Urxen á autorización das importacións de millo americano para evitar sacrificios de gando

Cooperativas Agroalimentarias de España e os fabricantes de pensos advirten de que un retraso da medida obrigaría a iniciar os sacrificios de gando nas granxas españolas

Urxen á autorización das importacións de millo americano para evitar sacrificios de gando

Control en porto de pensos importados.

De Ucraína importábanse cada ano arredor de 2,7 millóns de toneladas de millo, o que cubría un 30% das necesidades españolas de millo para pensos, segundo os cálculos de Cooperativas Agroalimentarias de España. A perda dese mercado obriga a buscar solucións urxentes, pois só quedan reservas no país para arredor de 5-6 semanas, segundo as estimacións de cooperativas e fabricantes.

O recente compromiso das autoridades españolas e europeas para impulsar unha autorización excepcional de importacións de millo de Estados Unidos, Canadá e Arxentina foi ben recibida polo sector, pero o tempo remátase.

En Europa, hai un acordo maioritario da Comisión de Agricultura pola que se lle solicita ó comisario de Agricultura, Janus Wojciechowski, a adopción dunha serie de medidas pola crise, entre elas, a de flexibilizar as importacións de cereais e oleaxinosas. A cuestión é cando se adoptarán esas medidas.

O director xerente da Confederación Española de Fabricantes de Alimentos Compuestos para Animales (Cesfac), Jorge de Saja, sinala que “prometéronsenos medidas inmediatas, pero a perspectiva, a día de hoxe, é que esas medidas tardarán semanas en ser tomadas, e máis semanas en ser executadas. Se isto non cambia, haberá sacrificios de gando en granxas españolas por falta de pensos”, advirte. Preocupa en especial a situación do sector porcino.

“Se a situación non cambia, haberá sacrificios en granxas españolas por falta de pensos” (Jorge de Saja, Cesfac)

Para enfrontar a situación, Cooperativas Agroalimentarias de España pediu a inmediata creación dunha mesa de crise entre o Ministerio de Agricultura e o conxunto do sector, desde a produción á distribución.

Cooperativas Agroalimentarias insiste en que “necesitamos o millo arxentino e de USA”. A organización recoñece que a UE está preocupada por algúns dos fitosanitarios usados en Arxentina e prohibidos en Europa, pero lembra tamén que un dos produtos que xera preocupacións, como o insecticida diclorvos, está tamén prohibido en Arxentina desde o 2017, “aínda que poderían atoparse trazas nalgún material almacenado”, recoñecen. Cooperativas pide tamén que se levanten temporalmente as restriccións sobre os transxénicos procedentes de Estados Unidos.

O sector pide que Europa repense a estratexia verde da PAC. “A prioridade agora debe ser producir”, advirte Cooperativas Agroalimentarias de España

Replantear as estratexias europeas
Por último, Cooperativas Agroalimentarias de España sinala a necesidade de repensar as estratexias europeas que poñen o énfase nunha agricultura máis verde. Sen cuestionar a necesidade de coidar o medioambiente, Cooperativas apunta a que, nas actuais circunstancias, a prioridade estratéxica debe pasar polo aumento da produción en Europa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información