Urxen un plan de inspección e mantemento de infraestruturas exteriores de madeira

Fearmaga traslada á Xunta e outros organismos a súa preocupación tras os recentes accidentes ocorridos en España, como o de Santander, derivados da falta de mantemento e tamén do impacto do inverno

Publicidade
Urxen un plan de inspección e mantemento de infraestruturas exteriores de madeira

O uso da madeira en exteriores require dun axeitado mantemento. / Arquivo.

A Federación Empresarial de Serradoiros e Rematantes de Madeiras de Galicia (Fearmaga) solicita ás Xunta de Galicia, Portos de Galicia e a Demarcación de Costas en Galicia a súa implicación urxente na conservación, mantemento e supervisión de infraestruturas de madeira na comunidade.

Nunha comunicación enviada ás distintas Administracións, advirte do progresivo deterioro de pasarelas, paseos marítimos, accesos a praias e elementos asociados a roteiros naturais (miradoiros, torres de observación ou refuxios), moitos deles nun estado que pode supoñer un risco para a seguridade dos usuarios.

Esta reclamación prodúcese tras varios accidentes recentes en España, algúns deles con consecuencias mortais, como o ocorrido en Santander, que puxo o foco sobre a seguridade deste tipo de infraestruturas.

En Galicia -mantén Fearmaga-, existen numerosos exemplos de deterioro, onde a falta de mantemento continuado provocou o desgaste e enfraquecemento de estruturas de madeira. A esta situación súmase o impacto do último inverno, o máis húmido do último cuarto de século, cun incremento do 81 % nas precipitacións, o que agravou o estado de moitas instalacións exteriores que xa presentaban deficiencias previas.

No caso das pontes peonís, como a que colapsou en Santander, cómpre lembrar non obstante que en Galicia púxose en marcha unha instrución técnica no 2025 para velar pola seguridade e durabilidade destes elementos, desde a fase de proxecto e execución de obra á de mantemento. É unha instrución técnica impulsada pola Axencia Galega de Infraestruturas en colaboración coa Axencia Galega da Industria Forestal. A norma aplica para todas as pontes peonís construídas con participación da Xunta de Galicia.

Madeira segura
O presidente de Fearmaga, Elier Ojea, defende o uso da madeira na construción de infraestruturas situadas no exterior: “A madeira é segura, o problema é a falta de mantemento” e destaca que se trata dun material “estrutural fiable, sostible e plenamente adecuado para este tipo de infraestruturas, sempre que se apliquen protocolos de conservación adecuados”.

“A madeira é segura. O problema é a falta de mantemento” (Elier Ojea, Fearmaga)

Fearmaga lembra que, no caso doutros materiais que tamén sufriron as consecuencias meteorolóxicas do pasado inverno, como o asfaltado da rede viaria, tanto o Goberno de España como a Xunta de Galicia puxeron en marcha plans específicos de emerxencia e reforzo para reparar os danos. Por iso, a federación considera necesario articular igualmente un plan específico que permita supervisar, conservar e reparar as infraestruturas exteriores de madeira.

Neste sentido, Fearmaga valora os esforzos da Xunta de Galicia para fomentar o uso da madeira na construción, pero considera que estes esforzos deben ir acompañados dunha adecuada xestión das infraestruturas existentes para reforzar a confianza da cidadanía neste material.

Así, Fearmaga solicita a posta en marcha dun plan coordinado de inspección, mantemento e renovación de infraestruturas de madeira en Galicia, xunto coa clarificación das competencias entre administracións para evitar situacións de abandono. Así mesmo, expón a necesidade de incorporar criterios técnicos específicos de mantemento nos proxectos públicos e de dotar de recursos económicos suficientes que permitan garantir a seguridade dos usuarios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información