Un grupo de tres universitarios galegos, Elio López e Óscar Guasch, da Facultade de Veterinaria de Lugo, e Daniel Pardo, de Enxeñería Informática da Universidade da Coruña, veñen de crear iTechTerm, un novidoso sistema informático que, medindo en tempo real a temperatura de cada animal, detecta de forma precoz as principais enfermidades do gando vacún, así como celos, partos ou cando é o momento idóneo para retirar un antibiótico.
Segundo explica Elio López a Campo Galego a idea de crear este sistema, que prevén que estea no mercado cara o ano 2020, xurdiu porque “os tres somos de campo e vimos o avance das novas tecnoloxías no sector gandeiro e pensamos que tiñamos que facer algo para mellorar a rendibilidade das explotacións e a calidade de vida dos gandeiros”.
“Vai permitir un mellor e máis completo control e xestión do rabaño e máis tranquilidade para o gandeiro”
Así, e a partir da experiencia e do estudo de diferentes posibilidades chegaron á conclusión da importancia das variacións de temperatura corporal dos animais para a detección precoz de enfermidades, antes de que o animal presente os síntomas, polo que pensaron en ter a temperatura controlada permanentemente. “A partir de aquí plantexamos recoller os demais datos que xa teñen as explotacións e integralos coa temperatura para que a nosa proposta fora de moito valor para o gandeiro”, explica Elio.
O sistema Itechterm está baseado no análise das variacións de temperatura que se recollen mediante un sensor de temperatura subcutáneo, que están desarrollando, e dos datos produtivos do animal mediante algoritmos de intelixencia artificial, os cales xeran alertas para avisar ao gandeiro. Desta forma, detecta con antelación dende procesos infecciosos ata metabólicos ou incluso reprodutivos, como os partos ou os celos.
Elio López destaca que “isto vai permitir un mellor e máis completo control e xestión do rabaño, o que redundará nun aumento da produtividade e rendibilidade”. “Non menos importante é a tranquilidade que lle dará ao gandeiro que terá aos seus animais completamente controlados”, engade.
Buscan ganderías de vacún de leite galegas para colaborar no proxecto
En canto á previsión para que Itechterm estea no mercado, o obxectivo co que traballan os tres universitarios é que no ano 2019 teñan o proxecto piloto en 4 ou 5 explotacións e no ano 2020-2021 saír ao mercado galego. Xa están en contacto con varias empresas que amosaron gran interese polo sistema, “aínda que temos pensado comezar nós coa comercialización”, precisa Elio.
¿E canto custará ao gandeiro? “Queremos que non supoña un gran investimento para o gandeiro e non supere os 30€ por animal”, asegura.
Precisamente, para o proxecto piloto os tres universitarios están buscando explotacións leiteiras da xeografía galega que poidan colaborar no proxecto. As persoas interesadas poden contactar a través do correo itechterm@gmail.com ou na páxina web : www.itechterm.es
Viaxarán a Sillicon Valley despois de ser elixida a mellor idea do programa Explorer USC Lugo
Os creadores de ItechTerm viaxarán a Sillicon Valley grazas a que a súa idea foi elixida a mellor do programa Explorer USC Lugo, que impulsa Banco Santander a través de Santander Universidades e coordina o Centro Internacional Santander Emprendimiento (CISE), no marco da iniciativa global Santander X.
Grazas a isto o tres emprendedores viaxarán a Silicon Valley, en Estados Unidos, xunto a outros 52 mozos emprendedores de España. Cando regresen da viaxe, estes mozos competirán con outras propostas gañadoras no resto de centros Explorer de España. As tres mellores gañarán un premio económico de 30.000, 20.000 e 10.000 euros.