A publicación da cadea de ADN na revista Nature no ano 1953 supuxo un fito histórico que abriu novas portas para a investigación tanto no ámbito da saúde humana como na mellora xenética para a produción agrícola e gandeira. Juan Moreno é un experto no campo da xenómica e defende as posibilidades que abre para a produción de leite. “Podemos usar a xenética para aumentar a produción de maneira vertixinosa, pero tamén para mellorar a súa relación co medio ambiente”, asegura.
Alí onde vai, coma nas últimas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizadas por Seragro en Lugo, onde interviu como poñente, Juan, que é o responsable da empresa Sexing Technologies (ST Genetics), sempre defende que se deben aproveitar as novas tecnoloxías dispoñibles no campo da xenómica para avanzar máis rapidamente en distintos aspectos da produción leiteira do que se fixo até o de agora coa simple selección xenética e asegura que outros sectores tomaron a dianteira.
Os avances na produción de leite foron menores ca noutros ámbitos, porque mentres na produción de cereais ou en sectores como o avícola ou porcino se aumentou un 600% a productividade, no leiteiro no mesmo tempo só se logrou duplicar
“No último medio século grazas á mellora xenética das sementes e aos fertilizantes logrouse unha produción de cereais seis veces maior empregando a mesma terra. O avance na produción de polos e de porcos nos últimos anos foi semellante grazas tamén á mellora xenética e na alimentación. Por iso o polo ou os cereais son tan baratos nos supermercados, porque lograron producir máis con menos. Iso mesmo é o que hai que facer na produción de proteína láctea, un campo no que imos máis retrasados, porque mentres na produción de cereais a produtividade se multiplicou por seis, na produción de leite no mesmo periodo de tempo os avances foron menores. A produción leiteira só se multiplicou por dous, unha mellora do 100% fronte á mellora do 600% nos cereais”, exemplificou.
Xenotipar para acertar
Para avanzar máis rapidamente, asegurou o responsable de Sexing Technologies, “hai que xenotipar”. “A tecnoloxía do ADN é moi poderosa e está nas nosas mans para usala xa a día de hoxe. Por primeira vez temos unha tecnoloxía que nos permite predecir o futuro. Aos 15 días de vida da xata xa podemos predecir co 80% de fiabilidade cal vai ser a súa ganancia de peso, a súa produción e calidade de leite, a súa fertilidade, a súa saúde e a súa eficiencia alimentaria. Por que agardar dous anos a que paira e comece a dar leite para sabelo?”, preguntou.
Por iso, dixo, o que deben plantexarse os gandeiros non é canto lles custa o xenotipado, senón canto lles vai aforrar por evitar unha decisión errada. “Cal é o custo de criar, alimentar e coidar dous anos unha becerra que despois non nos dá o rendemento agardado e cal é a ganancia de acertar cunha becerra que ademais de maiores beneficios nos permite mellorar a xenética do noso rabaño?”, argumentou.
Cal é o custo de criar, alimentar e coidar dous anos unha becerra que despois non nos dá o rendemento agardado? Antes era unha lotaría, unha adiviñanza, pero hoxe temos a tecnoloxía que nos permite traballar con certezas
“Antes era unha lotaría, unha adiviñanza, pero hoxe temos a tecnoloxía que nos permite traballar con certezas e non só podemos saber como vai ser a vida dese animal, senón tamén da súa descendencia porque tamén podemos saber cal é o mellor touro para esa vaca e cal vai ser o animal resultante, polo que podemos adiviñar máis a futuro, porque podemos predecir dúas xeracións, a desa xata que acaba de nacer e a das súas fillas, a seguinte xeración”, afirmou.
Mellorar a porcentaxe de graxa en pouco tempo
Esta capacidade de predición permite, asegurou este experto, que haxa aspectos da produción de leite que se poidan mellorar moi rapidamente a través do emprego do xenotipado. “En dúas xeracións e só usando a xenómica e a selección xenética podemos converter unha vaca holstein, cuxa produción media de graxa é do 3,2%, ao nivel de produción de graxa dunha jersei, por riba do 4%, é algo que antes nos levaba 50 anos e agora logramos en 4 anos”, exemplificou.
Juan explicou que isto se debe a que a porcentaxe de graxa do leite que produce un animal ten un nivel de herdabilidade do 60%. “Por iso é moi doado e rápido mellorar as porcentaxes de graxa dunha granxa a través de ferramentas como a xenómica e a selección xenética, pero ao mesmo tempo tamén é doado empeorar se descoidamos este aspecto na selección do seme que lle poñemos ás nosas vacas”, advertiu.
Puxo un exemplo real, que lle tocou tentar correxir. “Fai 5 anos chamáronnos da cooperativa Aurora, de Santa Catalina, en Brasil, que procesa o leite dos seus 100.000 socios. Estaban preocupados porque o Goberno brasileiro fixara por lei a porcentaxe mínima de graxa e proteína que debía conter o leite no mercado e o leite que lles chegaba dos seus produtores tiña un contido en graxa inferior ao 3%. Primeiro pensaron que todos os gandeiros estaban cometendo a maldade de botarlle auga ao leite e até contrataron a investigadores privados que comprobaron que non era por iso. Logo achacárono a un problema de nutrición e contrataron a expertos nutrólogos que comprobaron que non se trataba dun problema nutricional. Así que finalmente contratáronnos a nós para que lles fixeramos 5.000 test xenómicos ás vacas da cooperativa e cando chegaron os resultados quedaron asustados. Lograran xeneticamente unha vaca que podía producir leite desnatada. O que acontecera é que nesa zona de Brasil durante 20 anos os concellos facían licitacións públicas e mercaban seme que logo distribuían gratuitamente entre os gandeiros para gañar votos e o que facían os alcaldes era fixarse só no prezo para ter máis doses para regalar, polo que as multinacionais que lles vendían o seme mandaban para alí o peor seme que tiñan, o máis barato, o que non podían vender en ningún outro lugar do mundo porque tiñan características negativas en graxa e proteína, así que ao final crearon un grupo xenético de vacas nesa zona que producían leite cunha porcentaxe de graxa do 2,8%, é dicir, lograran algo que parece imposible, empeorar en vez de mellorar as súas vacas de produción de leite usando xenética e inseminación artificial porque non se preocuparon dos rasgos xenéticos que tiña o seme que poñían”, explicou.
Hoxe, cinco anos despois, dixo, e seleccionando simplemente touros cos maiores índices de graxa e proteína, a cooperativa logra xa cumprir cos mínimos de calidade esixidos polo Goberno brasileiro e están avanzando moi rapidamente en tema de graxa e proteína “porque son caracteres con moita herdabilidade, igual que o tema do tamaño, é moi doado facer unha vaca grande ou pequena e cambiar o tamaño medio do rabaño”, asegurou.
Son totalmente agnóstico no tema das razas, porque hai animais bos e malos en todas as razas, pero a vantaxe das holstein con respecto ao resto é que hai moitos máis animais desta raza no mundo e iso permite ter moito máis onde escoller
A respecto da introdución doutras razas distintas á frisona para o aumento da porcentaxe de sólidos no leite, afirmou que “hai animais bos e malos en todas as razas”. “Son totalmente agnóstico no tema das razas, eu crieime nunha gandería con vacas pardo alpinas e penso que non hai diferencias na maneira de seleccionar os animais. Pero a vantaxe das holstein con respecto a outras razas é que hai moitos máis animais desta raza no mundo e iso permite ter moito máis onde escoller. Por iso é moito máis doado avanzar máis rapidamente e tamén por iso é moito máis doado rectificar e correxir se cometes un erro”, argumentou.
Mandan os habitantes das cidades
Para Juan Moreno, o proceso de crecente urbanización da sociedade está a ter repercusións sobre a produción de alimentos e sobre a forma de producilos. Unha das consecuencias deste proceso de concentración da poboación nas cidades é que é alí onde se toman as decisións. “O 78% da poboación europea vivirá só dentro de 10 anos, no 2030, nas cidades. Iso significa que o 78% dos votos van estar nas cidades e que vai ser esa poboación a que vai tomar as decisións de que temos que producir e como o temos que producir”, afirmou.
“E de nada serve resistirse, é unha perda de tempo, o que hai é que adaptarse. Nas cidades levaban 20 anos dicindo que comer graxa láctea era malo pero agora púxose de moda comer manteiga e por iso se demanda contido graxo no leite, porque os señores da cidade decidiron que comer manteiga é saboroso e san, por iso a graxa do leite hoxe vale cartos”, exemplificou.
Só dentro de 10 anos o 78% da poboación europea vivirá nas cidades e serán eles os que decidirán como temos que producir porque alí é onde estarán o 78% dos votos
Do mesmo xeito, dixo, “o consumidor quere que eliminemos as hormonas e os antibióticos e temos que usar a tecnoloxía xenómica para adiantarnos na predición de enfermidades do gando para usar menos antibióticos porque así nolo vai esixir o consumidor desde as cidades”. E engade: “Nos vindeiros 5 anos usaremos a bioelectrónica igual que empregamos todos o teléfono móbil e iso suporá unha trazabilidade total do produtor ao consumidor. En Xapón a carne no supermercado xa ten un código de barras que llo di todo ao consumidor e iso vai extenderse a todos os produtos. Non pensemos que imos poder seguir ocultando determinadas prácticas que usabamos até o de agora porque nos van descubrir”, afirma. Aínda que deixou claro que “o consumidor tende a ser romántico e a pensar sempre que os alimentos eran mellores e máis sans os producidos no pasado, pero iso non é certo, é un mito”, asegurou.
Acadar maior eficiencia na conversión alimenticia
O incemento previsto na poboación mundial (a ONU calcula que no planeta haberá 2 billóns de persoas máis dentro de 30 anos, pasando así dos 7,7 billóns actuais aos 9,7 billóns previstos no 2050) fará que a demanda de alimentos para esa poboación tamén se incremente, trasladando aos agricultores e gandeiros tanto a responsabilidade do coidado do planeta como a da produción de alimentos para a poboación.
“As distintas culturas teñen preferencias culturais distintas á hora alimentarse e de inxerir as diferentes proteínas animais, sexa leite, carne de vaca, de porco ou de polo, pero canto maior poder adquisitivo ten a poboación maior é o consumo de proteína animal, a relación é directa e clara”, afirma Juan Moreno.
O consumidor de cidade hoxe en día acepta que se usen os avances xenéticos para crear órganos en porcos para trasplantar logo ás persoas e salvar vidas humanas no primeiro mundo, pero pola contra non acepta comer carne nin alimentar á poboación con animais modificados xenéticamente
Sen embargo, dixo, a actitude do consumidor actual non está exenta de cinismo cando se trata de aproveitar os avances que permite a xenética para alimentar á poboación mundial. “O consumidor de cidade hoxe en día acepta que se usen os avances xenéticos para crear órganos en porcos para trasplantar logo ás persoas e salvar vidas humanas no primeiro mundo, pero pola contra non acepta comer carne nin alimentar á poboación con animais modificados xenéticamente”, contrapón.
“Os señores de cidade queren que plantemos máis árbores, pero non queren que usemos máis terra para producir alimentos. Son eles os que mandan, así que temos que adaptarnos e a única forma de facelo é mellorando a eficiencia alimenticia dos animais. O Goberno de EEUU leva xa 5 anos traballando nun proxecto para mellorar a conversión alimenticia nas vacas, é algo que xa fixeron antes os produtores de polos e de porcos”, indicou.
E explicou que nas probas feitas en EEUU comprobouse que as fillas dos mellores touros en conversión alimenticia comen até tres toneladas menos de alimento para a mesma ganancia de peso nos dous anos de crianza que as fillas de touros que son menos eficientes en conversión do alimento, é un aspecto que ten un factor de herdabilidade do 0,21 -indicou- polo que é posible mellorar xeneticamente as vacas de produción de leite neste parámetro, dixo. Ademais, aclarou “a eficiencia na conversión alimenticia non ten relación co tamaño do animal nin tampouco coa cantidade de leite que produce, é un rasgo xenético diferenciado”.
O Goberno de EEUU leva xa 5 anos traballando nun proxecto para mellorar a conversión alimenticia nas vacas porque para poder alimentar á poboación mundial nas vindeiras décadas temos que lograr duplicar a cantidade de leite que logramos por hectárea de terreo
“Como non podemos multiplicar a terra que hai no planeta temos que ter vacas máis eficientes porque senón as vacas necesarias para alimentar a eses 2.000 millóns máis de persoas que se prevén dentro de 30 anos non nos collerían no planeta Terra, hoxe temos 274 millóns de vacas no mundo pero se non logramos mellorar a súa eficiencia en 2050 teriamos que ter 525 millóns de vacas, así que como iso non é posible temos que producir máis con menos, que é o que fixeron tamén os produtores de cereais nas últimas décadas, é dicir, como mínimo temos que lograr duplicar a cantidade de leite por hectárea de terreo nas vindeiras décadas para poder alimentar á poboación mundial, iso significa unha mellora do 1,25% cada ano”, xustificou.
Para Juan Moreno, as esixencias para os produtores de leite son cada vez maiores. “O noso obxectivo final como produtores de proteína animal é producir un produto de excelente calidade para satisfacer ao consumidor final do noso produto na cidade dunha maneira ética, coidando o medio ambiente e protexendo o benestar animal dos animais que coidamos. Por iso temos que mellorar a xenética e a alimentación das vacas para producir máis con menos e para isto contamos con numerosas ferramentas xenéticas, coma o xenotipado, que podemos utilizar para competir con outros sectores de produción de alimentos, mellorando a conversión de alimento”, resumiu.
O negocio mundial da xenética
“As cánulas para inseminación artificial son un invento que ten xa 50 anos, o único que melloramos é o que vai dentro”, afirma o responsable de Sexing Technologies, unha das empresas punteiras do sector da xenómica que procesa seme sexado para as grandes compañías de xenética do mundo.
No mundo véndense a día de hoxe 400 millóns de doses de seme de touro ao ano. “Onde máis se vende é na India, uns 80 millóns, porque como non comen carne de vacún teñen que alimentar á poboación con proteína láctea”, explica Juan. O segundo consumidor mundial de xenética bovina é EEUU, con 73 millons de doses anuais, mentres que os países de Europa Occidental no seu conxunto gastan a metade desta cifra, uns 36 millóns de doses de seme ao ano.
Pero o negocio da xenética foi evolucionando da simple venda de seme para inseminación artificial e na actualidade camiña cara as evaluacións xenómicas dos animais receptores e a implantación nas vacas e xovencas de seme sexado dos touros que mellor se adapten ás súas características e que asegure deste xeito unha descendencia feminina.
O seme sexado foi inventado no ano 1984 por Larry Johnson e Glenn Welch nos EEUU. Na actualidade véndense xa máis de 16 millóns de doses de seme sexado ao ano (segundo os datos do ano 2018) e hai xa 28 laboratorios en 16 países do mundo creando seme sexado, que representa arredor do 4% do seme usado para a inseminación de vacas a nivel mundial. Aínda que se produce seme sexado doutras especies como benados, cabalos, ovellas ou cabras, a produción de vacún de leite acapara a maior produción de seme sexado.
Un estudo da Universidade de Cornell asegura que o sexo do feto inflúe na cantidade de leite que se produce na lactación e que cando unha vaca trae unha xata dá 220 litros máis de leite nese parto que cando pare un xato
Juan asegurou que “o sexo do feto inflúe na cantidade de leite que produce a vaca na súa lactación” e segundo un estudo da Universidade de Cornell, na que analizaron un millón e medio de animais, “as vacas dan máis leite se a cria que paren é unha femia”, polo que defendeu a utilidade do uso de seme sexado nas vacas de produción de leite. O estudo desta Universidade americana asegura que cando unha vaca trae unha xata produce 220 litros máis de leite por lactación que se pare un xato.