A circulación de ciclistas, motos, quads ou todoterreos é habitual nos montes galegos, pero trátase de prácticas suxeitas a limitacións. A Lei de Montes de Galicia especifica no seu artigo 98 que as pistas forestais quedan adscritas á xestión forestal e que, en ningún caso, terán a consideración de “acceso rodado público”. A cuestión é que na práctica esa normativa ten un escaso grao de cumprimento
Hai cousa dun ano, a Asociación Forestal de Galicia e comunidades de montes do Baixo Miño emitiron senllas notas de prensa para pedir a intervención das forzas de seguridade ante a constante presenza de veículos a motor nos montes veciñais que, aseguraban, estaban a causar danos en camiños e plantacións. Naquel momento, o Seprona fixera controis na comarca, con denuncias a unha vintena de veículos, e tamén cobrara notoriedade meses despois un episodio similar que aparecía na serie televisiva ‘Seprona en Acción’, no que os axentes multaban a motos nun monte veciñal de Meis (Pontevedra).
“O uso recreativo de montes veciñais sempre foi un problema pola falta dunhas condicións na súa utilización, e ademais, agora durante a pandemia, incrementouse a actividade”, explica Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes.
Os colectivos forestais avogan por un control maior e por unha regulación clara. Segundo expresa Xosé Covelo, director técnico da Asociación Forestal de Galicia, “ten que haber unha convivencia entre o ocio no monte e os propietarios”. Na mesma medida, Xosé Alfredo Pereira comenta que “non se pretende prohibir o uso social do monte, todo o contrario, queremos que a xente use o monte, pero sen consecuencias civís e penais para os propietarios ou comunidades”.
Creación de grupos de traballo
A Organización Galega de Comunidades de Montes sinala que propuxo no penúltimo Consello Forestal a apertura dun grupo de traballo para a creación dunha normativa do uso socio-recreativo do monte. No grupo participará persoal técnico de diferentes asociacións ou entidades que conforman o Consello, “como o Colexio de Enxeñeiros, a Asociación Forestal de Galicia, Amigos da Terra ou a Asociación de Cabalos de Pura Raza Galega, entre outras”, especifica Pereira.
“A primeira reunión do grupo de traballo terá lugar proximamente, segundo o falado no último Consello Forestal, celebrado o 18 de xaneiro”, explica o presidente de Organización Galega de Comunidades de Montes. Segundo expresa Pereira, “este grupo traballará en conxunto co equipo xurídico da Consellería e a súa función céntrase en sentar as bases do que debe detallar a normativa”.
“O uso social dos montes é unha cuestión que estaba enriba da mesa desde fai tempo, sobre todo, pola necesidade de aclarar o marco no que se debe mover o uso social do monte, e centrar a normativa para informar dos termos cos que teñen que actuar as persoas que usan o monte, e así mesmo explicar os dereitos e deberes que cada unha das partes teñen nestes espazos”, explica Xosé Covelo.
“A finalidade do grupo de traballo é que estean diferentes asociacións do eido forestal, e concretamente dos propietarios dos montes afectados por esta realidade, para sentarnos con persoal técnico da Xunta e ver que aspectos lexislativos se poden mellorar”, avanza Covelo.
Por onde non se pode circular e pautas a seguir
A Lei de Montes de Galicia expón no seu artigo 98 que as pistas forestais son dependentes da xestión forestal, e en ningún caso terán consideración de acceso rodado público. Para realizar este acceso sería necesario un permiso por parte da propiedade do monte. Ademais, esta normativa rexistra a prohibición de circulación motorizada campo a través, por sendeiros, cortalumes ou vías de saca de madeira, agás para aqueles vehículos vinculados á xestión agroforestal, ou en xeral vehículos autorizados.
“O primeiro que temos que sinalar, como expón a lexislación, é que se pode circular -con autorización- polas pistas forestais, pero non campo a través nin monte a través”, afirma Xosé Covelo, que lembra que se trata de protexer valores naturais e ás veces tamén patrimoniais (petroglifos, castros, etc.).
Ademais, durante a tempada de verán, con risco de lumes, a Lei de Incendios limita a actividade circulatoria polo monte para “evitar calquera tipo de incidente que poida desencadear un incendio”, expón Covelo.
Entre as queixas habituais das comunidades de montes, Covelo apunta que “hai problemas froito das velocidades, dos derrapes, e dunha inadecuada circulación” aportando ademais que “existen ocasións nas que hai danos”.
Por este motivo, Covelo fai fincapé na necesidade de que as persoas que acceden ó monte circulen con sentido, solicitando unha autorización se é necesaria, facendo caso das sinais que hai no monte e chegando a un consenso para o uso das pistas forestais”. Así mesmo, o enxeñeiro recorda que “colocar carteis informativos, por parte das comunidades e outros elementos de sinalización danlle respaldo ás boas prácticas”.
Interesarme o monte galego
Menos regulación e mais conciencia