Upa e Coag desmárcanse do acordo lácteo

Upa e Coag desmárcanse do acordo lácteo

O sector produtor dubida de que o acordo repercuta en melloras dos prezos do leite.

Das tres organizacións agrarias que teñen interlocución directa nas negociacións co Ministerio de Agricultura, dúas delas, Coag e Upa, desmárcanse do acordo que asinarán hoxe en Madrid os distintos axentes da cadea de valor do leite (industrias, distribución e sector produtor). Polo sector produtor asinará Asaja e tamén Cooperativas Agroalimentarias de España.

As organizacións que se desmarcan da sinatura explicarán hoxe en rolda de prensa a súa postura. En síntese, néganse a apoiar o pacto porque non lle ven garantías de que conduza a “prezos sostibles” para os gandeiros. Tamén queda sen desenvolver por agora unha cobertura xurídica de sancións en caso de incumprimento do acordo, outro dos puntos que o sector considera clave para que haxa garantías de que a sinatura de hoxe será máis que unha declaración de boas intencións.

En Galicia, o Sindicato Labrego Galego, que participa a través de Coag nas negociacións estatais, tamén se pronunciou en contra do acordo. “Sen elementos básicos para unha maior concreción de prezos, e sen sancións en caso de incumprimentos, non estamos dispostos a asinar un cheque en branco”, sinalou a súa secretaria xeral, Isabel Vilalba, en declaracións ós medios.

Doutro lado, a ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, advertiu de que a fixación de prezos mínimos vai contra as normativas de Competencia. “O último que querería é que os gandeiros se expuxesen a sancións de Competencia por pactos de prezos”, indicou en alusión ás demandas sindicais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información