Uso correcto do ácido oxálico contra a varroa

O investigador italiano Antoni Nanetti defende a utilización do método por goteo con enxaulado previo da raíña para garantir a eficacia do tratamento en ausencia de cría

Antonio Nanetti, durante su intervención en las jornadas organizadas por la Agrupación Apícola de Galicia

Antonio Nanetti, durante a súa intervención nas xornadas organizadas pola Agrupación Apícola de Galicia

Antonio Nanetti é investigador del Centro de Agricultura e Ambiente de Bolonia (CREA) un organismo público herdeiro da tradición do Instituto Nacional de Apicultura, toda unha institución en Italia con case 100 anos de apoio ao sector apícola.

Antonio foi pioneiro no uso do ácido oxálico fronte á varroa a finais dos anos 90, como alternativa aos problemas de resistencia xerados polos tratamentos empregados daquela. Recentemente participou en Ourense en diversos actos, entre eles unha conferencia impartida na sede da Agrupación Apícola de Galicia en Barbadás sobre como usar correctamente o ácido oxálico por goteo.

“O ácido oxálico funciona e non hai diferenza de eficacia entre aplicar o tratamento sublimado ou por goteo”, asegura. “As condicións de Galicia e do norte de Italia son parecidas e en Italia moitos apicultores tratan unicamente con ácido oxálico, realizando dous tratamentos, un no inverno e outro no verán, coa única condición de que non haxa cría, encerrando á raíña para logralo. Deste modo minimizan as perdas ao nivel do 2-5% das colonias, que é unha mortaldade equiparable á natural”, asegura.

En Italia moitos apicultores tratan unicamente con ácido oxálico e logran minimizar a perda de colmeas a un nivel de entre o 2 e o 5%

O ácido oxálico é maioritario nestes momentos en Italia fronte a outros tratamentos comerciais que utilizan como principio activo o amitraz, aínda que hai apicultores que fan un uso mixto: tratamento con ácido oxálico no inverno, aproveitando o parón natural na posta, e con amitraz no verán para non ter que encerrar á raíña. Pero Antonio asegura que “a xente nova en Italia que se incorpora á apicultura entra dando por sentado o enxaulado e o tratamento con ácido oxálico dúas veces ao ano”.

Como actúa o ácido oxálico contra a varroa?

VARROA_ABELLASO ácido oxálico (H2C2O4) é un composto natural que se atopa de forma biolóxica en moitos organismos vexetais e en alimentos como as espinacas ou o ruibarbo. “É un composto compatible coa apicultura ecolóxica, porque se atopa na nosa dieta”, explica Antonio.

É a forma máis pura de ácido orgánico que podemos atopar en forma ácida e lígase quimicamente ao calcio de maneira moi forte. “A varroa non soporta o contacto con compostos e solucións ácidas. Canto máis ácida é a solución, maior é a mortaldade”, asegura.

O baixo pH das solucións de ácido oxálico ten un efecto acaricida

O ácido oxálico é máis ácido ca o resto de ácidos orgánicos (cítrico, acético, propiónico, fórmico, tartárico, láctico), o que permite facer solucións extremadamente ácidas á mesma concentración ca os demais. “Non se pode conseguir unha acidez igual con ningún dos outros aínda que aumentemos a concentración”, explica.

O primeiro experimento con ácido oxálico realizouse no ano 1996 en Italia. “Fixemos dúas probas: cunha concentración do 4,2% tivemos unha eficacia do 96,8%, mentres que cunha concentración menor, do 2,1%, tivemos unha eficacia menor, do 89,5%. Iso díxonos que a concentración é importante”, asegura.

Levamos usando ácido oxálico 30 anos co mesmo nivel de eficacia, pero nada nos di que non poida aparecer resistencia no futuro

“Pensabamos que con compostos naturais era imposible conseguir valores de eficacia tan elevados. Estamos usando o ácido oxálico dende os anos 90. A eficacia mantense nos mesmos niveis dende entón, coa mesma eficacia orixinal. O ácido oxálico mantivo a súa eficacia durante 30 anos, pero nada nos asegura que no futuro non poidamos ter casos de farmacorresistencia, aínda que actualmente non temos ningún signo diso”, asevera.

Dende a chegada do ácaro Varroa destructor a Alemaña no ano 1977, lograr tratamentos eficaces que non creen resistencias foi unha das súas prioridades. “O fluvalinato tardou 5 anos en mostrar aparición de resistencia, o amitraz tardou un pouco máis e a flumetrina ten tamén problemas de farmacorresistencia”, enumera.

Doses e nivel de eficacia

acido oxalico varroa

O ácido oxálico por goteo úsase nunha concentración do 4,2%, mesturado nunha disolución con sacarosa ao 60%. A dose recomendada é de 5 ml por pana con abellas. Antonio recomenda aplicar en zigzag en sentido perpendicular aos panales e non no sentido no que están colocados. “Se aplicamos entre os cadros, nos ocos, se non hai abellas parte do produto pode caer e non aproveitarse. Da outra forma, parte do produto cae sobre as abellas e parte queda na madeira dos cadros e non se perde”, afirma.

A aplicación en colonias sen cría consegue a máxima eficacia, xa que o ácido oxálico actúa sobre as varroas foréticas, as que se atopan sobre as abellas, pero non sobre a varroa que está dentro das celas de cría operculada, ao igual que acontece con outros principios activos fronte á varroa como o amitraz.

Antonio insiste na importancia de lograr a concentración correcta de ácido oxálico nas disolucións porque, explica, “a acidez depende da concentración e tamén a eficacia, o que quere dicir que non todas as formulacións comerciais teñen a mesma eficacia”, advirte. “Hai que escoller as que levan esa concentración do 4,2%, que son as concentracións máximas que se poden conseguir. Dos produtos comerciais cunha concentración do 3,5%, como Oxybee, esperamos eficacias máis baixas”, engade.

O importante no ácido oxálico non é a cantidade, senón a concentración. Dos produtos comerciais cunha concentración do 3,5% esperamos eficacias máis baixas

O ácido oxálico é o ácido dicarboxílico máis simple e atópase normalmente en forma de cristais dihidratos. Ese feito ten importancia á hora de facer as dilucións en auga porque afecta á concentración.

“Unha concentración máis baixa con doses máis altas non iguala a eficacia. O importante no ácido oxálico non é a cantidade, senón a concentración. Podemos dar unha cantidade un pouco inferior, pero hai que dar a concentración máxima”, argumenta.

En canto aos efectos secundarios, que pasa nas colonias se o apicultor aplica unha sobredose, por exemplo 15 ml/panal (tres veces máis do indicado)? “Conseguimos unha eficacia máis alta, próxima ao 100%, pero hai un despoboamento notable e significativo nesta colmea con sobredosificación”, advirte en base aos estudos e ensaios realizados. Non se aprecian, porén, diferenzas significativas a nivel de mortalidade de abellas entre as distintas concentracións aplicadas, pero si ao aumentar a dose recomendada por pana.

Temperatura de aplicación

A proba inicial realizada en 1996 fíxose a principios de novembro, coincidindo co veraniño de San Martiño. Ao ano seguinte realizouse a mesma proba en pleno inverno en datas diferentes entre principios de novembro e finais de decembro, cunha eficacia media do 98,1%, sen diferenzas significativas de eficacia malia condicións de temperatura moi diferentes (entre 1 e -9 graos de temperaturas nocturnas e entre 18 e 10 graos diúrnas). “Por tanto, non atopamos unha relación significativa entre temperatura e eficacia nin tampouco no grao de hibernación da colonia”, asegura Antonio.

Non hai ningunha relación entre a temperatura á que se aplica o tratamento, a eficacia e a tolerabilidade

En 2003 realizáronse ensaios con esta técnica e co mesmo método para ter resultados comparables noutros países (Finlandia, Noruega, Suecia, Alemaña, Suíza e Italia) dentro do Grupo Europeo para o Control Integrado da Varroa. “Usando o mesmo protocolo a eficacia mostrouse sempre superior ao 90%, malia as diferenzas de temperatura, así como diferenzas técnicas de tipo de colmea, manexo, tipo de abella”, indica.

A continuación, estudouse especificamente o tratamento con ácido oxálico en condicións de temperatura diferentes, concluíndo que “non hai ningunha relación entre a temperatura á que se aplica o tratamento, a eficacia e a tolerabilidade”.

O ácido oxálico funciona cando se atopa en forma de solución, non cando está en forma de cristal

“Non hai un límite de temperatura nin por abaixo nin por arriba no que o ácido oxálico deixe de funcionar ou non sexa tolerado polas abellas. As abellas son máis resistentes do que pensamos. No inverno en Italia aplicamos a mestura a temperatura ambiente, non quentamos a mestura. A temperatura de aplicación non afecta á eficacia sempre que non baixe tanto que se formen cristais”, aclara.

Azucre ou glicerol como excipiente

A humidade relativa interna das colonias inflúe no resultado de eficacia do tratamento con ácido oxálico. “O baixo valor da humidade relativa fai que a solución perda auga por evaporación e o ácido oxálico e o azucre cristalizan. O ácido oxálico funciona polas súas características de acidez, pero esa característica atopámola na solución, non en forma de cristal”, aclara Antonio.

Nunca vimos ás abellas comer a mestura aínda que a concentración de azucre é moi alta, do 60%, debido á acidez da mestura

“Baixo condicións de humidade relativa baixas a eficacia é menor porque rapidamente cristaliza. Por iso usamos azucre na disolución, porque o azucre é un composto hidroscópico que atrae auga. O azucre chupa do aire humidade ou, mellor dito, opónse á perda de auga da solución. Por iso o azucre estabiliza a solución”, indica.

Por iso, insiste, ao reducir á metade a concentración de azucre na solución perdemos eficacia. Nunha proba comparativa realizada en dous apiarios con 50 colmeas en Siena e Módena, nun usando unha concentración de ácido oxálico do 4,2% e no outro do 3,2% e concentracións de azucre ao 60% e 30% na mestura, comprobouse como os resultados de eficacia con menos azucre no excipiente (30%) fan descender a eficacia do tratamento ao 70,3% (fronte ao 87,7% da concentración orixinal ao 60%).

A mestura de ácido oxálico, auga e azucre hai que preparala e usala inmediatamente, non a podemos gardar durante días a temperatura ambiente porque se degrada e vólvese tóxica para as abellas

Pero o azucre ten unha particularidade que condiciona o modo de preparación e aplicación da mestura: “a sacarosa, o azucre convencional que temos na casa, degrádase en ambiente ácido. Partese en moléculas máis pequenas e vólvese de cor marrón, unha reacción similar a cando se queima, formándose HMF, que é tóxico para as abellas. A partir de 30 mg/kg de HMF xa atopamos sinais de toxicidade nas abellas, pero con niveis de 150 mg/kg provoca mortaldade. Por iso esa solución que preparamos hai que preparala e usala inmediatamente, non a podemos gardar durante días a temperatura ambiente”, advirte.

O glicerol permite preparar solucións estables no tempo

“Por iso comezamos a valorar outros excipientes alternativos ao azucre e o máis axeitado é o glicerol, que ten unha vantaxe enorme fronte ao azucre, xa que non se degrada coa acidez. O glicerol permite preparar solucións estables no tempo que se poden gardar”, afirma.

“Coa mesma concentración de ácido oxálico o glicerol usado como excipiente ao 10% logra a mesma eficacia que co azucre (sacarosa) ao 60%. A tolerabilidade por parte das abellas tamén é a mesma”, engade.

Enxaulado da raíña

CICLO_VARROA

En Italia, explica Antonio, na actualidade faise normalmente dous tratamentos con ácido oxálico fronte á varroa, un no inverno e outro no verán (en xullo), despois de enxaular a raíña. “En Italia empezouse a usar este método en 2008 e cada vez se está usando máis. Os apicultores que utilizan este método son os que minimizan a mortalidade o resto do ano. É un sistema moi eficaz, que permite que a colonia poida preparar as abellas invernais cunha infectación baixa, para que sexan abellas lonxevas”, asegura.

“A raíña enxaúlase a principios de xullo para que non poida poñer ovos e 25 días despois, a finais de xullo, ábrese e ese mesmo día tratamos por goteo coa mesma concentración e dose que no inverno (concentración ao 4,2% e dose de 5 ml/panal). Nese momento toda a cría naceu, mesmo a de abázcaro, e a varroa está exposta aos tratamentos. É importante que o enxaulado non sexa inferior a 25 días, porque nese caso hai unha redución da eficacia. Aos 18 días a eficacia é do 93,1%, aos 21 días do 97,5% e aos 25 días do 99%”, compara.

Enxaular a raíña non ten incidencia na cantidade de cría da colmea de cara ao momento da hibernación

“Enxaular a raíña non ten incidencia na cantidade de cría da colmea de cara ao momento da hibernación. Hai que adaptar as datas ás condicións locais, pero se se fai no mes de xullo a raíña ten tempo para recuperar a posta. A raíña empeza a poñer de forma normal a partir do día da súa liberación e a colonia recupera o tempo perdido. A pesar de estar no verán, despois do enxaulado, a raíña empeza a poñer dun modo parecido ao que se produce no desenvolvemento da colmea na primavera”, afirma.

Ademais, asegura que a pesar de que á colmea lle falta un ciclo de posta, non nota un efecto de despoboamento, porque as abellas que naceron neses 25 días mantéñense novas e viven máis tempo, suplindo así a falta desas abellas que terían nacido nese período.

“As abellas que naceron neses 25 días mantéñense fisioloxicamente novas, como se fosen abellas invernais, porque non tiveron que gastar as súas enerxías en alimentar a cría; son abellas que se manteñen novas (en estado de nodrizas máis tempo) e lonxevas”, di.

O enxaulado da raíña no verán aumenta o benestar da colonia e a produción de mel

Antonio describe os efectos positivos do enxaulado da raíña no verán: “a finais de agosto vemos cadros de posta con cría homoxénea, cera nova e abellas novas e sanas, con maior concentración de viteloxenina na hemolinfa, pola maior condición de benestar das abellas despois do enxaulado da raíña”.

“Non hai diferenzas significativas a nivel de número de abellas de cara ao inverno entre tratar con ácido oxálico enxaulando a raíña no verán ou con acaricidas sintéticos no outono e cando unha raíña aparece morta na gaiola non quere dicir que morrese polo enxaulado, senón que, sobre todo en raíñas vellas ou en malas condicións, pode morrer dentro da gaiola por causas naturais, igual que o faría se non estivese enxaulada”, argumenta. “Non atopamos relación estatística entre a duración do enxaulado e a proporción de raíñas mortas. É un sistema que non afecta á supervivencia das raíñas nin ao desenvolvemento posterior da colonia”, insiste.

Non hai alternativa ao enxaulado; os núcleos sanitarios provocan un desequilibrio enorme na colmea que non consegue recuperar

En Italia moitos apicultores están realizando o enxaulado tamén durante o inverno para conseguir a situación óptima de falta de cría que maximiza a eficacia do ácido oxálico. No inverno, o período de enxaulado é máis curto, de 23 días, xa que non hai abázcaros, polo que non hai que esperar 25 días.

“Non hai alternativa ao enxaulado. Retirar toda a cría de golpe para tratar, por exemplo facendo núcleos sanitarios, fai que a colmea despois non consiga recuperar o nivel de equilibrio e poboación necesaria de cara ao inverno”, defende.

Só o momento do tratamento ten que coincidir cun momento sen alzas, que se poden colocar ao día seguinte

En canto á produción de mel, esta non se ve prexudicada, senón ao contrario. En Italia realizan o tratamento no medio de dúas floracións importantes e o feito de que non haxa cría ao permanecer enxaulada a raíña fai que a colonia se centre en facer acopio de néctar, aumentando as entradas á colmea e, por tanto, as reservas de mel.

Aínda que se trata dun tratamento ecolóxico, no momento de realizar a aplicación por goteo, Antonio recomenda retirar momentaneamente as alzas. “En Italia despois da colleita de primavera hai un parón en xullo que permite facer o tratamento e moitos apicultores aproveitan para facer unha colleita de mel. Ao sacar as alzas conséguense tratamentos limpos e evitamos que poidan quedar residuos nas alzas. Pero só o momento do goteo ten que coincidir cun momento sen alzas, que se poden colocar xa ao día seguinte para que a colmea siga traballando”, afirma.

Tratamentos comerciais a base de ácido oxálico

Para rematar coa anarquía que había nas concentracións e aplicacións do ácido oxálico, desde o Ministerio de Agricultura italiano, do que depende o CREA, impulsouse o desenvolvemento dun produto comercial coas características establecidas nos ensaios realizados.

“Cada apicultor facía cousas diferentes con resultados tamén diferentes. Había que estandarizar e homoxeneizar o proceso”, explica Antonio, que foi a persoa encargada de colaborar coa empresa farmacéutica e poñer a punto o método.

Así naceu Api-Bioxal, rexistrado en 2010, e que “se corresponde perfectamente co que estableceramos nos experimentos e tiñamos xa moi probado”. A presentación comercial do produto é un ácido oxálico en forma de po que se disolve en auga e azucre.

Aplicar Api-Bioxal mediante sublimado (cun sublimador lento) ou por goteo non aporta diferenzas en canto á eficacia

Aplicado por goteo a unha dose de 5 ml/panal logra unha eficacia do 94,5% e mediante sublimación (2,3 g) a eficacia é do 92,9%. Para aqueles apicultores que opten polo método do sublimado, Antonio recomenda utilizar un aparato que subministre calor moi lentamente. “Hai que usar un sublimador lento no proceso de quentamento pero que conserve en gran medida a integridade do ácido oxálico”, indica.

Existe tamén outra formulación comercial rexistrada de Api-Bioxal con glicerol (62 mg/ml). “Como investigador non teño ningún interese económico no produto, pero a día de hoxe o Api-Bioxal, nas súas dúas presentacións (en po para disolución en auga con azucre e en forma líquida xa preparado e listo para usar mesturado con glicerol) é o produto comercial no mercado que mostra unha maior eficacia porque ten a formulación correcta”, asegura.

O tratamento en tiras Calistrip Biox require que as abellas estean aínda activas antes da formación da piña invernal

Desenvolveuse tamén xa a primeira formulación rexistrada de ácido oxálico en tiras, baixo o nome comercial de Calistrip Biox, aínda que neste caso a maior eficacia lógrase en ausencia de cría pero coas abellas aínda activas, antes da formación da piña invernal.

“Por tanto, ten límites de uso e temos que probalo. Necesitamos probas obxectivas antes de poder facer unha valoración. A eficacia e tolerabilidade para a súa autorización midiuse no outono no sur de Europa e non temos datos de probas por agora máis alá das que hai no propio prospecto do produto”, indica o investigador italiano.

No caso do Varromed, que contén unha mestura de ácido oxálico e ácido fórmico, está autorizado para repetir o tratamento até en 5 ocasións na primavera, polo que pode usarse para limpar a colmea de varroa sen necesidade de enxaular a raíña. 

Eficaz fronte a nosema

O ácido oxálico amosouse tamén eficaz contra outro problema habitual das abellas, o nosema (N. ceranae). “O Centro de Investigación Apícola e Agroambiental (CIAPA) de Marchamalo (Guadalaxara) realizou un ensaio nos meses de outubro-novembro, mediante unha subministración por goteo de ácido oxálico cunha concentración menor (2,3%) e unha dose de 50 ml con dúas aplicacións cun intervalo de tres semanas no que demostrou un posible uso do ácido oxálico fronte a nosema”, relata Antonio.

O CREA realizou unha proba posterior no seu apiario experimental en Bolonia medindo a eficacia contra nosema de Api-Bioxal 75% e Api-Herb, un tratamento específico que se atopa en forma comercial no mercado. O resultado foi que con Api-Herb a eficacia é do 98% e con Api-Bioxal do 75%. “É dicir, cando utilizamos ácido oxálico non só estamos a tratar contra a varroa, senón tamén contra o nosema; así pois, matamos dous paxaros dun tiro”, destaca.

“Non estou convencido de que a sublimación sexa o mellor sistema de aplicación debido á gran variabilidade de eficacia en función do sublimador que utilicemos”

DCIM100MEDIADJI_0201.JPG

Tras o uso inicial do ácido oxálico por goteo contra a varroa, comezou a popularizarse a técnica da sublimación, que leva xa case 20 anos realizándose, aproveitando que o ácido oxálico ten a característica de pasar de estado sólido a vapor directamente, sen pasar por unha fase líquida intermedia. 

Con todo, Antonio Nanetti advirte dos riscos deste método, tanto para a saúde dos apicultores, pola posible inhalación de microcristais cara aos pulmóns, como para a sanidade das colmeas, pola grande variabilidade de eficacia en función do tipo de aparato utilizado para a sublimación.

“Non estou convencido de que sexa a mellor técnica para tratar con ácido oxálico, por dous motivos: En primeiro lugar porque eses vapores en realidade convértense en microcristais. O ácido oxálico cristaliza ao contacto co aire frío e eses microcristais, que flotan no aire, son tan diminutos que poden entrar no aparato respiratorio do apicultor ata chegar ás terminacións bronquiais, polo que o apicultor que fai sublimación debe protexerse cunha máscara axeitada, con filtro de carbono”, insiste.

O apicultor que fai sublimación debe protexerse cunha máscara axeitada; non serven as do covid

O outro motivo ten que ver coas características físico-químicas do propio ácido oxálico. “As moléculas de ácido oxálico cristalizan e vólvense a xuntar en forma anhidra (sen auga). Unha parte do ácido oxálico degrádase termicamente, polo que non todo o ácido oxálico remata o proceso. Canto máis rápida é a subministración de calor maior é a degradación e a perda. Polo tanto, a eficacia depende do aparato de uso. Coa mesma cantidade de ácido oxálico posta nun sublimador dun tipo ou doutro conséguense eficacias moi diferentes porque o que chega ás veces ás abellas é unha parte moi pequena do ácido oxálico que o apicultor puxo no sublimador”, relata.

O que chega ás veces ás abellas é unha parte moi pequena do ácido oxálico que o apicultor puxo no sublimador, xa que se degrada

Por iso, insiste, a eficacia do sublimado depende en gran medida do sublimador que o apicultor utilice. “Non temos referencias sobre cal dos aparatos comerciais existentes funciona mellor e degrada menos o ácido oxálico para que chegue en maior medida ás abellas. O apicultor dá por feito que o tratamento foi efectivo cando hai sublimadores que mostran unha eficacia tan só do 30%, que é moi baixa”, advirte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información