Unións Agrarias valora positivamente o anuncio do Ministro de Agricultura da implantación voluntaria da figura do veterinario de explotación, pero pide a súa supresión definitiva pola carga administrativa para as pequenas explotacións gandeiras.
Desde a organización agraria lémbrase que “este avance vén derivado dos acordos entre a Unións de Pequenos Agricultores (UPA) e o Goberno logo das mobilizacións do pasado mes de febreiro”, e insístese en que “o veterinario de explotación nada aporta no que ten que ver co benestar animal e a seguridade alimentaria e que unicamente ven aumentar as trabas e custos das explotacións”.
Unións Agrarias pide un maior esforzo inversor na gandería de vacún de carne polo seu valor na xestión do territorio, a conservación da biodiversidade, a prevención de lumes e a mitigación da mudanza climática mediante a creación de axudas específicas. Neste sentido, valora “positivamente o avance na posta a disposición das granxas da vacina da EHE” prevista para despois do verán, pero lembra que “a incidencia desta enfermidade nos animais xa ten suposto perdas na explotacións” polo que solicita un maior concurso inversor a toda as administracións para poder atallala canto antes.
No mesmo capítulo, valórase como positiva a flexibilización nas campañas de detección de tuberculose bovina pola súa baixa prevalencia nas ganderías e insístese na necesidade de axilizar o pago das indemnizacións ás granxas afectadas por un baleiro sanitario.
Finalmente, Unións Agrarias demanda a creación de axudas específicas para o modelo de gandería familiar, así como “o recoñecemento e valorización do papel medioambiental que esta desenvolve mediante a creación de incentivos para unha actividade que é unha ferramenta recoñecida e eficaz de xestión da paisaxe, conservación da biodiversidade, prevención de incendios e mitigación do cambio climático”.