanzar os obxectivos da PAC”, outorguen “prioridade” aos pequenos e medianos produtores locais, aos mozos e aos novos agricultores —velando pola igualdade de xénero no acceso— á hora de adquirir e arrendar terreos agrícolas, “recorrendo aos dereitos preferentes en particular nun momento de crecente interese por parte de actores alleos á agricultura na adquisición das devanditas terras”.

A Eurocámara pediu aos Estados que outorguen “prioridade” aos pequenos e medianos produtores locais e aos novos agricultores á hora de adquirir e arrendar terreos agrícolas

O Comité Económico e Social Europeo (CESE) aprobou en xaneiro de 2015 un ditame titulado O acaparamento de terras: chamada de alerta a Europa e ameaza para a agricultura familiar, no que recomenda que en todos os Estados membros da UE se introduza un límite máximo de adquisición de terreos agrícolas para as persoas tanto físicas como xurídicas. Quen estea por baixo deste límite, debería dispoñer de dereitos preferentes.

taboa concentracion de terras na UE

Número e porcentaxe de explotacións con máis de 100 hectáreas de terreo por países

A política sobre o solo é competencia dos Estados membros, que poden impoñer restricións ás transaccións cando estea en xogo a seguridade enerxética ou alimentaria nacional ou cando exista un interese público superior que xustifique esas limitacións. Permítense as restricións para evitar a especulación, conservar as tradicións locais e garantir unha adecuada utilización da terra.

A xuízo do CESE, deberían concederse aos Estados membros máis posibilidades de regular os seus mercados de superficies agrícolas e establecer restricións para iso. Ao mesmo tempo, estas restricións limitan o principio establecido polos Tratados da libre circulación de mercadorías e capitais. “A este respecto, —di o CESE— cabe sinalar que os prezos das terras agrícolas e as rendas dos cidadáns dos Estados membros son moi diferentes, polo que é necesario dar unha resposta á cuestión de se a libre circulación de capitais e o libre mercado ofrecen as mesmas oportunidades a todos os cidadáns e persoas xurídicas á hora de adquirir terras”.

Libre circulación de capitais ou limitacións á adquisición de terras?

“A terra non é unha mercadoría calquera que pode fabricarse en grandes cantidades. A terra é un recurso limitado, polo que non deberían aplicárselle as habituais regras do mercado. A propiedade da terra e a utilización das superficies deben regularse máis estritamente”, considera o Comité Económico e Social Europeo, que pide ao Parlamento e ao Consello Europeos reflexionar sobre “se a libre circulación de capitais debe garantirse igualmente no caso do alleamento e adquisición de terras e explotacións agrícolas, en particular en relación con terceiros países, pero tamén dentro da UE”.

O mercado de terras agrícolas nos Estados membros da UE está regulado de formas moi distintas. Mentres que nalgúns países existen restricións, outros carecen delas, o que dá lugar a unha desigualdade entre países. Nalgúns Estados, todas as compras de superficies agrícolas requiren unha autorización oficial, independentemente do país de orixe do comprador. Este é o caso, por exemplo, de Francia, Alemaña e Suecia. Ao mesmo tempo, hai países como Hungría e Lituania nos que se fixaron límites máximos para as superficies agrícolas que poden obrar en poder dun único propietario.

En Francia, Alemaña e Suecia as compras de superficies agrícolas requiren dunha autorización oficial e países como Hungría e Lituania fixaron límites para a superficie que pode posuír un único propietario

En Francia, son as organizacións rexionais de planificación territorial rural (Sociétés d’Aménagement Foncier et d’Etablissement Rural, SAFER) as que regulan as transaccións de terras. As SAFER son organismos cuxa tarefa consiste en acompañar aos produtores agrarios, en especial aos novos agricultores, no proceso de reestruturación da propiedade da terra e en garantir a transparencia do mercado das propiedades rústicas.

En Suecia, as compras de terreos en zonas pouco poboadas requiren unha autorización. Á hora de conceder estas autorizacións, examínanse a formación ou a experiencia previa e ás veces tamén se esixe o requisito de que o comprador resida no terreo que adquiriu. En Suecia, só as persoas físicas poden adquirir superficies agrícolas.

En Bélxica, Italia e Francia os arrendatarios de superficies agrícolas ostentan un dereito preferente en caso de alleamento dos terreos

En Lituania, as persoas xurídicas están autorizadas a adquirir terras a condición de que polo menos o 50% da súa renda total proveña da actividade agraria. As persoas físicas e xurídicas nacionais poden posuír ata 500 hectáreas de terra.

Bulgaria prorrogou unha moratoria sobre a adquisición de terras de labor que expiraba o 22 de outubro de 2013, ampliándoa ata 2020, xa que recoñeceu o perigo inminente que se cernía sobre as superficies agrícolas do país, debido a que en Bulgaria o prezo das terras, pero tamén o poder adquisitivo dos agricultores, son moito máis baixos que nos países máis prósperos da UE.

Compras encubertas e mediante homes de palla

En Europa está a producirse unha transformación da propiedade, aínda que a opacidade existente non permite moitas veces ver o fenómeno en toda a súa magnitude. “Non todas as operacións de compravenda se rexistran e as transaccións de superficies entre persoas xurídicas non adoitan ser suficientemente transparentes, por exemplo, no caso das adquisicións realizadas por empresas filiais e asociadas”, recoñece o Comité Económico e Social Europeo no seu ditame de xaneiro de 2015.

O acaparamiento de terras na Unión Europea concéntrase nos países do Leste, con clara preferencia do investimento directo estranxeiro por Romanía, Bulgaria, Hungría e Polonia, segundo o estudo Acaparamento de terras na UE, elaborado tamén en 2015 polo Transnational Institute a solicitude da Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo.

Os principais actores implicados nesta actividade son grandes grupos de bancos, fondos de seguros ou empresas de capital privado, que controlan unha parte cada vez máis crecente das terras agrícolas europeas e aparece así unha nova categoría de investidores, non ligados tradicionalmente ao sector primario, que, baixo a consigna da diversificación, crearon fondos especializados de investimento agrícola para diversificar os seus riscos.

O acaparamiento de terras na Unión Europea concéntrase nos países do Leste. En países como Bulgaria o sector agrario ten recibido investimentos estranxeiros procedentes de China, Kuwait, Qatar, Arabia Saudita, Emiratos Árabes Unidos e Israel nos últimos anos

Grandes empresas agroalimentarias, con capital procedente de todo o mundo, empezáronse a asentar en Europa. En países como Bulgaria o sector agrario ten recibido investimentos estranxeiros procedentes de China, Kuwait, Qatar, Arabia Saudita, Emiratos Árabes Unidos e Israel nos últimos anos.

O estudo sinala que non hai estatísticas oficiais sobre a propiedade estranxeira das terras agrícolas, pero en Romanía estímase que máis do 10% está en mans de investidores de fóra da UE e entre un 20% e un 30% adicional está controlado por empresas doutros países da UE.

A UE abriu procedementos de infracción a países como Hungría polos denominados pocket contract, un tipo de transacción que roza a ilegalidade e que supón que terras agrícolas a nome de cidadáns húngaros son, na práctica, propiedade de estranxeiros. Tendo en conta eses contratos, estímase que un millón de hectáreas (o 15% da superficie agrícola húngara) estaría en mans de propietarios foráneos, principalmente, doutros Estados membros da UE.

Aínda que en Polonia os cidadáns estranxeiros non estaban autorizados a comprar terras ata maio de 2016, baixo unha fórmula parecida á utilizada en Hungría, a través de compradores substitutos (a compra faina un agricultor polaco quen máis tarde cede o control a compañías estranxeiras), antes de que finalizase esta prohibición, investidores neerlandeses, daneses, alemáns e británicos eran propietarios de polo menos 200.000 hectáreas na provincia polaca de Pomerania do Oeste.

Prezos que se disparan

A consecuencia destes movementos de compra masiva de terras é o seu encarecemento. Trala unificación de Alemaña, no territorio da antiga RDA disolvéronse as cooperativas de produción agrícola e moitas desas terras foron compradas por empresas do oeste, incrementando os prezos, que chegaron a dobrarse. En Irlanda, que incrementou notablemente a súa produción láctea nos últimos anos cun sistema baseado no pastoreo, o prezo das terras multiplicouse por cinco desde o ano 2000. Entre o 2000 e o 2009 os prezos incrementáronse en Dinamarca un 151%, en Romanía un 150%, en Bulgaria un 116% e en Lituania un 230%. En España o prezo das terras de cultivo é 10 veces máis alto que en Polonia, por exemplo.

grafico prezos da terra na UE

Prezos da terra nos distintos países en euros por hectárea

Na rexión francesa de Bordeus compradores chineses adquiriron 100 adegas de viños e en Sardeña compañías con capital deste mesmo país compraron terras para a construción de campos de produción de enerxía solar, multiplicando os prezos da terra na rexión por tres.

Un exemplo significativo das consecuencias das adquisicións de terras é Escocia, onde hai 200 anos unha área do tamaño dos Países Baixos dividiuse en unidades de entre 8.000 e 20.000 hectáreas, que se venderon a investidores. Neste territorio residían entre 1,5 e 2 millóns de persoas. A día de hoxe este terreo está despoboado por mor da agricultura industrial. O Parlamento escocés traballa actualmente nun proxecto para repoboar a zona, pero isto é considerablemente máis custoso que se o modelo de agricultura baseado nas pequenas explotacións se tivese mantido.

Outros exemplos permiten entrever a magnitude da concentración produtiva en Europa: en Romanía as maiores explotacións agrícolas xestionan aproximadamente 65.000 hectáreas, mentres que en Estonia a maior granxa leiteira ten máis de 3.000 vacas.

Especulación e acaparamento de terras en Europa

A FAO advirte da “crecente competencia pola terra e a auga”. Máis ou menos, a cada habitante do planeta correspóndenlle 2.000 m2 de terras agrícolas. As superficies aptas para a agricultura están repartidas entre os habitantes de forma moi diferente segundo os países, polo que algúns Estados tentan aumentar esa proporción de terras mediante adquisicións noutros países.

Este acaparamiento de terras concéntrase en gran medida en África, América do Sur e outras rexións, incluídas algunhas zonas de Europa, nas que a terra é relativamente barata en comparación cos países desenvolvidos e a media mundial. A maioría dos investidores proceden de China, a India, Corea do Sur, Exipto, os Estados do Golfo, Brasil e Sudáfrica, aínda que algúns deles tamén son orixinarios de EEUU e os Estados membros da UE.

Estes procesos tamén teñen lugar dentro de Europa, onde o acaparamiento de terras agrícolas ten lugar especialmente nos países de Europa Central e Oriental. O informe da Comisión de Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo do ano 2017 alerta a respecto da concentración de terras agrícolas na UE e fai unha serie de recomendacións para facilitar o acceso dos agricultores á terra.

“Aínda que o nivel dos prezos das terras agrícolas nos Estados membros da Unión é desigual, a concentración de terras segue avanzando dun modo constante en toda Europa e, con iso, as repercusións negativas para os agricultores. O alcance e o ritmo de concentración de terras son alarmantes, especialmente en países como Romanía, Hungría e Bulgaria. Con todo, mesmo en Alemaña, Italia ou España, non resultan descoñecidas estas situacións”, indica.

O 1% das compañias agrícolas controla o 20% das terras de cultivo da UE e o 3% controla o 50%, un grao de concentración que se sitúa ao nivel de países como Brasil, Colombia e Filipinas

O grao de concentración das terras agrícolas en Europa e o desequilibrio na utilización da terra na Unión sitúase ao nivel de países como Brasil, Colombia e Filipinas, onde se dá unha distribución desigual da propiedade da terra. “A venda de superficies a investidores e holdings non agrarios é un problema urxente no conxunto da UE e que, tras o fin das moratorias que limitaban a venda de chan a estranxeiros, particularmente os novos Estados membros vense sometidos a unha presión especialmente forte para modificar as súas lexislacións, xa que os prezos do chan relativamente baixos aceleraron a venda de superficies agrícolas a grandes investidores”, asegura a Eurocámara.

Concentración da terra en mans dos grandes perceptores da PAC

En 2013, só o 3,1% das explotacións da Europa dos Vintesete controlaba o 52,2% da superficie cultivable europea e, pola contra, o 76,2% das explotacións dispoñían unicamente do 11,2% das terras agrícolas. “Esta situación é contraria ao modelo europeo dunha agricultura sostible, multifuncional e caracterizada por explotacións agrícolas familiares”, afirma o Parlamento Europeo, que asegura que “esta distribución desigual da superficie agrícola corresponde a unha distribución desigual das subvencións da PAC, dado que os pagos directos, que constitúen a maior parte do gasto da PAC, realízanse principalmente por hectárea”.

taboa descenso granxas familiares na UE

Evolución do número de pequenas explotacións (de menos de 10 hectáreas) nos distintos países

En España, o 1,3% dos perceptores da PAC recibe o 23,4% do diñeiro total das axudas que chegan desde Bruxelas. Percepción de axudas e posesión de terras son dous factores relacionados e que ademais se retroalimentan.

O pago único por superficie no marco do primeiro alicerce da PAC favorece a adquisición de terras por parte dos grandes produtores, principais perceptores das axudas

O Comité Económico e Social Europeo (CESE) advirte no seu ditame de 2015 de que “a concentración de terras agrícolas conduce a unha concentración das axudas da PAC” e á súa vez de que “unha razón da concentración de terras en Europa é o pago único por superficie no marco do primeiro alicerce da PAC, xa que proporciona aos grandes produtores unha maior capacidade económica e, por conseguinte, vantaxes e máis capital para seguir adquirindo terras”.

Investidores alleos á agricultura e especuladores financeiros

Para o Europarlamento, “os pagos directos da PAC atraen cara ao negocio da terra a fondos de pensións e compañías de seguros que están a adquirir terras cultivables en cantidades alarmantes”. “As causas da concentración de terras na Unión son variadas. Así, debido á crecente demanda de alimentos, pensos, materias primas renovables para os combustibles e as industrias química e téxtil, e fontes de enerxía non fósiles, a adquisición de terreos atópase entre as opcións de investimento e de obtención de beneficios mellores e máis seguras para investidores de todo o mundo. Así pois, dado que a adquisición de superficies agrícolas considérase un investimento seguro en moitos Estados membros, especialmente desde que estalou a crise económica e financeira de 2007, investidores alleos á agricultura e especuladores financeiros, como fondos de pensións, compañías de seguros e empresas, están a adquirir terras cultivables en cantidades alarmantes. Unha das consecuencias deste feito é a transferencia dos beneficios e das tributacións do espazo rural ás sedes das grandes empresas e o seu modelo empresarial adoita caracterizarse por estar máis interesado na especulación coa terra que na produción agrícola”, asegura o Parlamento europeo no seu informe de 2017.

Capitais financieiros alleos ao sector do agro están a comprar terras e incrementando a especulación sobre elas. Os novos donos van desde bancos a fondos de investimento e de pensións

Tanto en Europa como no resto do mundo, o chan agrícola volveuse un obxecto de especulación financeira e o valor deste desprazouse do que é o seu uso orixinal. Capitais financeiros especulan coa terra para gañar rendas co seu aluguer, co seu valor ambiental (ao cobrar axudas destinadas a reducir a emisión de dióxido de carbono ou mediante a produción de enerxía renovable), e a través da explotación dos recursos naturais do terreo (auga e biodiversidade)”, recolle o estudo titulado Acaparamento de terras na UE, elaborado en 2015 polo Transnational Institute (TNI) a solicitude da Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo.

Competencia entre produción de alimentos e de biocombustibles

Ademais, indica, “algunhas das políticas e subvencións da Unión apoian os esforzos expansionistas de explotacións agrícolas ou atraen a investidores alleos á agricultura cara ao negocio da terra. Por exemplo, os pagos directos por superficie favorecen de forma unilateral ás grandes explotacións. Xeran o mesmo efecto os programas de axuda da Unión ou dos Estados membros que, por exemplo, fomentan as fontes de enerxía non fósiles e, con iso, a competencia polo chan. A demanda de alimentos e forraxe, de enerxías non fósiles e de materias primas renovables para as industrias de carburantes, química e téxtil e para a bioeconomía crece constantemente e con ela tamén o prezo do chan”.

Debido ao incremento da demanda de materias primas renovables, en moitos lugares os cultivos enerxéticos están a competir pola terra coas producións agrícolas. En Inglaterra, por exemplo a produción de variedades de millo para biogás ocupa unhas 100.000 hectáreas de superficie. “No que respecta ao uso das superficies agrícolas, a produción de alimentos debería ter prioridade sobre os biocarburantes”, asegura o CESE.

En España a concentración da distribución fixo que 6 cadeas de supermercados (Mercadona, Carrefour, Día, Eroski, Lidl e Auchan) controlen o 70% do mercado de alimentos

Tamén se incrementa a demanda de alimentos a nivel global, polo aumento da poboación mundial e a mellora do poder adquisitivo familiar en amplas clases sociais dos países emerxentes. Con todo, a Eurocámara indica que “a elevada concentración de poder en sectores do mercado alimentario da Unión podería afectar negativamente aos dereitos dos consumidores e reducir os ingresos dos agricultores”.

En España, por exemplo, a concentración da distribución fixo que 6 cadeas de supermercados (Mercadona, Carrefour, Día, Eroski, Lidl e Auchan) controlen o 70% do mercado de alimentos. A situación é similar na maioría de países da UE. En Alemaña, as 4 principais cadeas de distribución (Aldi, Lidl, Edeka e Rewe) representan o 85% do mercado.

Radiografía da situación da superficie agraria en Galicia:

(I) Onde foron parar máis de 150.000 hectáreas de terras produtivas en Galicia nas últimas décadas?

(II) A polarización no uso da terra: intensificación nunhas zonas e abandono noutras

(III) A presión do eucalipto sobre a superficie agrícola: 240.000 hectáreas plantadas desde a entrada na UE

(IV) Case un terzo do territorio galego está a mato ou abandonado

(VI) Tres leis en só 15 anos contra o problema endémico do minifundio

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información