Unitega advirte de problemas administrativos que entorpecen a caza do xabarín

A entidade asegura que hai un “colapso inédito” na aprobación dos plans de ordenación cinexética e dos plans anuais de cada Tecor. Cuestiona que os precintos desta campaña para marcar as pezas capturadas non estivesen dispoñibles ata o pasado venres

Unitega advirte de problemas administrativos que entorpecen a caza do xabarín

Prado con danos do xabarín. / Arquivo.

Os danos que o xabarín está a causar nos cultivos, sobre todo no millo, puxeron os focos nas últimas semanas sobre os Tecores (Territorios Cinexéticos Ordeados). Hai máis de 400 en Galicia, cada un xestionado por unha sociedade de cazadores locais. As organizacións agrarias e a propia Xunta pedíronlle estes días un esforzo ós Tecores no control do porco bravo, pero na práctica, os cazadores advirten de problemas administrativos que entorpecen as batidas.

A Unión de Tecores de Galicia (Unitega), unha entidade que defende un modelo de caza social -fronte ó da caza deportiva-, asegura que a tempada de caza maior, iniciada o pasado 27 de agosto, arrancou sen que a Xunta suministrase precintos para esta campaña.

Os precintos, necesarios para marcar as pezas capturadas, de xeito que haxa un control sobre os cupos de caza, comezaron a distribuirse a última hora do pasado venres 9 de setembro, 12 días despois de iniciada a tempada. Entre tanto, os cazadores tiveron que botar man de precintos sobrantes da pasada campaña.

Plans de aproveitamento cinexético
Outro dos atrancos cos que se están a atopar os Tecores esta campaña é co “colapso” na aprobación dos plans de ordenación cinexética e dos plans anuais de aproveitamento. Unitega sinala que parte dos Tecores arrancaron a campaña sen que os seus plans estivesen aprobados, polo que tiveron que solicitar prórrogas dos plans de aproveitamento cinexético da pasada campaña para poder cazar.

En canto á política para enfrontar os danos causados pola fauna salvaxe, a Unión de Tecores cuestiona en nota de prensa que a Dirección Xeral de Conservación da Natureza eliminase un grupo multidisciplinar de traballo creado ó efecto. Ese grupo, segundo lembra Unitega, contaba coa participación de agricultores, cazadores, ecoloxistas e da propia Consellería de Medio Ambiente.

Desde Unitega piden por último da Consellería que se centre en resolver os problemas dos cazadores, “en lugar de facer campaña electoral a nosa costa”.

Medidas da Xunta
A Consellería de Medio Ambiente anunciou esta semana que deu orde de eliminar o límite de 2 exemplares de xabarín por batida durante a época de maior conflictividade. Tamén asegura que dictará unha instrucción para axilizar as autorizacións de batidas por danos, aquelas que estean fóra da planificación anual de cada Tecor.

Así, nos concellos considerados máis conflictivos, un total de 126 -o 40% dos municipios galegos-, a autorización de batidas cursarase nun prazo de 24 horas, sen necesidade de que un axente medioambiental comprobe os danos denunciados. Para o resto de localidades, unha vez que un axente comprobe os danos, a Xunta márcase un prazo de 48 horas para decidir sobre o permiso da batida.

Durante as últimas semanas, a Consellería estivo a manter reunións e contactos coa Federación Galega de Caza para pedirlle un maior esforzo no control do xabarín.

Peticións sobre a Lei de Protección Animal de Galicia

Unitega vén de solicitar por escrito que a Consellería de Medio Ambiente faga público o informe final sobre a Lei de Protección e Benestar dos animais de compaña en Galicia. Os cazadores lembran que o periodo para presentar alegacións ó anteproxecto da lei rematou hai cinco meses e queren coñecer se as súas propostas se tiveron en conta.

Os cazadores temen que a nova Lei afecte ó colectivo cinexético, posibilidade que Medio Ambiente nega. Unitega pide, non obstante, que o informe final sobre a Lei se faga público antes das eleccións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información