
Uziel, coas vacas da súa granxa de leite perto de Leiria, a carón de onde ten o viveiro de plantas para horta
Agricultura e gandería conviven en Monte Redondo (Leiria), onde se producen máis de 3 millóns de litros de leite ao ano e 150 millóns de plantas para horta. A explotación leiteira e os invernadoiros comparten espazo e aproveitan sinerxías, como unha pranta de biometano en común.
O creador das dúas empresas é o enxeñeiro agrónomo Uziel de Carvalho, que fai 40 anos comezou en paralelo coas dúas actividades. “Na familia non había tradición de animais e cando acabei os estudos e unha estancia formativa en Francia empecei coa granxa con 25 vacas de leite. Tres anos despois comecei cos semilleiros de plantas e desde entón as dúas actividades foron medrando á par”, relata.
A explotación leiteira está estabilizada na actualidade, logo da instalación de robots de muxido, arredor das 300 vacas en produción, que é tamén a capacidade forraxeira coa que contan na superficie agraria que manexan, unhas 160 hectáreas.
As dúas actividades, granxa de leite e viveiro hortícola, foron medrando á par
Teñen instalados na actualidade 5 robots de muxido e teñen previsto montar dous máis até completar a capacidade total das instalacións, unhas 320 vacas en produción. “Non me interesa medrar máis”, afirma Uziel.
Prantas e animais híbridos

Esta granxa foi das primeiras en apostar polo método de cruzamentos Procross en Portugal
Uziel de Carvalho é unha persoa formada e aberta aos cambios e foi a finais dos anos 90 o primeiro gandeiro en Portugal en utilizar embrións sexados na súa granxa e máis tarde tamén dos primeiros que se lanzaron a cruzar as súas vacas frisonas, fai xa máis de 10 anos.
Naquel momento a presión en contra era moita e había que ter unha forte personalidade para facelo. “Eu tíñao claro, porque todas as sementes que mercamos para o viveiro son híbridas e isto era aplicar esa mesma filosofía ao gando”, razoa.
A granxa de Uziel de Carvalho xa fora no seu día a primeira de todo Portugal en utilizar embrións
“Buscabamos mellorar basicamente a resistencia a enfermidades e os problemas de patas e obter maior valor das vacas que van ao matadoiro. Fai uns 15 anos fixeramos unha visita aos EEUU, ás primeiras granxas que estaban a implementar alí o sistema Procross de cruzamentos e gustoume o que eu vin alí. Ese foi o motivo principal para replicalo aquí na nosa granxa”, lembra.
Seme sexado
Até o momento nesta granxa inseminaban a maioría das vacas con seme sexado, xa que até precisaban recría para medrar pero a partir de agora tan só porán seme sexado nas xovencas, nas primeirizas e nas mellores vacas.
De media nas vacas a primeira inseminación tralo parto prodúcese aos 67 días, empregando 2,8 doses por vaca preñada na media do rabaño, reducíndose a dúas doses nas xovencas, que están a parir neste momento aos 24,3 meses de idade. “Economicamente é interesante adiantar o primeiro parto, aínda que a produción nesa primeira lactación sexa un pouco menor, pero desde que cambiamos o sistema de aleitar as xatas temos primeirizas con picos de lactación de 47 litros”, asegura.
Economicamente é interesante adiantar o primeiro parto, aínda que a produción nesa primeira lactación sexa un pouco menor
A media de produción da granxa oscila entre os 39 e os 37 litros por vaca e día, debido a unha baixada media de 2 litros no verán pola suba das temperaturas, con porcentaxes de graxa do 3,51% e de proteína do 3,2%. Neste momento entregan o leite á cooperativa Lacticoop despois de vendelo durante anos a Puleva con destino a España.
Uso das vacas de baixa produción como nodrizas para a recría

Antes do secado ou de ser descartadas, as vacas exercen de nodrizas para os becerros de recría
Ademais dos robots de muxido, instalados no ano 2018, Uziel optou tamén no seu momento por automatizar o aleitamento das becerras de recría, mediante o uso de amamantadoras. Sen embargo, na actualidade optaron por desfacerse delas e volver a un sistema “máis natural” no que empregan as vacas de baixa produción que saen dos robots como nodrizas para as xatas.
“Foi a solución que pensamos para minimizar os problemas que tiñamos nas xatas de recría porque cando se acumulan moitas xatas na amamantadora dóbrase o traballo e triplícanse os problemas. O resultado foi moi bo, para min este sistema para mi ten moitas vantaxes, porque reduce as necesidades de man de obra, mellora moito os índices de conversión das becerras e supón un maior aproveitamento do gando en produción”, asegura.
Este sistema reduce moitísimo as necesidades de man de obra e, principalmente, os erros humanos
“No último tramo da lactación, previo ao secado, cando as vacas baixan a 23 ou 24 litros pasámolas a un parque no que están as becerras. Aí temos sempre 4 ou 5 vacas, en función do número de animais a amamantar, que van rotando a medida que imos secando vacas ou saíndo cara ao matadoiro”, explica.
As vacas acostuman pasar un mes como nodrizas antes de ser secadas aos 50 días antes do parto. A media é de 3 ou 4 xatas por vaca e as tenreiras gañan entre 820 e 900 gramos de peso por día. “Nunca logramos ter na amamantadora índices de conversión tan altos como os que temos aquí”, recoñece.
Nese lote de nodrizas van parar tamén vacas con coxeiras. “Cando unha vaca de produción ten un problema de patas e baixa por exemplo dos 28 litros nos robots, en vez de estar caendo nos patios e tendo que ir a buscalas para levalas ao robot a muxirse o que facemos é traelas para aquí para que se recuperen mentres amamantan ás xatas”, indica.
Mentres amamantan ás becerras, as vacas que descartamos gañan quilos para ir ao matadoiro, chegando a deixar 1.500 ou 1.600 euros
Traballan mediante rutinas, de maneira que unha vez por semana (os martes) a partir dos 70 días e en función do tamaño dos animais destetan xatas e xatos, xa que machos e femias están mesturados. “O que facemos simplemente é cambiar as xatas de lote e mandar a un cebadoiro os becerros, pois xa van de comer o penso e forraxe desde o inicio”, conta Uziel. “Unha vez por semana tamén secamos vacas”, engade.
Redución dos casos clínicos de mamites mediante a vacinación

As camas son de serrín e controlan a presenza de moscas no establo mediante loita biolóxica
Ademais de facilitar e simplificar o manexo do gando na granxa, este sistema tamén lles permitiu reducir de maneira drástica as enfermidades e a mortandade na recría, que pasou de máis do 15% a menos do 5%. “Reducimos o 99% do consumo de medicamentos nas becerras. As diarreas case non existen e pneumonías non hai ningunha. Só facemos vacinación das nais e das tenreiras nos primeiros días”, detalla.
O costro é mediante sonda; todas as xatas toman 4 litros con máis de 27 grados brix antes de vir para aquí
Para o lote de nodrizas van vacas coxas ou no final de lactación, pero non vacas enfermas. “Para aquí non veñen vacas con mamite”, exemplifica. “Unha das miñas dúbidas cando fai tres anos implantamos este sistema de nodrizas era se as vacas que viñeran para aquí no final da lactación non correrían o risco de coller mamites pero iso non acontece”, aclara.
“As mamites que nós temos son case todas ambientais, por e-coli e imos empezar a vacinar para reducir os casos clínicos”, conta. Fai anos tiveron un problema importante provocado por prototheca, unha alga sen clorofila que aparece nas camas do gando. “Provocaba problemas de mamites con descargas brutais pero a produción mantíñase e o leite non tiña características de mamite. Ese brote obrigounos a matar moitas vacas”, lembra.
Buscamos simplificar o manexo na granxa: unha vez por semana destetamos becerras e secamos vacas
Nas camas empregan serrín, “que cada vez é máis caro e máis difícil de conseguir”, asegura Uziel, e tamén compost feito a partir da fracción sólida do purín procedente da planta de biogás.
Coa chegada da calor a produción redúcíase de maneira importante, con baixadas de máis de 5 litros por vaca e día, polo que este verán instalaron aspersores para refrixerar o gando. “Notamos que de xuño a setembro os muxidos no robot danse máis pola noite e durante a mañá. Temos un sistema de tráfico forzado, de maneira que para pasar da zona das camas ao comedeiro as vacas teñen que pasar polo robot”, explica Uziel.
Rotación de millo con pradeiras de leguminosas
Na totalidade da superficie agraria da granxa labran millo en rotación con pradeira anual de gramíneas con leguminosas como un xeito de fixar nitróxeno ambiental mediante cultivos mellorantes.
En todas as súas prácticas apostan por solucións respectuosas desde o punto de vista ambiental. As fincas, por exemplo, están en produción integrada con mínimo laboreo e desde fai 6 anos non utilizan tampouco insecticidas na granxa, senón unicamente loita biolóxica contra as moscas.
Unha vez por mes de marzo a outubro introducen no establo unha mestura de predadores que colgan en botes na zona de cubículos e alimentación. Ese mix biolóxico está composto por unha especie de vespas, outra de moscas parásitas e un protozoo para as camas. “O custo é máis barato que o insecticida, e tiñamos que andar mudando todos os anos de materia activa porque deixaba de funcionar ao crearse resistencias”, di.
A instalación de robots de muxido mellora moito a cuestión da man de obra
Unha parte do traballo agrario fano eles mesmos e outra, como a sementeira e a recolección das forraxes, téñeno subcontratado por falta de man de obra “e no futuro será así”, recoñece. As vacas e as terras son atendidas por un total de 7 persoas.
Planta de biogás para tratar o purín

A planta de biogás é de fabricación caseira e ten unha potencia de 65 Kw
Contan cunha planta de biogás caseira feita por eles mesmos pero que traballa perfectamente. “Cando a montamos tampouco non había ningunha en Portugal funcionando, vai xa para 13 anos”, explica Uziel.
Contan cunha planta de biogás que funciona só con purín
A planta ten capacidade para tratar todo o purín que xera a granxa e unha potencia instalada de 65 Kw. Utilizan a produción de enerxía e de calor para a propia granxa (robots de muxido, iluminación) e para os invernadoiros (climatización, sistema de rega, maquinaria de semillado), xa que só para a granxa sobraría moita enerxía e até este mesmo ano non era posible en Portugal a venda á rede da produción eléctrica xerada.
Un dos viveiros hortícolas máis importantes de Portugal, especializado en produción de planta inxertada

Uziel, coa máquina automática de semillado que ten no viveiro
Germiplanta, o viveiro que Uziel de Carvalho puxo en marcha hai 40 anos en paralelo á granxa de vacas leiteiras, é hoxe un dos máis importantes de todo Portugal, exportando produto tamén a España.
Contan con cerca de 7 hectáreas totais de invernadoiros e 84 empregados, entre eles 7 camións propios para o reparto da planta por todo o país, que mesmo exportan tamén ás principais zonas produtoras de Andalucía, o Levante ou o sur de Galicia.
Serven directamente a agricultores de todo Portugal e teñen distribuidores que venden tamén en Galicia
“A maior parte da nosa produción é a demanda, é dicir, semillamos aquelas variedades que nos demandan os nosos clientes agricultores e nas cantidades que nos demandan. Despois tamén servimos a tendas agrícolas que actúan como revendedores e que teñen un pouco de todo”, explica.
Trátase dun viveiro de todo tipo de plantas hortícolas que produce tamén plantas ornamentais e aromáticas e algunha mediciñal. “Fomos dos primeiros en Portugal en facer planta forestal pero deixamos de facela porque hoxe hai moitos viveiros que a van e porque a planta forestal precisa estar moito tempo e ocupa moito espazo nas instalacións”, aclara Uziel.
Dispoñemos dunha máquina para semillar que nos permite diversificar moito as especies que cultivamos
Por iso preferiron abandonar a produción de árbores forestais e diversificar no sector da horta. “O noso viveiro é probablemente o que produce máis especies diferentes en todo Portugal grazas a que dispoñemos dun semillador automático que non precisa ser afinado para cada especie, o que nos permite cambiar dunha para outra con maior facilidade”, explica. “Esta máquina é o Ferrari que nunca tiven”, ri.
Empregan 6 tipos de bandexas diferentes en función da planta a sementar nelas. Cando regresan do campo ou das tendas e antes de ser reutilizadas, todas as bandexas son lavadas a alta presión durante 16 minutos a 80 grados e sometidas despois a un proceso de desinfección cun produto especial. “Deste xeito só o 1 ou 2% pasan con fusarium”, indica.
Inxerto de tomate, sandía, berenxena e pepino

O inxertado é un traballo manual que require de moita man de obra
O sector da horta está en crecemento hoxe en Portugal. “O que está medrando máis é a planta inxertada e nós somos un dos tres viveiros que fan planta inxertada en Portugal, probablemente o que máis produce en todo o país”, afirma Uziel.
Están centrados sobre todo en inxerto de tomate e sandía, e algo tamén de berenxena e pepino. “No tomate o 50% da planta que sae do viveiro é xa inxertada e a porcentaxe é cada vez maior”, destaca.
O inxertado incrementa moito o custo porque se precisan 2,2 plantas para facer unha
Pero a produción de variedades inxertadas incrementa moito o custo da planta, xa que se precisan dúas plantas para facer unha inxertada (unha para o patrón portainxertos e outra distinta para obter o inxerto), porque o traballo de inxertado é basicamente manual (“temos unha máquina automática de inxertado pero non é o mesmo que facelo á man, a súa efectividade é menor”, di) e porque o tempo que debe estar no viveiro é maior.
As plantas tardan en saír do viveiro entre 2 e 5 semanas, en función da especie e do tipo de bandexa, que depende tamén do método de plantación e dispoñen de dúas cámaras de xerminación diferentes.
Fan varias campañas de produción de planta dentro do mesmo ano. Comezan, por exemplo, facendo a primeira campaña de tomate inxertado no mes de novembro, logo a de melón e sandía e despois a segunda campaña de tomate en xuño.
Mellora da resistencia a fungos e da absorción de nutrientes
Mediante as plantas inxertadas lógranse especies máis resistentes aos fungos do solo. “Usamos un patrón que é resistente ás enfermidades do chan e inxertámolo cunha variedade máis produtora para combinar as dúas cousas, porque moitas veces as plantas máis produtoras, normalmente híbridos, son máis febles en termos radiculares”, explica Uziel.
A técnica do inxerto é a mesma que se facía hai anos para as froiteiras pero aplicado á horta
Grazas á mellora do sistema radicular da planta resultante lógrase tamén maior produción, dado que ten maior capacidade para aproveitar os nutrientes do solo. “Precísanse moitas menos plantas para producir a mesma cantidade de froito”, asegura.
“As doenzas do solo son o principal mal das plantas hortícolas e aínda que a planta inxertada non resiste como tal aos fungos aéreos, como o mildeu, unha planta forte e ben alimentada resiste mellor calquera tipo de enfermidade”, destaca.
Automatización e control das condicións ambientais

Cámara de xerminación, onde a temperatura, humidade e iluminación están controladas
O ambiente para que prospere o inxerto e minimizar o risco de que falle ten que estar máis controlado que nunha sementeira convencional. Nunha primeira fase está nunha cámara con luz artificial especial e con temperatura e humidade controladas.
Nos últimos anos fixeron fincapé na automatización dos invernadoiros, informatizando o máximo posible o control de temperaturas e humidades, así como o sistema de rego. “Temos pozos para extraer a auga necesaria para regar e os pívots de rego dos invernadoiros controlámolos a distancia desde o móbil”, contan.
Moitas das máquinas e sistemas que utilizan deséñanos e fabrícanos eles mesmos, como por exemplo as vagonetas para transportar as bandexas dentro dos invernadoiros ou o sistema de climatización dos invernadoiros.
Contan cun sistema propio de climatización por tubaxes de auga quente que mantén constante a temperatura da raíz da planta
“É unha das nosas particularidades. Mediante tubaxes de auga quente por abaixo e ventiladores de aire quente por arriba o que conseguimos é manter máis uniforme a temperatura en todo o invernadoiro. O máis importante para o crecemento da planta é a temperatura inferior, a da raíz, sumado a un sistema de nebulizadores para manter a humidade no ambiente”, explica.
Uziel ten xa ás súas dúas fillas traballando con el no viveiro e tamén a unha neta o que garante a continuidade da produción e o relevo xeracional na empresa, que produce 150 millóns de plantas ao ano entre convencional e ecolóxico, sumando inxertadas e sen inxertar.