USC e Aresa recompensarán proxectos que enriquezan o campo

Ambas institucións selaron hoxe un acordo na capital galega para activar o XVI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural.

USC e Aresa recompensarán proxectos que enriquezan o campo

Álvaro Rodríguez Eiras, Juan Viaño Rey e Javier Bueno Lema

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño Rey, e o presidente do Grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, asinaron esta mañá no salón reitoral do Colexio de San Xerome un convenio de colaboración co obxectivo de impulsar conxuntamente a edición de 2015 do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural. Acompañounos no acto o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema.

Con esta firma inícianse os preparativos dunha nova convocatoria deste galardón co que a USC e Aresa veñen recoñecendo aquelas iniciativas que contribúen á mellora do medio rural, promovidas por entidades, empresas, grupos de investigación ou persoas que comparten o interese polo progreso e a innovación do sector primario e o traballo neste ámbito.

Moitos dos premiados por este galardón teñen en común a xeración de riqueza e emprego na agricultura e na gandería, unha prioridade nos tempos que corren, tal como sinalou o presidente de Aresa: “A idea da que parte este premio está máis de actualidade que nunca, xa que 2015 foi declarado Ano Internacional dos Solos para chamar a atención sobre a súa saúde, o seu manexo e a súa fertilización eficiente, en aras dunha maior produtividade”. Neste sentido, Eiras apuntou a necesidade de ofrecer solucións tecnolóxicas e industriais para optimizar o rendemento do agro e, en consecuencia, favorecer o benestar da poboación do rural, aspecto que constitúe un piar para o Grupo e que se valorará especialmente nas propostas.

En setembro ábrese a recepción de candidaturas

O Premio Aresa está dotado con 10.000 euros e xa goza de tradición e peso en Galicia, vantaxes ás que se suma a existencia dun xurado profesional no que teñen tomado parte reitores de distintas universidades cunha orientación agraria, coma, por exemplo, as de Barcelona, Córdoba, Salamanca ou Trás-os-Montes e Alto Douro, o que lles outorga prestixio e unha gran difusión aos proxectos gañadores.

As bases presentaranse oficialmente en Lugo no mes de setembro, momento no que se abrirá o prazo de recepción das candidaturas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información