Unións vincula a entrada de cisternas de leite coa rotura de contratos das industrias lácteas

A organización agraria denuncia as presións das industrias para baixar os prezos aproveitando a chegada de leite de países excedentarios. Acusa a Lactalis e Inleit de ofertar contratos ilegais e anima ós produtores a rexeitar a súa proposta

Unións vincula a entrada de cisternas de leite coa rotura de contratos das industrias lácteas

Óscar Pose responsable de Servizos de Unións Agrarias durante a comparecencia telemática.

Unións Agrarias vincula a entrada de cisternas de leite a baixos prezos que se veu detectando nos últimos meses, sobre todo durante a crise sanitaria do coronavirus, coa presión que están exercendo algunhas industrias para modificar os contratos que tiñan asinados cos produtores. Sinalan que non existen causas xustificadas no mercado para que as industrias tenten romper os compromisos adquiridos.

O responsable de Servizos de Unións Agrarias, Óscar Pose, analizou esta mañá, nunha comparecencia telemática, a situación do sector lácteo no primeiro cuadrimestre do ano. Os datos revelan un incremento da produción acorde ó aumento do consumo tanto de leite como de produtos lácteos, que no caso destes últimos, no mes de abril chegou a aumentar un 21%.

Mesmo os prezos de determinados produtos lácteos, coma a manteiga ou o leite en po, comezan a amosar certa recuperación nas últimas semanas, logo dunha baixada acentuada en meses pasados. “Non existe ningunha razón de mercado para as propostas de determinadas industrias de baixar o prezo do leite ós produtores”, sinala Pose.

Só no mes de abril a importación estatal de leite incrementouse nun 211%

Porén, dende a organización agraria denuncian que a entrada de leite a baixos prezos procedente de países excedentarios pode ser a causa de que algunhas industrias estean a presionar ós produtores coa rotura dos contratos. “A industria quere abaratar o prezo do leite e sérvese destas cisternas que están introducindo leite a entre 18 e 24 céntimos por litro para presionar ós produtores”, detalla Pose, ó tempo que aclara que esta práctica xa foi denunciada por Unións ante a Axencia de Información e Control Alimentarios (Aica). No primeiro cuadrimestre do ano, a importación estatal de leite incrementouse un 92%, e só no mes de abril aumentou nun 211% con respecto ó 2019, segundo apuntaron dende Unións.

Rotura de contratos

A organización advirte de que as industrias se están aproveitando deste incremento de leite para a modificación unilateral de contratos, como propuxeron Lactalis e Inleit, e que, segundo denuncian, se basean en propostas ilegais. No caso de Lactalis, a industria argumenta o cambio nos contratos atendendo á modificación da Lei da Cadea, que impide a aplicación dun índice referencial que Unións xa denunciara como ilegal. A proposta da industria é á baixa, polo que tamén sería ilegal, sostén Unións. Ademais, fíxase un índice tendo en conta os prezos dos produtos industriais, que segundo indica Pose, non teñen que ver co prezo do leite líquido no supermercado.

Explicación de Lactalis
Pola súa parte, o Grupo Lactalis asegura que se axusta á legalidade e que os novos contratos reemprazan ós que caducan no mes de agosto. Xustifican que é preciso contar con novos contratos que fixen de forma diferente o prezo base, logo de que a modificación da normativa lles obrigue a deixar de empregar o índice de referenciación que usaban ata o momento. No cálculo do prezo base propoñen unha parte fixa e outra variable indexada a índices internacionais. “Na parte variable propuxemos incorporar límites máximos e mínimos, polo que a oscilación será moi pequena”, indican dende a industria, ó tempo que aseguran que as súas propostas están a ser ben recibidas polos gandeiros.

No caso de Inleit, a organización agraria anima ós produtores a rexeitar os novos contratos que a industria está a enviar estes días, alegando que son ilegais. Recrimina que se remitiron ós produtores de xeito unilateral, sen levar a cabo unha negociación, tal e como esixe a normativa de contratos lácteos.

Pose tamén indica que a mesma norma prohibe unha baixada do prezo, estando só permitida unha modificación á alza. Ó igual acontece coa fixación dun prezo variable en función dos produtos industriais, cando a empresa xa acordara un prezo fixo e tendo en conta que esta modificación suporía unha baixada de 2 céntimos.

Unións califica de ilegais tanto os contratos de Lactalis como de Inleit, ó ser propostas á baixa

Para Unións, a proposta tamén incorre na ilegalidade ó ser remitida ós produtores fóra de prazo. No canto de propoñer a oferta con 2 meses de antelación, como estipula a normativa, “as notificacións están chegando no mesmo día de entrada en vigor, onte mesmo, ou no día de hoxe”, sinala. Tampouco sería legal que a industria propoña contratos a 3 meses, xa que o mínimo é 1 ano e só o produtor pode renunciar a esa duración. Ademais, Pose alerta de que “unha vez que se rompe o contrato anual e se firma a 3 meses ninguén nos garante que ó rematar este prazo nos sigan recollendo o leite”.

Neste contexto, Pose recordou ademais que as industrias levan tempo “chantaxeando” ós produtores, obrigándolles a renunciar á súa participación nas Organizacións de Produtores Lácteas (OPL). “As OPL créanse para que o gandeiro teña peso na negociación e está claro que ás industrias moléstanlles”, reivindica.

Dende a organización agraria tamén piden á Consellería de Medio Rural a súa mediación para frear estas prácticas por parte das industrias e reclaman sancións exemplares.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información