
O lodo é o residuo de decantación da depuración de augas. Sempre que hai depuración, hai un lodo. A depuración é sacar a materia orgánica, que vaia para o fondo mediante procesos químicos para que sexa máis fácil de sacar. Iso vale para as depuradoras urbanas e para as industriais. Coñecida a definición, falamos con especialistas galegos para ver que se está a facer e cal e a súa visión fronte a un elemento que non vai deixar de aumentar a súa presenza.
O profesor da Área de Produción Vexetal da Universidade de Santiago, Adolfo López Fabal, considera que os lodos son un recurso fertilizante abondoso e barato e que, previo tratamento, o seu destino deben ser os solos de cultivos extensivos, principalmente forraxes e cereais.
Antes de nada, cómpre aclarar que os lodos que se empregan en Galicia proceden de Estacións de Depuración de Augas Residuais (EDAR) ben de núcleos urbanos, ben de industrias. Por iso, a súa composición será diferente en función da súa procedencia, aínda que os seus usos van ser semellantes ou iguais.
Aplicación dos lodos
Sen entrar se se están a executar debidamente, Fabal cre que os protocolos de control son os necesarios. “As plantas que recollen e tratan os lodos están perfectamente reguladas e hai unha serie de mecanismos e protocolos que garanten o seu tratamento e a trazabilidade do que se fai con eles. Ignoro se no campo se están a controlar suficientemente, pero hai normas da Consellería de Medio Ambiente para que así sexa.”
Os lodos pódense xestionar en agricultura de dúas formas. A primeira sería usalos como materia prima para a fabricación de fertilizantes ou de emendas. Está suxeita ás diferentes lexislación sobre fabricación e uso de abonos, nomeadamente o RD 506/2013, e o produto final ten que cumprir unha serie de requisitos técnicos. Unha vez que o fabricante vende ese produto elaborado, a responsabilidade sobre o uso do mesmo pasa a recaer no comprador, como en calquera noutro produto fertilizante.
A segunda consiste no que se chama a “aplicación agrícola”, que ven sendo unha das operacións de valorización de residuos (R10) da Lei 7/2022 de residuos e solos contaminados. Nese caso o xestor que recolle os lodos debe aplicarlles un tratamento para mellorar as súas características, pero os requisitos relativos ao produto final son menores que os que se aplican cos fertilizantes elaborados.

López Fabal considera os lodos como un recurso fertilizante que pode ser moi útil
Neste segundo tipo de uso, os lodos só poden ir a parcelas que estean autorizadas. E o xestor ten que levar un rexistro das datas e cantidades de produto utilizadas. Ademais, periodicamente hai que presentar analíticas deses solos para comprobar que non se superan os límites de fósforo e de metais pesados. A responsabilidade sobre o residuo é sempre do xestor, aínda que terá que colaborar co agricultor en dúas fases.
Hai catro procesos principais para o tratamento de lodos que van ao campo: compostaxe, secado térmico, mestura con cal vivo e dixestión anaeróbia. Adolfo L. Fabal, USC
Os lodos de depuradora que se destinan a agricultura teñen que ser manexados por un xestor de residuos autorizado, que debe aplicarlles un tratamento para mellorar as súas características e reducir os riscos asociados ao seu uso. Hai catro procesos principais para iso:
– Compostaxe. Consiste na descomposición biolóxica aerobia da materia orgánica, que aumenta a temperatura do residuo e o hixieniza, dando un produto estable. Normalmente os lodos deben mesturarse con outros materias que dean a estrutura necesaria para permitir a entrada do aire, o que supón certo custe. Outros inconvenientes son o tempo e o espazo necesarios para o tratamento.
– Secado térmico. Consiste en utilizar calor para suprimir a humidade do residuo. Resulta caro porque ten un elevado custo enerxético, polo que a súa viabilidade depende do mercado e da regulación enerxética. Desenvolvéronse proxectos ligados a plantas de coxeneración, pero en xeral deixaron de ser viables pola redución dos incentivos fiscais.
– Mestura con cal vivo. O cal mata os patóxenos e reduce os cheiros. É un método barato e produto tratado serve para corrixir a acidez da terra, aínda que implica unha forte perda de nitróxeno en forma de amoníaco.
– Dixestión anaeróbia. É o proceso mediante o cal se produce biogás. O carbono extraído sae en forma de metano. Ás veces non abonda cos lodos e para que o proceso sexa eficiente hai que engadir outros compoñentes, como xurros ou material vexetal coma forraxes. Por eso provoca debate entre os gandeiros.
Hai que ter claro que os lodos non desaparecen coa produción de biogás. Os residuos sólidos e líquidos seguen aí, no chamado dixestato. E hai que xestionalo tamén, tendo en conta que pode seguir con presenza de metais pesados e antibióticos. Eso si, unha vez extraído o metano, considérase que xa houbo tratamento e pódese aplicar directamente na terra.
Unha vía alternativa de xestión dos lodos en solos non agrícolas é a fabricación de tecnosolos, que son solos artificiais obtidos maioritariamente de mestura de residuos e que se usan para rexenerar solos degradados como canteiras pechadas, desmontes, vertedoiros…neses sitios a aportación de nutrientes que supoñen os lodos pode ser de moito interese para a súa rexeneración.
A principal opción de uso non agrícola para os lodos é a aplicación en terreos degradados que prcisan ser rexenerados, os chamados tecnosolos.
Dende o traballo da administración pública, tamén hai dúas vertentes. As autorizacións de xestión do residuo e dos tratamentos concretos a aplicar outórgaas a Consellería de Medio Ambiente, que pode reclamar documentación, facer visitas puntuais e requirir calquera dato que estime necesario. No caso dos lodos tratados e convertidos en fertilizantes, a supervisión dese produto corresponderá a Consellería do Medio Rural. Na etiqueta dos fertilizantes deben constar tipo e características do produto.
Hai empresas no sector que consideran a lexislación galega moi restritiva. O profesor Fabal di que “o importante é que se reduzan ao máximo os patóxenos presentes nos lodos. E que se chegue a métodos de traballo que reduzan as lixiviacións e os cheiros que se producen. Cada comunidade autónoma ten as competencias sobre esta materia e pode exercer o control sobre os lodos. Deben analizar se a aplican con máis ou menos intensidade.”
Composición e manexo
O que está claro é que non se pode xeneralizar coa composición dos lodos. “Hai diferencias entre os miles de quilos de lodos que entran nas plantas de tratamento. Non é o mesmo o residuo da depuradora urbana de Vigo que o que procede dunha envasadora de leite ou dun matadoiro. Todos son materia orgánica fresca e fermentable, pero o contido de patóxenos, metais pesados e outros contaminantes fan que os riscos asociados sexan distintos e poidan requirir de métodos de tratamento diferenciados..”

Os lodos teñen moi diferentes procedencias e por tanto diferentes composicións
O contido de metais pesados que haxa nos lodos determinará se poden empregarse no solo ou non, e iso para calquera das modalidade de xestión. No caso de lodos con metais pesados por debaixo dos límites autorizados o uso no solo é prioritario, de cara a aproveitar a materia orgánica e os nutrientes segundo os principios da economía circular. Analíticas periódicas nas leiras permiten comprobar que os niveis non aumenten excesivamente pola acumulación co paso do tempo. O idóneo é non utilizar sempre o mesmo lodo e non aplicalos sempre nas mesmas parcelas. Se o contido de metais pesados estivera por riba dos límites autorizados para a aplicación ao solo as saídas posibles serían a valorización enerxética por incineración (a pesares do alto contido de auga) ou o vertedoiro.
Para evitar problemas de contaminación é preciso non utilizar sempre o mesmo tipo de lodo e non aplicalo sempre nas mesmas parcelas
Se a lexislación permite o uso agrario dos lodos, pero non contan con saída suficiente no territorio onde se producen, unha alternativa pode ser a súa exportación cara a zonas con demanda de materia orgánica e nutrientes a baixo prezo, como poden ser os países con agricultura e gandería emerxente do Mediterráneo sur. “Sobre todo terían que ser lodos xa procesados e convertidos en fertilizantes. Porque, sen tratar, precisarían dun permiso específico e o seu transporte sería pouco viable polo elevado peso, os cheiros e lixiviados.”
No que hai consenso é que os lodos, pola súa procedencia, van ter presenza de metais pesados, de antibióticos e outros contaminantes. “Nas augas residuais dunha industria láctea ou nun matadoiro sempre se van acabar nos lodos moitos menos metais pesados que nas dunha cidade ou dunha fábrica siderúrxica, pero algúns sempre aparecen. E cos antibióticos, medicamentos e outros contaminantes igual. Onde hai persoas e gando, hai antibióticos nalgún momento, por moito que se estea a tratar de limitar o seu uso.”
“A día de hoxe non hai constancia de que nin metais pesados nin antibióticos estean a chegar á aos alimentos cultivados nos solos. Nin procedentes dos lodos nin dos xurros. Os antibióticos e outros medicamentos son parte da lista dos chamados contaminantes emerxentes, cuxa acumulación no solo xera certa preocupación pero, insisto, a súa concentración é moi pequena e o solo ten unha capacidade depuradora e fixadora importante que limita moito a posibilidade de paso á cadea trófica. Máis problemática é a súa presenza na auga.
Custos e usos
Fabal asegura que o uso dos lodos aforra custos na fertilización, porque permite prescindir da compra de abonos químicos, que moitas veces hai que importar. Aínda co manexo e tratamento que requiren, sempre vai ser máis baratos que calquera produto químico.
Onde o profesor ve un problema é na mobilidade dos lodos. “Teñen moito peso debido ao grande contido de auga, polo que o transporte implica un gasto importante para o seu valor fertilizante. Na xestión dos lodos o mellor é a proximidade; que se empreguen o máis preto posible das plantas de produción.”
En canto a usos concretos, as forraxes, patacas e cereais semellan os máis acaídos. “Cultivos en superficies grandes, de valor económico limitado e que ocupan máis terreo en Galicia. Son solos que teñen unha perda importante de materia orgánica e iso pódese paliar co uso dos lodos. Ademais son cultivos capaces de absorber grandes cantidades de fertilizante e nos que a redución de custes é clave para a súa rendibilidade.”
O que está comprobado é que a aplicación de lodos nas leiras enterrados convenientemente non resulta atraínte para insectos e fungos. Caso distinto o transporte se fai en malas condicións ou, unha vez recibidos, se deixan acumulados durante demasiado tempo antes da aplicación. Nese caso si que apareceran organismos nocivos.
Conclusións
O profesor recoñece que “os lodos son complicados de xestionar dende todos os puntos de vista -legal, medioambiental, social…- pero tamén son unha importantísima fonte de materia orgánica e nutrientes que resultan necesarios para os cultivos dentro e fóra de Galicia. Non se debe perder a oportunidade de converter os residuos en recursos.
Por iso, continúa, “unha xestión racional e un adecuado manexo pasan por integrar os lodos no plan de fertilización dos cultivos, que permita a obtención de boas colleitas minimizando o impacto no medio. O destino prioritario dos lodos é a aplicación aos solos, principalmente de uso agrario e localizadamente en restauración como tecnosolos; de aí que teñamos que facer o mellor aproveitamento posible. Lembremos que en Galicia hai 900.000 hectáreas que están a mato. Se cadra os lodos poden axudar a reducir esa cifra poñendo superficie en produción a baixo custe.”
Os lodos son unha enorme fonte de materia orgánica e nutrientes da que non se debera prescindir nos cultivos dentro e fóra de Galicia
Para Fabal o debate sobre utilizar ou non os lodos é algo artificial, xa que non está nin no sector nin na sociedade. E tampouco cre que esteamos ante un dilema medioambiental. “Unha regulación e manexo rigorosos e un uso racional dos lodos minimiza os riscos. Por outro lado, a axenda da UE afonda neste tipo de prácticas de aproveitamento de residuos e máis se son de proximidade”. Sen esquecer que poden ser, que xa están sendo, unha fonte de creación de emprego e de riqueza para Galicia.
Fabal fai tamén un chamamento a non buscar un rendemento inmediato coa xestión dos lodos. “Ten que haber un tratamento que mellore as súas propiedades reducindo os seus problemas. Estes tratamentos son procesos biolóxicos ou químicos que requiren tempo e control para seren efectivos.
Posteriormente a aplicación ao campo ten que se axustar en época e dose aos requirimentos dos cultivos, como con calquera fertilizante. A boa xestión require non deixarse levar pola ganancia rápida nin ter présa por desfacerse dos lodos.”
Juan Castro, investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) especializado na xestión de solos considera que a utilización que se está a facer dos lodos en Galicia pode ser mellorada en moitos aspectos. Dende o legal ata o agronómico ou de trazabilidade. E cre que se trata dun problema urbano que está chegando ao rural sen moita xustificación.
Aspectos normativos
“Hai un baleiro legal que favorece que haxa un uso dos lodos pouco regulado. Non se sabe ao 100% que se está a facer con eles. Non existe un rexistro tan rigoroso como o dos xurros. O que está claro é que o lodo é un residuo. E en moitos países de Europa trátase como tal e prohíbese o seu uso agrario.”, di Castro
O investigador sinala que en España hai unha lexislación máis ben permisiva e eso facilita que haxa empresas que elaboran fertilizantes empregando xurros, silos en mal estado, restos de poda, cal…e tamén lodos. Pero cre que é un problema que non sexa obrigatorio levar un rexistro exhaustivo de como se fan e que se fai con eses fertilizantes que conteñen lodos.
Hai un baleiro legal que pode levar a que o emprego dos lodos non se faga de xeito correcto ou que non estea suficientemente controlado. Juan Castro, CIAM
A abondosa lexislación española e europea sobre fertilizantes esixe saber a composición exacta de todo o que levan. Tamén de se se empregan lodos na súa fabricación ou residuos de lodos que pasaran por plantas de biogás.
“Eu participei na elaboración do decreto 125/2012 que regulaba a utilización de lodos en usos agrarios. Vemos que ninguén se está a rexer polo que se establecía nesa norma porque quedan ocos legais. Por eso non está clara a situación actual en Galicia, non hai suficientes rexistros.”

Castro sinala que a normativa sobre xurros é máis estrita e completa que a dos lodos
Nese sentido, lembra que o decreto 1051/2022 de nutrición sustentable do solo si que obriga a ter eses rexistros de cara a PAC. Hai que apuntar parcela a parcela canto se bota, con que composición, en que datas…”Tampouco axuda o feito de que a Consellería do Medio Rural sexa a responsable de velar polo aspecto da fertilización e a de Medio Ambiente a do cumprimento do uso dos lodos. Eso crea unha indefinición xurídica que pode ser negativa, como mínimo, no aspecto da trazabilidade.”
Problemas por exceso de fósforo
Un dos principais aspectos nos que incide Castro é no da excesiva presenza de fósforo nos lodos. “Nos últimos tempos fálase moito en Galicia de eutrofización dos encoros e acuíferos. Tense detectado exceso de fósforo. Os lodos teñen un alto contido en fósforo e é lóxico pensar que a súa utilización en zonas lindeiras cos acuíferos pode acentuar esa eutrofización. Non só é un problema o exceso de nitratos en zonas como A Limia ou o Deza, tamén o exceso de fósforo.”
O alto contido en fósforo que teñen os lodos pode agravar os problemas de eutrofización que xa hai en acuíferos galegos
Un dato relevante, explica o investigador, é que Galicia é a segunda comunidade autónoma con máis desequilibrio en canto a presenza de fósforo nos solos, tan só superada por Cataluña. Segundo di, estanse a aplicar por hectárea 15,4 quilos máis de fósforo dos realmente necesarios.
Eso si, os lodos non serían a única causa dese excesivo fósforo. A modificación da dieta das vacas -que nos anos 80 comían principalmente herba e agora sobre todo concentrados- explicaría por que os residuos das vacas son cada vez máis semellantes en contido aos dos porcos.
Metais pesados e outros contaminantes
Respecto dos metais pesados, o investigador do CIAM opina que son só unha parte do problema da composición dos lodos. “Tamén conteñen antibióticos, hormonas, plásticos e contaminantes emerxentes. Todo eso é algo que prexudica a saúde dos solos, que é algo que debemos preservar por riba de todo. Por unha cuestión de soberanía alimentaria. A Superficie Agraria Útil (SAU) galega é das máis reducidas de España e baixa cada ano. Se por riba atacamos a súa salubridade teremos un serio problema.”
Con todo, Castro lembra que xa se está a traballar en normativas para que os núcleos de máis de 120.000 habitantes teñan que eliminar eses contaminantes dos lodos antes de sacalos das depuradoras. Pero, di, os tratamentos poderían incorporar nos lodos tratados contaminantes emerxentes que serían igual de nocivos. Haberá que realizar análises moi rigorosos, pois.
Antes de utilizar os lodos temos que valorar o impacto que poden ter nos solos os metais pesados e outros contaminantes que van na súa composición
Tamén os núcleos de máis de 10.000 habitantes que estean en zonas de especial vulnerabilidade van ter que facer un tratamento dos lodos para restarlles contaminantes, di Castro. E, nesa liña, apunta que “sería preciso analizar os problemas de eutrofización e nitratos que hai en zonas sen carga gandeira. Porque permitiría saber se se están empregando lodos e en que cantidades.”
Por outro lado, eses tratamentos cuaternarios que se van facer nas depuradoras para rebaixar os niveis de contaminantes dos lodos son altamente sofisticados e teñen un custo elevado. Os concellos terán que facer un importante esforzo económico para poder levalos adíante.
Biogás e usos alternativos
En Europa, sobre todo en Alemania e Italia, hai cada vez máis plantas de produción de biogás. Pero esas plantas empregan xurros e restos de forraxes ou de silvicultura, nunca se permite empregar lodos. E é que o dixestato que queda logo de producir o biogás segue contendo os contaminantes que xa levaban os lodos, en caso de usalos na mestura.

O emprego dos lodos para a produción de biogás tamén é causa de debate normativo
Castro opina que as plantas de biogás non son a solución para o problema dos lodos. “Si que sería interesante aproveitar a produción de metano e a conseguinte de electricidade. Pero o problema seguiría estando aí porque o que queda logo da produción ten os mesmos compoñentes. O único que se faría sería introducir un paso intermedio e a posible contaminación non desaparecería.”
As plantas de biogás danlle valor os lodos, pero o residuo segue presente e hai que analizalo a fondo antes de empregalo
Se a utilización de lodos sería beneficiosa para recuperar para a produción agraria parte das 900.000 hectáreas de terra galega que están a mato, Castro amósase escéptico. “Hai unha importante dificultade de transporte. E habería que descartar moitas zonas pola súa proximidade cos acuíferos. Non esquezamos que o trazado de perímetros de protección de acuíferos é algo que está pendente en Galicia. Se xa hai dificultades para levar xurros a zonas de mato, cos lodos serían maiores.”
Tamén ve un contrasentido en que se estea a apostar polo emprego de bioestimulantes en todos os sectores agrícolas e que, ao mesmo tempo, se poida facilitar o uso de lodos. “Os lodos son todo o contrario dos bioestimulantes, anulan o seu efecto. Boa parte dos compoñentes dos lodos son disruptores endocrinos que en nada axudan os solos.”
Conclusións
Juan Castro conclúe que para o enorme problema que teñen nas cidades e industrias coa xestión dos lodos se está a recorrer á solución máis cómoda e barata: darlles un uso agrario. E lembra que ese uso tende a restrinxirse en toda a UE. “En España imos máis atrasados, pero hai que ter claro que o lodo é un residuo -aínda que sexa tratado previamente- e como tal debemos xestionalo.”
O investigador apunta que nas zonas rurais xa está a haber un problema de xestión de xurros como para engadirlle o de ter que facerse cargo dun residuo que nin sequera se produce no campo e que semella estar pouco controlado.
Os lodos son un problema urbano e, para resolvelo, estase a recorrer á solución máis cómoda, que é mandalo para o rural
Castro avoga por, a curto prazo, desenvolver un marco legal que permita aplicar nos lodos os mesmos controis ou mesmo superiores que os que se aplican cos fertilizantes. Cunha total trazabilidade, sabendo a súa procendencia, onde se almacean, como se transportan, onde se depositan, en que datas e en que cantidades. E cunhas analíticas periódicas dos solos onde se aplican.

Mapa de rexistro de aplicación de lodos en España en 2022 e 2023
“E sempre hai que ter en conta que o uso continuado dos lodos nas mesmas parcelas conduce a acumulacións perigosas de metais pesados, antibióticos, hormonas…En Galicia debemos aproveitar a oportunidade de optar pola economía circular e que as explotacións gandeiras fertilicen co seu propio xurro ou co que consigan na contorna, sen necesidade de acudir aos lodos.”, insiste.
Castro detecta un conflito máis profundo entre dúas filosofías regulatorias: unha centrada na utilidade e a outra na precaución. “A pregunta fundamental subxacente a isto é: en que punto o dano potencial dos contaminantes presentes nun “recurso” supera os beneficios da súa reutilización? Os marcos legais español e europeo, ao ofrecer respostas diferentes, revelan unha lagoa na aplicación práctica dos principios da economía circular.”
E alude a presións diferentes que están a condicionar todo o que ten que ver cos lodos e a súa aplicación:
– Presión científica: A acumulación de evidencias sobre os efectos nocivos dos contaminantes emerxentes fará que sexa cada vez máis difícil xustificar a inacción regulatoria.
– Presión do mercado: Espérase que os grandes distribuidores e consumidores de alimentos esixan maiores garantías con respecto á seguridade da cadea de produción, o que podería discriminar os produtos cultivados en solos tratados con lodos.
– Presión social e política: A crecente concienciación pública sobre a contaminación por plásticos e produtos químicos exercerá presión sobre os responsables políticos para que adopten estándares máis estritos, aliñando as normativas nacionais co punto de referencia europeo.
Segundo o investigador do CIAM, o futuro apunta a unha converxencia forzada co estándar de precaución da UE. A cuestión non é se haberá que actualizar a normativa española, senón cando e como se xestionará a transición para minimizar o impacto económico nos concellos e no sector agrícola.
Galego








Control OJD