Uns 6.500 galegos perden os carnés de fitosanitarios obtidos no Bierzo con cursos fraudulentos

A invalidación das autorizacións chega en plena campaña de tratamentos contra o mildeu en cultivos como a pataca ou o viñedo

Publicidade
Publicidade
Uns 6.500 galegos perden os carnés de fitosanitarios obtidos no Bierzo con cursos fraudulentos

Enorme malestar e desconcerto entre os 6.500 agricultores galegos titulares de carnés de fitosanitarios obtidos en Castela e León, logo de comprobar que non están autorizados a retirar con eles produtos das comerciais agrícolas e veterinarias que os distribúen. 

Entre os afectados hai produtores das catro provincias galegas que no seu momento acudiran a obter a súa licenza de aplicación de produtos fitosanitarios á comarca do Bierzo, ante a falta de cursos oficiais homologados ofrecidos pola Xunta en Galicia, segundo se valoraba daquela no sector.

No sector sinálase que a Xunta non ofreceu formación suficiente en Galicia no seu momento, obrigando aos produtores a acudir a Castela e León a facer o curso para obter o título de aplicador de fitosanitarios

A raíz da entrada en vigor do Real Decreto 1311/2012 de uso sustentable de produtos fitosanitarios, desde o 26 de novembro de 2015 limítase a venda dos de uso profesional soamente a aqueles agricultores e gandeiros que conten coa titulación necesaria.

A fraude na concesión destes títulos foi recoñecida polos responsables de impartir a formación e recollida en sentenza xudicial firme. A cuestión é que os cursos tiñan un total de 25 horas (16 online e 9 de prácticas presenciais), pero acreditouse que os alunos non facían a parte online, senón que as academias automatizaban a súa realización por medio de robots de software.

En cumprimento da sentenza xudicial, o Ministerio de Agricultura vén de dar baixa todos eses carnets no Rexistro oficial de produtores e operadores de fitosanitarios  (Ropo), pero nin o Ministerio nin a Xunta informaron aos afectados. 

Moitos pequenos produtores estanse a enterar ao acudir a mercar á tenda de fitosanitarios de que o seu carné foi dado de baixa no ROPO 

Agora, moitos deles estanse a atopar que cando acuden a unha tenda de fitosanitarios a mercar algún produto dinlles que o seu carnet xa non está dado de alta, polo que non poden vendérlello. Hai un enfado enorme nos afectados, que se queixan de que ninguén lles ofrece alternativa algunha. 

A maioría son pequenos produtores, tanto en activo como xubilados, con hortas para autoconsumo ou pequenas producións para venda. O problema agrávase porque a anulación dos carnés de fitosanitarios cólleos en plena campaña de tratamentos contra o mildeu en cultivos como pataca ou viñedo.

Podes consultar aquí se eres un dos afectados pola perda do carné de fitosanitarios en Galicia.

Quen debe ter o carné de fitosanitarios?

O 25 de novembro do 2015 entrou en vigor en España a Directiva 2009/128/CE do Parlamento Europeo e do Consello pola que se establece un marco de actuación comunitario para conseguir un uso sustentable dos praguicidas.

A normativa foi trasposta en España a través do Real Decreto 1311/2012 e establece os seguintes cambios: xestión integrada de pragas, xestión de envases, inspección de maquinaria, protección do medio acuático e de zonas específicas e formación de usuarios, profesionais e vendedores.

Este último aspecto obriga a que os aplicadores e comerciantes realicen o curso de capacitación homologado de Aplicador-Manipulador de Produtos fitosanitarios, que establece tres niveis de capacitación: Básico, cualificado e fumigador.

Os requisitos que se establecen para os distintos axentes do sector son os seguintes:

  • Os distribuidores deberán contar cun técnico con titulación universitaria habilitante (enxeñería agrónoma, forestal, etc) .
  • Vendedores deberán estar en posesión do correspondente carné cualificado. Quedan eximidos deste requisito o persoal dos distribuidores cuxas tarefas non sexan a venda nin a manipulación de produtos fitosanitarios para uso profesional.
  • Persoal auxiliar deberá estar en posesión do correspondente carné básico.
  • Os aplicadores deberán estar en posesión da correspondente carne básico, cualificado ou
    fumigador en función do tipo de produto a aplicar.
  • Os produtos tóxicos, moi tóxicos ou mortais que sexan ou xeren gases só se poden vender a empresas de tratamentos con persoal nivel fumigador ou usuarios que dispoñan do carne de fumigador.
  • Estarán exentos de realizar o curso para obter o carné cualificado quen xustifique unha titulación universitaria habilitante ou unha titulación de formación profesional que acredite a formación reflectida nese Real Decreto.

Que produtos fitosanitarios se poden comprar sen carné?

A utilización de produtos fitosanitarios de uso profesional atápase restrinxida a usuarios profesionais con carné e inscritos no ROPO. O resto de usuarios sempre poderán usar os produtos de uso non profesional. Os usuarios non profesionais poderán realizar tratamentos nos seguintes ámbitos e cos seguintes tipos de produtos:

  • En xardíns domésticos de exterior e hortos familiar, con produtos expresamente autorizados para uso non profesional nestes ámbitos.
  • En xardinería doméstica de interior, con produtos envasados como aerosol ou outros tipos de envases concibidos expresamente para a aplicación directa do seu contido.

O Real Decreto 1311/2012 define como produtos de uso non profesional:

  • Un litro, cando se trate de aerosois ou outros tipos de envases deseñados para aplicar directamente o produto fitosanitario.
  • 500 gramos ou 500 mililitros para calquera outro tipo de preparados.

Busca aquí se es unha das 6.817 persoas de Galicia afectadas pola anulación de carnés de fitosanitarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información