Consellos para o cultivo da horta en xaneiro

Publicidade
Consellos para o cultivo da horta en xaneiro

Horta recén plantada con chícharos e coles

A pesar de ter fama de ser un dos meses máis fríos do ano, a actividade na horta en xaneiro non para. Durante este mes realizaremos unha planificación dos cultivos de primavera e podemos comezar a realizar a poda tanto de froiteiras de carabuña como da viña. Velaquí uns consellos

Sementeiras:

En canto ás sementeiras, continuaremos plantando allos e bulbos de cebola. A tradición popular recomenda facelo en lúa minguante, para favorecer o desenvolvemento da raíz e evitar que se suba a flor. 

Tamén podemos plantar chícharos e fabas castelás. E nas zonas de clima máis suave e benigno, sobre todo no sur de Galicia e nas zonas de costa, pódense comezar a plantar as patacas temperás ao longo deste mes, para ter unha colleita no mes de maio. O mesmo pódese facer baixo invernadoiro.

En invernadoiro tamén podemos comezar a sementar os alcouves dos cultivos que plantaremos na primavera a raíz núa: pementos, cebolas, tomates, acelga, remolacha…etc.

Colleitas:

Polo demais, neste mes a nosa horta seguirá producindo allos porros, remolacha de mesa, escarola..etc, todos elas plantas resistentes ás xeadas. E por suposto, seguiremos recollendo todo tipo de brásicas: repolo, brócoli, coles, ou coliflor, así como nabizas. En definitiva, verduras de alta calidade nutritiva que son a mellor garantía dunha boa saúde.

Poda e plantación de árbores froiteiras:

Por outra banda, xaneiro é un bo momento para plantar a raíz núa árbores froiteiras de pebida, como maceiras, pereiras ou membrilleiros. Coincidindo coa parada vexetativa, tamén se recomenda a poda destas árbores, non así a das de óso, que se aconsellan podar en marzo. Durante o mes de xaneiro tamén se recomenda realizar a poda da viña.

Tamén debemos protexer das xeadas as árbores froiteiras máis delicadas, como laranxeiras ou limoeiros. Para iso podemos empregar mantas térmicas, ou outras cubertas que eviten as queimaduras da planta pola xeada.

Igualmente, durante o mes de xaneiro recoméndase realizar un tratamento con cobre co fin de evitar problemas graves de patóxenos neste campaña, así como para protexer as feridas e microferidas, provocadas tanto pola caída da folla como pola recollida dos froitos.

Polo demais, aconséllase, do mesmo xeito que nos demais meses, seguir elaborando compost orgánico con restos de peladuras, herba cortada, follaxe etc. Esta materia orgánica é a garantía dunha horta viva e produtiva.

3 ideas sobre “Consellos para o cultivo da horta en xaneiro

  1. Maria Dolores Otero Bea

    agtadezo, os consellos q dades, para poder levar unha horta con un pouco de orden pola miña parte.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información